O segundo capítulo só será dobrado ao galego se chegan ao seu obxectivo

A compañía coruñesa Gato Salvaje é a primeira empresa galega en acceder á plataforma de financiamento en masa Kirckstarter. Que é iso do financiamento en masa/microfinanciamento/crowdfunding? Un grupo desenvolvedor presenta o seu proxecto e os propios usuarios finais dese xogo son os que deciden se achegar os fondos necesarios para a súa realización. Ese grupo fixa o obxectivo económico (tamén pode establecer sub-obxectivos a maiores) e o tipo de recompensas —canto maior sexa a achega do usuario, terá acceso a maiores recompensas—, habendo un límite de tempo para cada campaña. Se non se chega a cando menos o 100% de financiamento, esas doazóns non se fan efectivas.

Para AR-K, Gato Salvaje fixou 150 mil dólares como obxectivo para poder financiar o que resta da aventura episódica, tendo a posibilidade de traducila a máis idiomas e levala a outras plataformas. A achega mínima é de 10 dólares, dando dereito á descarga dixital dos dous primeiros capítulos (dicir que actualmente só o primeiro episodio vale xa máis, 10 euros), por 20 xa teriamos dereito á descarga da serie completa (4 episodios) e por doazóns maiores comezarían os extras, banda sonora, Making of, merchandising, a posibilidade de ser un personaxe do xogo, unha viaxe… teñen un mes escaso para conseguilo.

Ler o resto da entrada »

«No 1º de abril van os burros onde non deben ir»

Este artigo foi unha piada do Día dos Enganos. Todo o que di é inventado. A conta do Twitter de María Mera e o grupo do Facebook de Matalobos son reais, mais obviamente non dixeron nada do que aquí aparece.

Matalobos é unha serie da TVG que narra a historia dun clan de narcotraficantes da pequena vila de Sardiñeira, na costa galega, e das tentativas da Garda Civil por prendelos. Sendo unha das series de maior impacto que tivo a televisión pública galega, non é de estrañar que queiran apostar por este produto e expremelo todo o que poidan.

Pois ben, hai unhas horas a actriz María Mera publicaba no Twitter o seguinte:

Non hai ningunha información oficial, mais no grupo do Facebook de Matalobos especúlase que poida tratarse dunha aventura gráfica para PC e estaría á venda a comezos de marzo, coincidindo co lanzamento da serie en DVD. Segundo afirma un dos guionistas no propio grupo “a trama do videoxogo sitúase inmediatamente despois do capítulo final da serie, que remata este mércores 3 de abril” e “contará coa experiencia dos creadores do AR-K“.

Entón só nos resta esperar e ver o que acontece nas próximas semanas. Permaneceremos atentos a calquera novidade!

As incursións da nosa lingua nos videoxogos son escasas, ata o de agora sempre dende o amateurismo, producións xeralmente educativas ou de escasa profundidade. Dende hai unhas semanas podemos gozar do primeiro videoxogo comercial en galego, a aventura episódica AR-K do estudio coruñés Gato Salvaje. O camiño foi longo e dificultoso, ter que sacar adiante un proxecto coma este cun orzamento que sae do seu propio peto, enfrontarse á burocracia e a todos os imprevistos que lle xorden a un grupo desenvolvedor novel, fixeron que Sexo, mentiras e traballos de clase chegase máis tarde do esperado, pero finalmente xa está aquí, un primeiro paso moito máis firme do que esperabamos trala pouco afortunada demo de meses atrás.

Ler o resto da entrada »

Consumindo videoxogos

Por: Martes, 31 de Maio de 2011, 0:00 COMENTAR

Consumindo videoxogos. Regulamentación e implicacións socioeducativas. é un artigo escrito por Abraham Domínguez Cuña e José Leonardo Fariña García e publicado en decembro de 2008 no número 15 da revista Saudiña (podes baixar a revista completa en .pdf aquí: https://www.edu.xunta.es/valora/files/saudina_15.pdf).

 

 

Xa está dispoñíbel a descarga da demo (só en español) do primeiro capítulo da aventura episódica galega AR-K, que leva por nome “Sexo, mentiras e traballos de clase”, é fresquiña do día. Xa vos falaramos un pouco máis polo miúdo dela aquí.

Actualización: Amplío a nova coas primeiras sensacións unha vez “xogada” a demo.

Ler o resto da entrada »

“No 1 de abril van os burros onde non deben ir”

Este artigo é unha brincadeira do primeiro de abril. A capa do xogo foi sacada da versión vella do Chuza!, onde foi publicada polo seu autor, Maceirax.


Capa provisional promulgada pola LNB

A división galega de Nintendo España vén de anunciar a o primeiro videoxogo dedicado ao noso deporte popular: A Billarda. Así é, un acordo entre a Liga Nacional de Billarda e a compañía nipona fará posíbel que para este verán teñamos o primeiro xogo integramente galego para unha videoconsola doméstica.

O proxecto recibiu o nome de LNB Live, aínda que segundo filtracións da LNB todo indica que o nome definitivo será Wii-llarda. O xogo será desenvolvido pola compañía galega Gato Salvaje e contará co apoio económico de Galicola, Eroski e as tres universidades públicas galegas (USC, Uvigo e UdC).

Mais as sorpresas non acaban aquí, xa que o xogo será pioneiro na promoción do binormativismo da lingua galega, xa que a interface estará completamente en galego segundo a norma da RAG e en galego reintegrado segundo a norma da AGAL.

Só nos resta agardar ao verán para poder usar o wii-mote como palán. Avante palanadoras!

A Compañía lucense de Small Wonders, adicada ó desenvolvemento para iOS ven de lanzar o seu terceiro videoxogo, YumYumBoy, un xogo de puzzles no que encarnaremos o papel dun neno que é afeccionado da comida lixo e no que a mecánica de xogo baséase nun estilo próximo ós clásicos tipo Mario & Yoshi ou Columns, no que teremos que facer que o neno colla os alimentos para posteriormente xuntalos con outros tres ou máis do mesmo tipo para facelos desaparecer, comendo así, e superando as diversas fases (40 no modo historia e 40 puzzles) unha vez que nos atopemos fartos.

En todos os apartados o xogo loce un aspecto moi bo, tanto na parte gráfica, onde se nota o bo traballo que leva a cabo Small Wonders neste eido, como na música e sons FX , ou na xogabilidade, que fai que o xogador non poida deixar de xogar, e desexe que por exemplo o bus non chegue ó seu destino para poder seguir pasando puzzles, de feito eu levo dous días sen parar de xogar cando teño un anaquiño.

Ler o resto da entrada »

Este mércores, Sergio Prieto, un dos fundadores (xunto a Javier Vara e Javier Vilar) da compañía galega Gato Salvaje, foi entrevistado no programa Nexus 6 de Radio Obradoiro, permitíndonos coñecer mellor a actualidade do desenrolo de Sexo, mentiras e traballos de clase, o primeiro capítulo da aventura episódica AR-K da que xa falabamos aquí.

A decisión de comezar no mundo dos videoxogos cunha aventura gráfica debeuse en gran medida ao orzamento dispoñíbel (aínda que Sergio é un grande afeccionado ao xénero), capital aportado por eles mesmos (non hai subvencións polo medio). Aínda que, dende logo, unha aventura non é algo de barato desenrolo, si precisa dunha menor inversión respecto a outros xéneros do videoxogo. Ademais, hai xa antecedentes de que o formato episódico funciona para esta disciplina (cando menos economicamente), podendo financiar en parte coas propias vendas desta primeira entrega o desenrolo dos seguintes episodios. Loxicamente, e aínda que a compra anticipada (5,95 €) suporanos un aforro en vindeiros episodios (ademais de darnos acceso a gorentosos extras), o lanzamento do resto de capítulos estará condicionado pola acollida de Sexo, mentiras e traballos de clase (por iso non se pode mercar aínda a serie completa, que constará dun total de cinco entregas). As súas previsións, para cubrir custes e pouco máis, sitúanse en 20000 descargas a nivel mundial (oxalá as acaden). O xogo sairá dobrado ao galego e ao español, tendo tamén tradución (entendo que só textos), para o mercado alemán (moi potente no que a aventura se refire) e o anglosaxón. A aventura será levada tamén aos dispositivos portábeis, quedando a súa saída para sistemas operativos Linux a expensas da demanda.

A integración da dobraxe (xa gravada) deste primeiro episodio é o derradeiro paso previo que resta antes do lanzamento. O xogo conta con voces moi coñecidas no noso país, sendo María Castro (á que coñecemos en Pratos combinados) quen dará vida a Alicia, a protagonista, acompañada de Antonio Durán “Morris”, Miguel Pernas, Andrés Bellas, Nacho Castaño, Roberto Reboiro, Santiago Fernández e Dani Lema; non podemos falar do resultado, porén, a escolla semella francamente boa.

Aínda que se marcaran o nove do mes que agoniza como data de saída do xogo, todas as situacións que dificilmente se poden prever sendo primíparos atrasarán algunhas semanas a súa saída. Precisamente pola novidade das circunstancias ás que se enfrontan, non poden aínda precisar unha data, pero esperan telo listo para a descarga ao longo do mes de marzo. O que si é inminente, é a saída dunha demo xogábel, carta de presentación obrigada para unha compañía novel. Durante a vindeira semana deberiamos poder dar os primeiros pasos con Alicia na nosa computadora.

As etapas vanse queimando e a saída da primeira aventura comercial galega está á volta da esquina, dende Memoria Pixelada seguiremos de preto as novidades, ansiosos por botármoslle o dente ao xogo.

Akkad Estudios é unha compañía amateur galega de aventuras gráficas, esta semana vén de sacar o seu cuarto traballo: Quiero una Identidad, pechando unha historia proxectada como triloxía, que arrancou en 2007 coa saída de Quiero Morir. Ao igual que nas tres aventuras precedentes, para a súa programación utilizaron a ferramenta AGS (Adventure Game Studio), software desenvolvido por Chris Jones dende 1997, sendo na actualidade o máis utilizado polos deseñadores amateurs (hai incluso unhas cantas aventuras comerciais feitas en AGS, Wadjet Eye Games é o maior expoñente).

Max V-2000 é un androide particular, o profesor Polansk, o seu creador (pai), dotouno de alma. Pero o vindeiro eslavón na evolución robótica, co paso do tempo chegou a poder sentir unicamente dor. Os males que aflixían á súa ánima conduciron ao noso metálico heroe a unha insostíbel situación, a procura de Polansk para que lle dese morte era a única saída. Durante os dous xogos, as desventuras do V-2000 vense salpicadas polo alzamento robótico, sendo el un estraño en ambos bandos.

Ler o resto da entrada »

Galeoke

Por: Martes, 25 de Xaneiro de 2011, 1:27 COMENTAR

Galeoke é un xogo de PC do tipo SingStar, mais totalmente en galego e con temas galegos. Ben, para sermos exactos é apenas unha versión do xogo de software libre Ultrastar Deluxe traducida ao galego.

Mais a novidade non radica en traducir software libre, senón nas cancións que ofrece. Chegando a un acordo con diferentes selos ofrécenos un total de 16 cancións galegas (e algunha máis descargábel) polo “módico” prezo de 20€. En troca, podemos escoitar cancións tan famosas como… O Nordés d’Os Diplomáticos de Montealto? Galicia Canibal d’Os Resentidos? E 14 máis aínda menos coñecidas? E tendo en conta que entre elas está Como os caranguejos, de Projecto Mourente, que é publicada baixo unha licenza Creative Commons

Non sei, cando escoitei falar do proxecto, hai tempo xa, era diferente. O seu obxectivo era coller música con licenza Creative Commons (como a do vídeo de Youtube de acima) e ofrecela, xunto co programa traducido ao galego, gratis na súa web. E esa idea ilusionoume, pois grupos galegos que emiten con ese tipo de licenza hai abondo (Ataque Escampe, Guezos, Sacha na Horta…). E, aínda que ese proxecto orixinal fose vendido en formato físico, podería valer sobre 10€, e entón… quen se resistiría a compralo?

Enfin, apesar de todo é unha boa compra xa que é o único karaoke deste estilo na nosa lingua. Se o queres comprar podes visitar algún dos puntos de venda. Para máis información visita a súa web: http://galeoke.com/