Análise de Tenchu : Shadow Assassins

Por: Luns, 22 de Xuño de 2009, 10:30 COMENTAR

shadoe assassins

Hei de recoñecer que despois de catar a anterior entrega de Tenchu na portábel de Sony, non comecei con moitas ilusións, aínda que me conformo, polo menos Shadow Assassins, déixase xogar.

Neste novo capítulo de Tenchu alternaremos o control entre o ninja de cabelo branco e unha femia ninja ( xa vista en amteriores xogos ). Os dóus terán as mesmas habilidades, polo que só influirá esta cambio de personaxes no argumento.

tenchu 

Supoño que a estas alturas non é preciso aclarar que estamos ante un xogo de infiltración ninja, no que deberemos pasar todo tipo de escenarios sen que ninguén nos vexa, e para saír victorioso, teremos que escondernos nas sombras, subirnos a tellados, arrastrarnos por debaixo de asentos… e todo unha serie de movementos que non supón ningún reto para unha ninja. Ata aquí parece que a misión é demasiado sinxela, pois ben, a medida que avencemos na historia, os escenarios iranse complicando e teremos que botar man dos nosos gadgets, polo que teremos que crear as nosas propias sombras, ben sexa soplando ( aínda que isto supón expoñerte á luz ) ou apagándoas desde lonxe cun utesilio que teremos. Tamén poderemos empregar unha cana de pescar ( para roubar obxectos lonxanos ), por suposto espadas ( para romper pechaduras ) e incluso un gato, no cal adoptaremos a súa visión e poderemos avanzar con el para saber o que nos atoparemos máis adiante. Como vedes a cantidade de elementos que podemos empregar é bastante variado, e para máis facilidade os protagonistas teñen unha visión especial, na cal nos mostra os lugares de sombra, elementos importantes, etc.

Pero como ben estaredes supoñendo, haberá momentos na que fallaremos , e verémonos obrigados a loitar. Teño que aclarar que para entrar en modo combate teremos que ter non noso poder unha espada e se carecemos dela, o inimigo mataranos sen máis complicación.Se temos a sorte de contar cunha destas armas brancas, e nos detectan, entraremos en modo batalla, na cal a cámara situarase en primeira persoa, e teremos que mover o pad analóxico na direción que nos manden para defendernos dos ataques inimigos, e se o conseguimos , seremos nós que infrinxamos dano ao contrincante a base de sablazos.

pelexa tenchu

Pero non podo marchar sen falar dos puntos negros do título. O primeiro, como mencionei anteriormente, é a perda dos gadgets cada vez que os usamos, porque podo entender que perdas unha estrela ninja cada vez que a utilices, pero non podo entender que as espadas sexa de usar e tirar, e non vexo lóxico que só teñan unha utilización de cada vez. Moitas mortes causará ao protagonista este feito, por non ter con qué defenderse.

Outro dos lastres que arrastra este Tenchu é o seu ( demasiado ) sinxelo control. O movemento é decente, pero o problema é cando chegamos a algunha acción como saltar , esconderse,atacar por detrás , etc… xa que todo, e volvo repetir, absolutamente todo se leva a cabo premendo un botón. Ao mellor, para os que se están iniciando agradecen este feito, pero honestamente, cando pasas da terceira fase, xa todo perde gran parte do mérito.

Aínda así, e conscientes de que non é ningunha obra de arte, déixase xogar bastante ben, cun notábel apartado gráfico ( aínda que sempre coa mesma ambientación ) e gran cantidade de situcións como infiltrarse viaxando debaixo dun carro, respirar debaixo da auga cunha das nosas ferramentas, envelenar a obxectivos, etc.

portada

Todos somos conscientes de que a cantidade de xogos que saen para a DS non son proporcionais coa calidade destes. Pero claro, entre tanto restroballo sempre aparece unha grata sorpresa, e cada vez que sucede isto, é mellor aproveitala, xa que non saberás cal vai ser a próxima vez que te atopes con algo decente.

Como claro exemplo desta teoría, temos o Pluzzle Quest, que aínda que xa é un título antigo, decidín facerlle unha especie de homenaxe na miña Memoria, non sei se é porque te engancha desde un principio, pola maxistral mestura entre rol e puzzle ou pola fermosa historia que nos mostra.

Como en moitos xogos de puzzle, a nosa misión consistirá en unir pezas da mesma cor, neste caso chámanse maná, e atopámonos con catro tipos , vermello ( lume ), verde ( terra ), amarelo ( aire ) e azul ( auga ). Este maná serviranos para poder utilizar diferentes tipos de maxias, desde  maxias de curación, ataque, restauración de maná, etc. Ademáis de unir estas pezas tamén poderemos unir ( en grupos de tres), moedas ( que nos servirán para mercar obxectos), perlas moradas ( empregadas para aumentar os nosos puntos de experiencia) e caveiras, estas últimas son as máis importantes, xa que cada vez que unimos tres destas caveiras infrinximos dano ao noso inimigo.

batalla

Con esta trama comezan todos os combates, primeiro moverá un e despois o contrincante, así teremos que diminuír ata cero a vida do noso inimigo, para isto empregaremos todo tipo de máxias ( estas adquirímolas nunha especie de minixogo na que se nos pide que consigamos un número determinado de maná, no cal fracasaremos se non quedan movementos posíbeis) e unindo caveiras. Cabe mencionar que se unimos catro pezas iguais, agasallarannos cun turno extra, polo que teremos que ter moito ollo nas pezas que imos unir. Como en todo bo xogo de rol, tamén teremos a posibilidade de equipar ao noso protagonista con diferentes obxectos, desde indumentaria que nos protexan de ataques , ata cascos que nos dean maior resistencia ( só son uns exemplos da enorme cantidade de obxectos que temos para elixir), os cales teremos que elixir con criterio se queremos saír victoriosos nas nosas loitas.

pizzle

O que parece a simple vista un desenrolo bastante monótono, é suficiente xogar unha partida para quedar enganchado del dunha forma que moi poucos xogos o conseguen. É impresionante a adición que nos crea o Puzzle Quest.

Porque non pensedes que aquí se remata todo, nin de broma, teremos un enorme mapa que teremos que recorrer sorteando as máis variadas misións ( desde axudar a unha princesa en apuros, ou liberar a toda unha estirpe de dragóns), e aquí está outro dos puntos fortes do xogo, o argumento. En principio, o noso máximo inimigo é o señor da escuridade Lord Bane, pero para chegar a el, teremos que suar, enfrontándonos a centos de obxectivos, cada un adornado cun miniargumentos diferentes. Para recorrer todo o mundo en busca de misións poderemos capturar a seres que nos transporten, desde ratas xigantes ata seres alados ( ademáis cada un otórganos unha maxia diferente), así, visitaremos todas as cidades nas cales nos irán ofrecendo misións ( mencionar que estas cidades poderémolas asediar, é dicir, poñelas a nosa disposición, así cada vez que pasemos por ela , teremos diñeiro extra, aínda que para asediar cada cidade teremos que gañar un combate).

mundo que descubrir cidadela

A medida que avancemos na trama, haberá personaxes secundarios que se unirán á nosa odisea, os cales nos será de gran axuda, sobre todo no referido á obtención de novas misións.

Así, iremos aumentando a nosa experiencia, os nosos puntos de vida, a potencia dos nosos ataques e máxias …

As virtudes deste título non rematan aquí, xa que o nivel de dificultade é un exemplo a seguir. Olvidádevos dos xogos sen dificultade aos que nos ten acostumado esta consola, Puzze Quest, non é un xogo sinxelo, haberá combates os que teremos que repetir unha e outra vez ata conseguir a nosa victoria. Ben sexa porque o nivel de experiencia do contrincante é moi superior ao noso, o noso rival ten un poder moi superior ou porque as súas máxias asoballan ás nosas, ademáis a nós pódesenos pasar a unión dalgún ataque claro, pero a máquina non erra e sempre buscará os mellores ataques ofensivos para darnos caza. Pero esta grata dificultade é algo que se valora nestes tempos, na que os videoxogos se crean para “inútiles-gamers”.

Para rematar, cabe mencionar a tradución e a fantástica banda sonora ( pena que sempre sexa a mesma canción nos combates), que nos axuda a introducirnos aínda máis nun mundo de fantasía, no que os elfos, dragóns e outras tantas criaturas, predominan nun planeta na que a supervivencia é clave.

Con todo isto sobra dicir que me parece un xogo totalmente imprescindíbel para a portábel de Nintendo, tanto por argumento, dificultade , duración e sobre todo, polas cantidade inxentes de DIVERSIÓN que nos agasalla este título. IMPRESCINDÍBEL.

conspiración

Levaba tempo querendo probar este xogo, simplemente para saber se mantiña o ritmo constante e frenético co que nos marabillou o filme co mesmo nome ( se aínda non a viches , corre insensato!). A resposta e si, o xogo sitúanos na pel de Bourne, un extraño personaxe que non se acorda absolutamente de nada do seu pasado, e cando se percata que ten unhas habilidades características e acentuadas para o combate, e unha organización quere acabar con el, comeza o espectáculo.

Así recorreremos detallados niveis eliminando ( ou evitando) a todos os gardas e sospeitosos, (en forma de flashbacks) mentres revivimos as partes do propio filme, cousa que me agradou consistentemente. Unha pena que o protagonista non fose Matt Damon, como na película, o resultado sería máis satisfactorio.

Hai que resaltar o apartado de batallas, porque sempre que nos aproximemos a un inimigo, Bourne desarmará a esta pobre vítima e entraremos nun modo batalla “un contra un” , así, como se fose un xogo de loitas teremos botóns de golpe forte, golpe feble e cubrirse, coa opción de facer varias combinacións, e mesturado coa inclusión dos Quick Time Eventes, facendo destes combates algo realmente espectacular. Pero, séntalle ben este sistema durante todo o xogo?, non sabería que dicir, xa que a espectaculariedade con apenas dous botóns é resaltábel, pero estes combates rematan por facerse moi repetitivos  á hora de pelexar ( non á hora de mirar). Así quen busque o espectáculo estará encantado, pero quen prefira a dificultade e unha maior cantidade de opcións quedará con ganas de máis.

Nas misións case sempre teremos que facer o mesmo, abrirnos paso  entre todos os inimigos, ben sexa armado e a tiros, pelexando corpo a corpo e empregando a visión Bourne, que nos permite ver con máis claridade aos inimigos, obxetos cos que interactuar, mellor puntería , etc, con excepción dunha fase na que colleremos o manexo dun coche ( si, como no filme), recorrendo as rúas de París e intentando escapar de todos os perseguidores, a base de atravesar edificios, saltos imposíbeis… aínda que a nula degradación dos vehículos ( tendo en conta que chocaremos infinidade de veces), fai que esta fase non sexa o boa que esperamos, así como un manexo, no que nos deixa unha sensación moi baleira. Non parece en ningún momento que estemos controlando un coche de verdade, parce máis ben un xoguete.

Todo isto ben acompañado cun apartado gráfico de luxo (podédesme crer), con persoas que se moven de forma independente polas rúas, deformación dos escenarios polo impacto dos proxectís, sangue e moratóns na cara do protagonista cando recibe golpes e tanto escenarios como personaxes creados cun moi bo nivel de detalle. E como pase en moitos xogos desta xeración, o único pequeno lastre deste apartado son as secuencias cinemáticas que non está á altura do xogo. Aínda así todo loce de maneira excepcional.

Agora chega o momento de mencionar o que máis me frustrou de todo o xogo: a xogabilidade. Xa que o personaxe ( sobre todo cando leva unha arma na man), saca a relucir unha decepcionante lentitude á hora de xirar. Por suposto que te rematas acostumando, pero levarás en todo o xogo esa sensación de inseguridade que non resulta nada positivo no resultado final. O mesmo pasa no sistema de cubertura, que se queres cambiar de posición, veraste obrigado a levantarte e correr cara outra cubertura ( e tendo en conta que estamos no medio de disparos por todos os lados…), deberían ter un sistemas similar ao de Gears of War ou Wanted.

RIDDICK_360_INLAY_GB (Page 1)

Un, que é moi fan da película de culto Pitch Black e a continuación desta, As crónicas de Riddick non podía deixar pasar a segunda parte do xogo baseado neste protagonista.

Así, atopámonos nun shooter en primeira persoa na cal controlamos a Riddick ( principal aliciente do título), co cal iremos eliminando a todos os inimigos que se nos pasen por diante da nosa visión, eso si, podemos optar por eliminalos sixilosamente ou pola contra enfrontarnos a eles cara a cara ( sendo esta última opción bastante máis arriscada).

Principalmente atoparémonos con escenarios interiores, aínda que en certas ocasión teremos que ir ao exterior dun planeta para cumplir certos obxectivos, e para recorrer todos os lugares poderemos empregar a particular visión nocturna do protagonista (algo que aos fans de Riddick sempre lles gusou e sempre lles gustará).

A nivel gráfico cumple bastante ben, aínda que a cantidade de escuridade coa que nos atopamos resta bastante interés por este apartado, que se vé compensado pola boa utilización da iluminación, tanto a nivel de sombras como a nivel paisaxístico ( no exterior).O protagonista é un calco de Vin Diesel, aínda que só se lle vé a cara nas secuencias ou nas accións especiais como subir escaleiras ou eliminar inimigos de forma particular, e aínda que a variedade de inimigos é bastante escasa, o seu modelado acada un resultado notábel.

A dificultade non suporá ningún reto para os xogadores experimentados nos FPS e a duración non é nada excesiva polo que lle resta moitos enteiros ao resultado final de Assault on Dark Athena, e unha vez que se remata non hai alicientes suficientes como para volver a xogalo, xa que a única misión “secundaria” coa que nos atopamos é a de recolectar identificacións de persoal desaparecido, e a maioría destas identificacións están moi á vista.

En conclusión, estamos ante un FPS que non destaca en ningún dos apartados, pero que ao mesmo tempo cumple co obxectivo de entreter .Ademáis, a insaciábel carisma do protagonista alegrará aos fans incondicionais de Riddick ( e a moitos que non o son tamén). Se a isto lle sumamos a curiosa mestura entre acción FPS e sixilo, estamos ante un xogo que se deixa xogar…mentres dura.

Contacto con Blue Dragon Plus

Por: Sábado, 30 de Maio de 2009, 13:31 COMENTAR

dragón azul

Case todos coñecemos Blue Dragon, un xogo de rol por turnos que saíu para a Xbox 360, no cal participaba o ”gran mestre”  Akira Toriyama. O xogo en sí era bastante entretido, controlando a Shu, un rapaz bastante atrevido e atopándonos con momentos de exploración, acompañado duns combates bastante dinámicos nos cales destacaba a utilización das nosas propias sombras convertidas en dragóns.

Pois quixeron aproveitar o éxito da primeira parte para sacar unha versión portábel para a DS, pero creo que non lles saíu como querían.

Máis que un xogo de rol, parece un xogo de estratexia en tempo real, controlando a todos os personaxes á vez, indicándolle para onde se teñen que mover, a quén deben atacar, etc. Pero o problema non é este, o problema é a INMENSA lentitude que nos atopamos nas pelexas. Cada vez que nos aparezan inimigos ( e aparecen constantemente), poderemos indicar a cada un dos nosos personaxes que ataquen a inimigos diferentes, e estes dirixiranse a eles a paso de tartaruga ata chegar ao seu obxectivo ( moitas veces chega a desesperar xa que algúns escenarios son bastante grandes, ou o mellor son eu que non teño a paciencia suficiente), pero o que sí é verdade é que cada batalla faise eterna, porque ademáis non hai demasiada emoción nin alicientes nelas. Aínda que poidamos invocar as nosas sombras, ou a posibilidade de usar pocións e maxias, segue deixando unha sensación bastante fría.

E se temos en conta que o xogo falla precisamente nas batallas, as cales son constantes en todo o videoxogo… facede vós o cálculo.

É verdadeiramente unha lástima xa que o apartado gráfico está moi coidado ( e salpicado con multitude de secuencias), e conta cun apartado sonoro tan bo como o do primeiro Blue Dragon.

Análise de Rock Band: Unplugged

Por: Venres, 29 de Maio de 2009, 10:38 COMENTAR

RB unplugged

Agora que están tan de moda os xogos musicais ( e parece que seguirá por un tempiño máis), só era cuestión de tempo que esta tendencia chegara á portábel de Sony.

Así, respaldado por un par de Rock Bands para consolas de sobremesa, chéganos Unplugged, no cal deixa a un lado os periféricos en forma de instrumentos, quedándonos como única opción, a rapidez e pericia dos nosos dedos para superar todas as cancións.

O desenrolo do xogo é idéntico ao resto dos predecesores, polo que veremos como baixan pequenos rectángulos, os cales teremos que pulsar no momento correspondente e co botón específico ( triángulo, círculo, cruceta arriba e cruceta esquerda, aínda que sobra dicir que se pode personalizar este control). E xusto neste momento é cando vou mencionar a gran novidade do xogo, unha novidade que non me gustou absolutamente nada e que baixou a este Rock Band do podio no que o tiña subido. Xa que durante a canción teremos que tocar todos os instrumentos ( incluído a voz), empregando R ou L para cambiar entre un e outro. Por se non me entendestes ben, teremos que tocar unha porción dunha peza sen fallar, e se o conseguimos, teremos que pasar a outro instrumento para facer o mesmo, e así sucesivamente e con todos, o cal nos deixa un moi regular sabor de boca. Tamén é certo que en certas ocasións tocaremos “solos” de guitarra , batería, baixo ou voz ( si, tamén solos de voz), nos cales nos obrigan a tocar cun só instrumento toda esa parte ( como se fose un Rock Band normal), sendo sen dúbida o mellor do modo historia.

Por se fose pouco, a dificultade non é moi elevada, eu xogueino no modo experto e non me supuxo ningún reto pasarlle todas as cancións, de feito moi poucas notas triples atoparás, aumentando así a simpleza do xogo.

O modo historia de Rock Band consta dunha duración bastante elevada, pero a base de repetir cancións, polo que este apartado tampouco é unha virtude, eso si, neste modo iremos desbloqueando personaxes secundarios que nos conseguirán actuacións, algo a ter en conta, xa que ao mellor necesitas ter a un estilista para facer un determinado concerto, e mentres non o consigas…

Unha vez que rematemos con este modo “aventura”, desfrutaremos dun par de opcións máis. Un modo Supervivenvia, no que todas as notas de todos os instrumentos baixarán de forma simultánea, polo que teremos que intercambiar entre todos os instrumentos de forma constante, para que o contador non chegue a cero e un modo Quecemento, sen dúbida o mellor de Rock Band: Unplugged, xa que nos permite facer o mesmo que nos seus predecesores, é dicir, escoller nós o instrumento que queiramos e interpretar a peza que máis nos entusiasme. Unha pena que non se poida facer isto no modo correira.

Con todo isto mencionado, sobra dicir que esperaba bastante máis dun Rock Band, e aínda que en gráficos e visualización é moi similar aos anteriores xogos, non chega,nin de lonxe a súa calidade.

Análise de Velvet Assassin

Por: Mércores, 27 de Maio de 2009, 17:12 COMENTAR

Infiltración pura e dura

velvet assassin 360

Antes de nada, teño que mencionar que son moi aficionado a este tipos de videoxogos, nestes no que a infiltración e o sixilo predomina ante a acción. Con isto aclaro que pode que sexa algo máis benévolo cara este xogo por cuestión de gustos, pero tranquilos, que tamén hei de mencionar todos os erros que posúe, que son ben deles.

A historia sumérxenos na etapa nazi e controlaremos a unha espía que se terá que infiltrar nos lugares máis concorridos por estes altos-rubios. Así levaremos a cabo misións como eliminar a un alto cargo das SS, roubar uns documentos de gran importancia,conseguir información…

O primeiro que temos que saber é que para conseguir estes obxectivos deberemos aproveitar as sombras ao máximo, (si, como no Splinter Cell), pero aquí non poderemos disparar ás luces, así que a atención e a memorización das rutas dos nazis teñen que ser moi precisas para camiñar sen que nos descubran. A maioría das veces optaremos por aliminar aos inimigos, e para isto temos varias opcións ( aumentando a variedade do xogo), como á vella usanza, é dicir, indo por detrás a atacar sen que nos vexa, tiro na cabeza , esperar a que se poña enriba dun charco de aceite e dispararlle ao líquido para que arda, desactivarlle unha granada no seu propio peto para que estoupe metros máis adiante ( e con sorte leve consigo a dous ou tres), empregar morfina que nos permite ser inmunes durante certo tempo … como vedes a cantidade de formas de eliminar nazis é bastante elevada, e máis vale que non erredes porque como vos detecten estades mortos.

Pero nos inimigos non todo é bo, xa que a súa intelixencia artificial é nula, con rutas ridículas (como poñerse mirando un bo anaco de cara unha parede), abonda con atravesar unha porta para que non te persigan, non chaman reforzos e toda unha serie de detalles que fai que a calidade do título disminua un chisco grande.

Noutros medios castigan o apartado gráfico de Velvet, e por suposto que non está á altura dos grandes, pero déixase ver moi ben, con texturas demasiado planas ( sobre todo nos humanos) e algunha que outra pequena relantización, pero déixase ver ben. Ademáis é digno de mención a utilización dos efectos de luz, con raios solares que traspasan pequenas fendas, a plasmación da túa propia sombra dependendo de onde veña o foco de luz ( isto pode delatar a túa posición),o brillo das paredes húmidas,etc. Con todo o mencionado, quedámonos cun apartado gráfico decente, que aínda que podía ser mellorábel , non é tan catastrófico como o pintan noutros lugares.

O xogo dura sobre dez horas ( ou iso é o que marca a consola), pero podedes estar seguros que repetiredes misións varias veces ( algunhas veces rozaredes á desesperación), xa que Velvet Assasin non é un xogo sinxelo, ademáis podedes adicarvos a conseguir reliquias que se atopan polos escenarios, as cales empregaredes para aumentar o voso nivel de sixilo, morfina ou resistencia.

Non podo rematar sen mencionar a parte final deste título, concretamente as últimas dúas misións, nas cales dán maior importancia á acción que á infiltración ( cousa que non me gustou demasiado), ademáis nestas, a ambientación é un  tanto escura e as rutas que debemos seguir un pouco caóticas.

Aínda así, estamos ante un xogábel título de infiltración ( por certo, que estamos pasando unha etapa de sequía de xogos de sixilo), no que teremos que ter moita paciencia e memorizar as rutas dos inimigos para atacalos cando menos o esperen, no que nos mimetizaremos coas sombras, no que atravesaremos unha zona chea de inimigos sen que ninguén sepa que estivemos aí… e todo isto é o que nos gusta aos que amamos este xénero.

TOM RAIDER

Volvemos a coller o control de Lara para salvar ao mundo (que raro), aínda que para iso nos teñamos que enfrontar a feras salvaxes,seres do inframundo, dinosauros…para conseguir o martelo de Thor.

A estas alturas xa todos sabemos con que nos imos atopar nun Tomb Raider, preciosas paisaxes, as cales teremos que recorrer ata o último centímetro para conseguir resolver retorcidos puzles, pouca cantidade de inimigos e un nivel moi alto de plataformeo. Por suposto, esta nova entrega non é unha excepción.

A nivel gráfico atoparémonos con fermosos escenarios, desde selvas ata fondos submariños, todos eles caracterizados por un nivel de detalle enorme (pararédesvos máis dunha vez, simplemente para contemplar as paisaxes), sen embargo, os personaxes non chegan a tan alto nivel e temos a sensación de que controlaremos a un boneco en vez de unha persoa.

A protagonista, a máis que coñecida Lara Croft (por certo, que parece ser que vai volver aos cines, deus non o queira), terá que superar infinidade de puzles para lograr o seu obxectivo, pero non pensedes que son puzles de “atopar chave, chave abre porta”, nestes teredes que rocorrer cada milímetro do escenario para levalos a cabo con éxito, así que se vos atopades cunha porta cerrada, podedes estar seguros que para abrila teredes que suar tinta, ou mellor dito, sangue.Tamén é certo que resolver estes enigmas son a única dificultade do xogo , xa que a ausencia de inimigos e case plena, e os poucos que hai non vos complicarán nada a vida.

Pero hai un apartado que ennegrece o resultado final deste Tomb Raider,estoume a referir da cámara.É imperdoábel que nun xogo non que os saltos imposíbeis son constantes, falle a cámara de tal xeito. Refírome a momentos no que non saberás para onde tes que saltar porque a cámara non cho amosa (nin che permite movela, sobre todo cando estás en repisas) ou cando pasas por un lugar baixo Lara desaparece ata que a cámara volve enfocala. Un enorme erro que moitas veces farate quedar trabado nun puzle ata a frustración e cando por fín te percates do doado que era, botarás pestes contra a maldita,imprecisa e merdenta cámara.

A duración tampouco é moi elevada, pero tendo en conta que terás que botar bastante tempo en cada enigma que se che plantexa,pasaralo por alto, ademais tes a posibilidade de recolectar tesouros como obxectivo secundario,case todos eles se atoparán dentro de pequenas cerámicas que atoparás ao longo de toda a aventura.

Con estes erros mencionados, o xogo cumpre  co seu obxectivo de entreter, ben sexa pola variedade de situacións, como fases en moto (aínda que cun control totalmente impreciso) ou momentos de submarinismo xunto as quenllas, ou ben sexa pola calidade dos puzles que che fará darlle ben voltas á cachola.

BANJOO BLOG

Tiña medo, moito medo de probar a nova entrega desta saga por mor da decepción que me podería dar,pero esta decepción quedouse curta e transformouse en frustración.

O primeiro que teño que mencionar, é que en realidade este título non debería estar englobado na categoría de lixo,xa que é un título (que se non tivese predecesores) estaría á altura de moitos plataformas desta xeración,cun digno apartado gráfico e un humor bastante característico.Pero os que me ides coñecendo sabedes que ás anteriores entregas de Banjo,sobre todo o Banjo Tooie, téñoas nun enorme,alto e merecido podio,polo que en comparación ,esta última inclusión de Banjo no mundo dos videoxogos queda moi por debaixo do esperado,tan baixo que case nin se vé,tan baixo que non é digno nen sequera de levar o título que ten.

Cando insertei o disco na consola e comecei a escoitar a melodía clásica dos Banjo comecei a rememorar os títulos anteriores, comecei a ter algunha esperanza,incluso me gustou como empeza cun Banjo e Kazooie reventando de tanto comer pizza e xogar a consola.A continuación entra en escena a bruxa( como non ía aparecer?), e ségueme entusiasmando, ata que entra o seguinte personaxe, o “señor dos videoxogos”( merda,merda,merda),a partir de aquí,comeza a decadencia.

Este último personaxe obríganos a entrar no seu xogo e deberemos coller o máximo número de Giggies para ir abrindo novos mundos. Ata este argumento ( que non me entusisasma nen o máis mínimo) podería ter un pase. O peor é a traición que nos fixeron ao non seguir as pautas das entregas anteriores.

Máis que un plataformas estamos ante un xogo de conducción no cal teremos que que construír os nosos propios vehículos ( esta parte é a peor de todas, xa que resulta do máis aburrido e asegúrovos que teredes que pasar horas neste apartado).Así recorreremos os mundos buscando notas musicais ( para utilizalas como moeda de cambio) e novas pezas para mellorar os vehículos.

A obtención dos Giggies non é menos desoladora e frustrante xa que para adquirilos teremos que ir pasando pequenas miniprobas (ou minixogos) que nos propoñen os diferentes personaxes e case sempre consistirá en levar a cabo misións cos vehículos dende chegar a un punto en concreto, gañar unha carreira, transportar a outros seres,etc.Pregúntome eu, onde deixaron o perfecto plataformeo que había que facer nos anteriores títulos para conseguir estas pezas de puzle douradas? Quén sería o inútil que se lle ocorreu cambiar o plantexamento de tal maneira?

Os Gingos (pequenos seres que había que atopar nos anteriores xogos, nunha insaciábel misión secundaria) aquí ofrécennos pequenas misións en forma de minixogos( xogar un sumo con vehículos,atoparlle un aparello perdido…) e para redondear o desenrolo os movementos a pé son moi limitados coa única posibilidade de golpeau cunha absurda chave inglesa que porta Kazzoie (olvidádevos de correr nas pernas do paxaro, nin de escupir ovos, nin de meternos dentro da mochila para superar estreitos lugares, nin de transformacións, nin de…).

Se con isto todo aínda non guindaches o disco pola ventá, faralo cando te canses dos abusivos tempos de carga que nos agasalla o título.

Tentarei facer como se este Banjo nunca existise, como se nunca xogase e para isto botareille unhas partidas aos anteriores títulos e disfrutarei desas verdadeiras xoias.

Ninja Gaiden II

Por: Venres, 15 de Maio de 2009, 12:35 1 COMENTARIO

De novo algún insensato quere liberar aos demos no mundo real. De novo algún pobre desgraciado intentará levar esta misión kamikaze.De novo nos tocará eliminar a cada ser que se nos poña diante.De novo teremos que salvar o mundo.
Sí, argumentalmente non é o máis do mellor, pero o frenético ritmo con que nos agasalla este título,compensa suficiente o anterior punto negro, xa que Ryu Hayabusa non descansará nin un só momento ( para satisfación nosa) e terá que lidiar con todo tipo de criaturas, dende simples ninjas ata enormes dragóns energúmenos ( nunca mellor dito). Todo esto satisfeito cunha remarcación “gore” total, de feito pernas, brazos, cabezas e outras partes corporais rematarán ciscadas polo escenario despois de cada pelexa do protagonista ( e pelexas hai moitas).E para amputar todas estas extremidades Ryu contará con varios tipos de armas, como a temíbel espada,unha bara metálica,un arco (para distancias longas) ou a devastadora gadaña. Ademáis as armas poderanse mellorar para que adquiran máis poder e forza.
Pero para levar a nosa misión, non nos vale simplemente con utilizar estas “armiñas”,polo que o protagonista terá que botar man de poderes máxicos (tamén coa posibilidade de melloralos), así, poderá invocar pequenos seres para que lle axuden, lanzar enormes bolas de lume, e outros poderes que lle axudarán a rematar co demo final.
O control segue sendo igual que sempre, polo que non teredes ningún problema, aínda que para mín, a cámara está demasiado horizontal en relación ao protagonista, gustaríame que estivese a unha altura maior ( esto xa é antollo meu), polo demáis, como saltos entre dúas paredes,correr por enriba da auga e outras habilidades ninjas realizarnse de maneira moi sinxela.
A nivel gráfico o xogo cumpre, pero diferenzo dúas partes. A primeira é o nivel de detalle dos inimigos (sobre todo os monstros finais), tanto pola grandeza destes como polos rasgos que locen, e a segunda son os escenarios, que están demasiado baleiros, mellor, están moi baleiros. Parece que se preocuparon moito máis en crear uns inimigos impresionantes e deixaron a un lado algo tan importante como os escenarios.
Desta volta, a dificultade está máis axustada que a primeira parte ( e grazas a algún ente extrahumano que sexa así, porque se non…), e temos unha duración de aproximadamente once ou doce horas, algo que se agradece tendo en conta este apartado noutros títulos.
Sí, ten algún erro gráfico e en contadas ocasións aparecen imperdonábeis relantizacións, pero é un xogo a ter moi en conta, tanto pola enorme cantidade de inimigos finais como pola frenética acción e constante coa que nos atopamos.

Call of Duty: World at War

Por: Luns, 11 de Maio de 2009, 17:33 COMENTAR

Despóis de escoitar os rumores sobre a séptima entrega de COD e o recente vídeo de Modern Warfare 2, non podía deixar pasar a última inclusión no no mundo dos videoxogos, da saga bélica máis famosa do panorama.

Como xa se sabía de lonxe, esta entrega non ía superar, nen sequera igualar ao xenial COD 4, pero a diversión de todos os Call of Duty está patente.

Como sempre, a cámara colocarase nos nosos ollos e veremos todo o que lle sucede ao protagonista, mentres se enfronta a centos de inimigos disparándolles sen descanso ao longo dos máis variados escenarios, dende frondosas selvas ata escuros túneles, pasando por cidades derruídas e enormes explanadas.

A enorme variedade de misións fai que o desenrolo non aburra nin un mínimo ao longo de toda a aventura, dende copias do Call of Duty 4 como a misión do francotirador, momentos no que controlaremos un tanque, espectaculares tiroteos a bordo dun avión, misións de colocación de explosivos en determinados lugares e un sin fín de accións que nos manterá pegados ao pad.

Falando do apartado gráfico, hai que dicir que acada un nivel notábel, pero como seguramente todos fixemos a comparación entre a cuarta parte e esta, World at War queda por debaixo das espectativas postas nel, porque sexamos honestos, superar a calidade do seu antecesor non é tarefa sinxela, e como era de supoñer non o conseguíu.Aínda así, texturas como a auga están moi detalladas, e as expresións dos soldados están perfectamente plasmadas, pero estes detalles están compensados con (determinados) escenarios baleiros e moito menos detallados, como o desembarco ou a (simple) misión a bordo do tanque, que non acadan o nivel logrado noutras partes do xogo.

Como sempre, para avanzar por estes paraxes, contaremos con todo tipo de armas dende fusiles francotirador, RPG e metralletas ata lanzachamas,( a gran novidade do videoxogo) que nos permite calcinar terreos de herbas para frustrar os ataques sorpresa dos inimigos, xa que este factor sorpresa está moi pronunciado nesta nova entrega, con trampas ocultas, inimigos nos árbores,ataques Kamikaze, etc, obrigándonos a avanzar con máis coidado que noutras veces.

O que non é digno de loubanza é a intelixencia artificial ( sobre todo cerca do final), con inimigos que se quedan quietos mentres disparas, momentos no que non te vén estando preto deles e outras accións semellantes que ningún xogo debería permitir, e menos unha saga como esta.

Falando da duración, podo asegurar que aumentou considerábelmente, e non me refiro ao modo aventura ( que segue sendo tan curto como o resto de xogos anteriores), se non ao modo cooperativo a pantalla partida, que sempre lle dá máis tempo de vida, eso sí, tede enconta que no cooperativo hai que facer misión por misión, polo que antes deberedes pasar o xogo en individual para desbloquear todas as misións. Ademáis, unha vez rematado, teredes a opción de xogar a un modo ben curioso, un modo no que teredes que eliminar zombies nazis, que tamén o poderedes xogar acompañado.

En fín, que nin de broma iguala ao anterior título da saga, pero, cándo vistes vós un Call of Duty que non fose divertido?.Nunca. Pois iso, que segue tendo a esencia da saga, segue facéndonos disfrutar reventando nazis. Segue sendo unha aposta segura de diversión.

Wanted : Weapons of Fate

Por: Xoves, 7 de Maio de 2009, 10:23 2 COMENTARIOS

Despois de acusar á película Wanted, como un dos mellores filmes de acción do pasado ano, e quedar máis tranquilo cun pato, decidín catar a súa versión de consolas, e algo mantívose intacto: a espectacularidade.
En serio, ninguén cun pouco de sentido ten esperanzas en que un xogo basado nunha película sexa bo nin entretido, e desta volta non tiven máis remedio que tragarme as miñas propias palabras.
O argumento do videoxogo trasládese xusto despois da película, e colleremos o control de Wesley ( o principal protagonista da cinta) e do seu pai ( este controlarémolo a modo de flash-backs para ir desentramando toda a historia), de feito o argumento é un dos puntos fortes do videoxogo, enlazando todo perfectamente e cun final insospeitado.
Cando estemos manexando a algún destes personaxes, poderemos facer todas as virguerías que fan na película dende os clásicos tiros curvados ata as misións francotirador, pero o mellor non é que se poida facer, o mellor é o simple que é facer todas estas acrobacias, asique podesdes estar seguros que aos poucos segundos estaredes saltando por enriba de mesas, acribillando inimigos cubertos por escudos…
Pero como dixen ao inicio, a espectaculariedade rebosa por todos os recantos, con momentos no que todo se relantiza e o único que temos que facer é disparar aos inimigos mentres presenciamos os rápidos movementos do protagonista, escapar dun avión en plena caída ( e sen paracaídas ), pelexas corpo a corpo a modo de QTE,etc.
Falando do apartado gráfico temos que dividir o xogo, xa que atopámonos con interiores regulares e bastante lisos xunto cuns exteriores moito máis elaborados e acompañados duns efectos luminosos impresionantes. Esta descompensación pódese perdoar, pero o que non se pode perdoar, e ninguén debería, é a súa duración. O xogo non chega nin as catro horas, e eso a primeira vez que xogas e non coñeces nada, se o pasas de segunda, en dúas horas remátalo. Máis cun videoxogo para unha “demo”, podédesme crer, a duración é esaxeradamente curta.
Aínda con todo isto, o xogo ten un factor moi importante ao seu favor, consegue divertir e non aburre nada.
Sí, os gráficos poderían ser mellores. Sí, o que se trata e de disparar a todo canto se mova. Sí, a duración é case inexistente.
Pero recoñezo que o pasei de marabilla mentres o xoguei, e o final, isto é do que se trata.