Teaser de Metal Gear Solid: Rising

Por: Martes, 2 de Xuño de 2009, 10:20 COMENTAR

Efectivamente, o da foto era Raiden e todo indica que será o protagonista do próximo xogo da saga MGS, que por primeira vez será multiplataforma.

Qué nos tiña máis intrigados?, que puideran sacar un novo MGS?, ou que puideran sacar un novo MGS para Xbox 360?.

A todo isto teremos que saber en qué etapa temporal se situará o videoxogo, uns falan que poderán ser os feitos de MGS4 na perspectiva de Raiden, veremos en qué remata todo esta novela de Kojima.

Forza Motorsport 3 tamén apareceu

Por: Martes, 2 de Xuño de 2009, 10:12 COMENTAR

O que nun principio prometeran unha demo xogábel deste xogo de condución no E3, parece que aínda non tiveron este previlexio e terán (teremos ) que conformarnos con este espectacular tráiler, no cal se nos amosa as peripecias que levan a cabo imcomprábeis coches, polas rúas dunha cidade.

A decir verdade, pouca similitude ten este vídeo coa simulación real que nos promete agasallar este novo Forza.

Despois de saír en todos os medios esta foto a maioría comezaron a especular sobre a intrusión do egocéntrico Kojima no videoxogo Lords of Shadow.

Pois agora, grazas a un erro, ou a unha filtración (ultimamente está habendo demasiadas) de GamesPress sabemos que estes especuladores estaban no certo, e o gran segredo que agochaba Kojima era o novo e oficial Castlevania: Lords of Shadow, que se levará a cabo grazas á unión de Kojima Productions e MercurySteam (Scrapland e Jericho)

novo de kojima

Milo, a nova revolución de Microsoft

Por: Martes, 2 de Xuño de 2009, 9:51 COMENTAR

Se estivestes un pouco atentos o día de onte, saberedes que Microsoft presentou un novo proxecto que o chamaron Project Natal ,que non é máis que un Eye Toy mellorado ( ou iso é o que dín, porque non me fío nada da efectividade destes aparellos). Dito trebello detecta o movemento de todo o corpo e polo que parece no vídeo, dunha forma totalmente precisa ( alguén cre néstes vídeos publicitarios?,inconscientes).

Pois o primeiro xogo que empregará este recurso chamarase Milo. Este será un neno virtual que contará cunha avanzadísima intelixencia artificial e unha enorme capacidade para interactuar co xogador ( ou isto é o que nos pretenden vender). Ao mellor estamos simplemente ante un Nintendogs pero en humanos, aínda que se fose real o que se amosa no vídeo, poderiamos estar a falar dun dos adiantos máis importantes no mundo dos videoxogos.

Primeiro tráiler de Crackdown 2

Por: Martes, 2 de Xuño de 2009, 9:33 COMENTAR

Despois da espectacular conferencia realizada onte por Microsoft, demasiadas noticias saíron a relucir. Non gardará ningún ás na manga para próximas conferencias?.

Así, chéganos o primeiro vídeo de Crackdown 2, algo que non esperaba moito despois de ver a baixa calidade do seu predecesor, pero parece que queren tentalo de novo, e dame no fuciño que patinarán no mesmo erro que na primeira parte, dada a similitude do vídeo.

O tráiler nin ensina moito ( a parte dos poderes clásicos do protagonista), nin destaca esaxeradamente, deixándome un regular sabor de boca. Esperemos que eleven a súa diversión ao 100% e non se faga tan repetitivo como o anterior título.

 

Poder facer saltos inverosímiles e ter a suficiente forza como para levantar un camión no aire, non son alicientes suficientes para crear un xogo notábel. Espero que potencien os seus apartados.

Crysis 2 multiplataforma

Por: Luns, 1 de Xuño de 2009, 13:07 COMENTAR

xogo crysis

Grazas a shacknews sabemos que a continuación do espectacular shooter Crysis, saído para Pc, chegará tamén a Xbox 360 e a Playstation 3.

Para mín é unha máis que boa noticia, xa que sempre fun dos que prefiro unha consola ao mellor ordenador. Con isto espero que graficamente estea á altura da primeira parte, que desde logo acadaba un nivel impresionante. Para conseguilo, empregarán o motor gráfico Cry Engine 3 , sendo o primeiro xogo en estrear este motor, así que esperemos a que saia á luz para ver o resultado.

RIDDICK_360_INLAY_GB (Page 1)

Un, que é moi fan da película de culto Pitch Black e a continuación desta, As crónicas de Riddick non podía deixar pasar a segunda parte do xogo baseado neste protagonista.

Así, atopámonos nun shooter en primeira persoa na cal controlamos a Riddick ( principal aliciente do título), co cal iremos eliminando a todos os inimigos que se nos pasen por diante da nosa visión, eso si, podemos optar por eliminalos sixilosamente ou pola contra enfrontarnos a eles cara a cara ( sendo esta última opción bastante máis arriscada).

Principalmente atoparémonos con escenarios interiores, aínda que en certas ocasión teremos que ir ao exterior dun planeta para cumplir certos obxectivos, e para recorrer todos os lugares poderemos empregar a particular visión nocturna do protagonista (algo que aos fans de Riddick sempre lles gusou e sempre lles gustará).

A nivel gráfico cumple bastante ben, aínda que a cantidade de escuridade coa que nos atopamos resta bastante interés por este apartado, que se vé compensado pola boa utilización da iluminación, tanto a nivel de sombras como a nivel paisaxístico ( no exterior).O protagonista é un calco de Vin Diesel, aínda que só se lle vé a cara nas secuencias ou nas accións especiais como subir escaleiras ou eliminar inimigos de forma particular, e aínda que a variedade de inimigos é bastante escasa, o seu modelado acada un resultado notábel.

A dificultade non suporá ningún reto para os xogadores experimentados nos FPS e a duración non é nada excesiva polo que lle resta moitos enteiros ao resultado final de Assault on Dark Athena, e unha vez que se remata non hai alicientes suficientes como para volver a xogalo, xa que a única misión “secundaria” coa que nos atopamos é a de recolectar identificacións de persoal desaparecido, e a maioría destas identificacións están moi á vista.

En conclusión, estamos ante un FPS que non destaca en ningún dos apartados, pero que ao mesmo tempo cumple co obxectivo de entreter .Ademáis, a insaciábel carisma do protagonista alegrará aos fans incondicionais de Riddick ( e a moitos que non o son tamén). Se a isto lle sumamos a curiosa mestura entre acción FPS e sixilo, estamos ante un xogo que se deixa xogar…mentres dura.

Qué pasa cando non se protexe ben información que lle pode interesar a escurridizos hackers?, pois que son capaces de conseguir vídeos coma os de estes dous xogos, que seguramente estaban preparados para amosar na feira do E3, e que por falta de proteción foron filtrados e publicados ao resto do mundo. Bendita sexa a desproteción.

Aínda así, os vídeos non amosan suficiente información. Simplemente son dúas secuencias que nos permiten ver a estos dous xogos en movemento, no caso de Assassin, vemos movementos acrobáticos e no caso de Splinter Cell, un Sam que sae da escuridade para sorprender a uns pobres soldados.

 

Primeiro tráiler de Nier

Por: Sábado, 30 de Maio de 2009, 13:45 COMENTAR

Se fai uns días falabamos de Nier como un xogo de acción que está preparando Square Enix, agora chega o momento de amosarvos o vídeo para que teñades unha lixeira idea de como será este proxecto.

Como xa comentaba anteriormente, ségueseme parecendo de maneira moi pronunciada a Ninja Gaiden ,cousa que non me desagrada en absoluto, pero aínda case non podo crer que Square Enix non introduza neste xogo algún elemento RPG.

Polo de agora só nos queda esperar para saber máis información sobre Nier.

Impactante vídeo de Saboteur

Por: Sábado, 30 de Maio de 2009, 12:42 COMENTAR

Xa comentara en máis dunha ocasión, que Saboteur é un dos títulos que mellor pinta me ten nos próximos futuros lanzamentos. E lonxe de ir perdendo o interés por el, con cada tráiler que sacan ( como me pasa coa maioría), o xogo vai adquirindo no meu cerebro unha maior aceptación, unha maior forza, unha maior ilusión por xogalo e que sexa tan impresionante como é o vídeo que tedes a continuación.

Unha estética sublime, unha ambientación impecábel, o nivel de acción e situacións límite parece que estarán á orde do día, e todo isto sen mencionar as misións de sixilo que de seguro nos ofrecerá o xogo.

Un dos xogos que teño moi en conta desde xa hai ben tempo, espero que non me defraude.

Novo tráiler de Dante´s Inferno

Por: Venres, 29 de Maio de 2009, 10:57 COMENTAR

Parece que o E3 comeza a quentar motores, porque a cantidade de tráilers que se fan público estes días son bastante elevados. Como sempre, poñerei os que me parecen máis representativos… ou os que máis me gusten a mín ( por qué negalo).

Comezo a falar de Dante´s Inferno un xogo que non está deixando a ninguén indiferente, tanto pola súa estética mitolóxica, a enormidade dos inimigos, a acción constante ao máis puro estilo Devil May Cry e todo isto adornado cun apartado gráfico que ( se todo vai ben) estará á altura do esperado.

Polo de agora ten todo o que me gusta dun videoxogo e como podedes ver no vídeo de abaixo o espectáculo está máis que asegurado. Esperarei a velo en movemento real, e non en simples secuencias para dar un opinión máis concreta e obxectiva. Vereino no E3?. Non sei, non sei.

Análise de Velvet Assassin

Por: Mércores, 27 de Maio de 2009, 17:12 COMENTAR

Infiltración pura e dura

velvet assassin 360

Antes de nada, teño que mencionar que son moi aficionado a este tipos de videoxogos, nestes no que a infiltración e o sixilo predomina ante a acción. Con isto aclaro que pode que sexa algo máis benévolo cara este xogo por cuestión de gustos, pero tranquilos, que tamén hei de mencionar todos os erros que posúe, que son ben deles.

A historia sumérxenos na etapa nazi e controlaremos a unha espía que se terá que infiltrar nos lugares máis concorridos por estes altos-rubios. Así levaremos a cabo misións como eliminar a un alto cargo das SS, roubar uns documentos de gran importancia,conseguir información…

O primeiro que temos que saber é que para conseguir estes obxectivos deberemos aproveitar as sombras ao máximo, (si, como no Splinter Cell), pero aquí non poderemos disparar ás luces, así que a atención e a memorización das rutas dos nazis teñen que ser moi precisas para camiñar sen que nos descubran. A maioría das veces optaremos por aliminar aos inimigos, e para isto temos varias opcións ( aumentando a variedade do xogo), como á vella usanza, é dicir, indo por detrás a atacar sen que nos vexa, tiro na cabeza , esperar a que se poña enriba dun charco de aceite e dispararlle ao líquido para que arda, desactivarlle unha granada no seu propio peto para que estoupe metros máis adiante ( e con sorte leve consigo a dous ou tres), empregar morfina que nos permite ser inmunes durante certo tempo … como vedes a cantidade de formas de eliminar nazis é bastante elevada, e máis vale que non erredes porque como vos detecten estades mortos.

Pero nos inimigos non todo é bo, xa que a súa intelixencia artificial é nula, con rutas ridículas (como poñerse mirando un bo anaco de cara unha parede), abonda con atravesar unha porta para que non te persigan, non chaman reforzos e toda unha serie de detalles que fai que a calidade do título disminua un chisco grande.

Noutros medios castigan o apartado gráfico de Velvet, e por suposto que non está á altura dos grandes, pero déixase ver moi ben, con texturas demasiado planas ( sobre todo nos humanos) e algunha que outra pequena relantización, pero déixase ver ben. Ademáis é digno de mención a utilización dos efectos de luz, con raios solares que traspasan pequenas fendas, a plasmación da túa propia sombra dependendo de onde veña o foco de luz ( isto pode delatar a túa posición),o brillo das paredes húmidas,etc. Con todo o mencionado, quedámonos cun apartado gráfico decente, que aínda que podía ser mellorábel , non é tan catastrófico como o pintan noutros lugares.

O xogo dura sobre dez horas ( ou iso é o que marca a consola), pero podedes estar seguros que repetiredes misións varias veces ( algunhas veces rozaredes á desesperación), xa que Velvet Assasin non é un xogo sinxelo, ademáis podedes adicarvos a conseguir reliquias que se atopan polos escenarios, as cales empregaredes para aumentar o voso nivel de sixilo, morfina ou resistencia.

Non podo rematar sen mencionar a parte final deste título, concretamente as últimas dúas misións, nas cales dán maior importancia á acción que á infiltración ( cousa que non me gustou demasiado), ademáis nestas, a ambientación é un  tanto escura e as rutas que debemos seguir un pouco caóticas.

Aínda así, estamos ante un xogábel título de infiltración ( por certo, que estamos pasando unha etapa de sequía de xogos de sixilo), no que teremos que ter moita paciencia e memorizar as rutas dos inimigos para atacalos cando menos o esperen, no que nos mimetizaremos coas sombras, no que atravesaremos unha zona chea de inimigos sen que ninguén sepa que estivemos aí… e todo isto é o que nos gusta aos que amamos este xénero.