Quenlla

Por: Venres, 2 de Agosto de 2013, 12:52 COMENTAR

tiburón

Tan,tan,tan,tan,tan…(si, todos estades lendo isto coa mesma música)

Vía | Insanelygaming

Capcom xa amosara brevemente a novo motor gráfico que empregará nos seus xogos de próxima xeración, polo de momento só confirmado en Deep Down, mais quixo seguir incidindo nel e acaba de sacar un novo vídeo explicativo.

Neste vídeo podemos comprobar a evolución das texturas e fuidez do lume e iluminación, observando a reacción do lume ao impactar contra unha superficie e ver como se expande este aos laterais por contraposición do que acontecía anteriormente.

Este motor gráfico trae como nome Panta Rhei e promete ser o vehículo dos xogos de Capcom na seguinte xeración.

tomb raider 2

Dende que os usuarios puidemos botarlle man a este reboot da saga de Tomb Raider xa demos por sentado que habería secuela, tanta calidade non pode limitarse a un só xogo.

Pois Phil Rogers,CEO de Square Enix en Europa e América acaba de asegurar que xa se está traballando nunha nova entrega de Tomb Raider para as consolas de próxima xeración, é dicir PS4 e Xbox One.

Se non tivestes a oportunidade de xogar a este novo renacer de Tomb Raider correde a por el, se queredes saber os motivos non tedes máis que ler a análise que lle fixemos en Memoria Pixelada.

capcom essentials

As filtracións seguen estando á orde do día, e ben sexa por un descoido de verdade ou simplemente para facerse publicidade, a cadea EB Games listou (e pouco despois retirou), un recopilatorio baixo o nome de Capcom Essentials.

Este pack incluiría cinco dos xogos máis representativos de Capcom desta xeración a prezo de un, 59.99$.

Os títulos serían: Devil May Cry 4, Dead Rising 2, Super Street Fighter IV, Resident Evil 6 e Megaman 10.

A estas alturas é raro que non se xogase a algún destes videoxogos, mais se definitivamente se confirma este pack resultaría moi económico en relación calidade/prezo.

Por outro lado tampouco se sabe se os cinco xogos serían en formato físico ou pola contra se distribuirán mediante códigos de descarga, polo de momento Capcom non se comunicou ao respecto polo que só nos queda agardar.

bluray

Sony e Panasonic están a traballar conxuntamente no formato que substituirá ao Blu-Ray na próxima xeración de consolas e que pretenden ter rematado para finais de 2015.

A idea é conseguir un novo disco óptico con até 300 GB de almacenamento e moito máis resistente ao paso do tempo, á humidade ou aos cambios de temperatura.

Con este movemento pretenden ofrecer un soporte de almacenamento de datos coa capacidade de conter filmes a maior resolución (como a resolución 4K, equivalente a uns 4000 píxeles, catro veces máis resolución que a actual 1080p), videoxogos, maior almacenamento de datos (por fin poderemos ver o galego nos filmes?)…

Por outro lado, aínda que se estipule que a finais do 2015 teñan este novo formato, non significa que sexa a data de comercialización deste sucesor do Blu-Ray.

shigeru-miyamoto

Sobran as presentacións para Shigeru Miyamoto, creador de Mario, Zelda ou Donkey Kong, está a preparar un novo videoxogo o que conleva que todos estemos ás expectativas por cada pinga de información que nos comparta.

Polo de momento sabemos que será unha IP completamente nova (estaremos ante o principio doutra saga clásica de Nintendo?) e polo que comentou o propio autor:

Atópome cada vez máis ocupado con este novo videoxogo

Podemos intuír que o título está nunha fase de desenvolvemento avanzada para poder presentalo nun futuro próximo.

Agardaremos ese momento, porque o principal corazón de Nintendo está de volta cun título completamente novo, calquera cousa pode ocorrer.

saintsrow4

A febre dos DLCs continúa aberta até o final desta xeración, anunciando estes incluso antes da saída do propio videoxogo.

Un dos exemplos claros é Saint´s Row 4 que acaba de anunciar , “Enter the Dominatrix”, o seu primeiro DLC que sairá 45 días despois do seu lanzamento en consolas.

Enter the Dominatrix meteranos nun falso documental no que tampouco faltará o humor e as tolerías propias desta saga. Saber que este título é o que sería un DLC para Saint´s Row The Third aínda que finalmente rematou sendo a cuarta entrega, polo tanto contade con ter mencións a este feito.

Poderedes adquirir Saint´s Row 4 o 23 de agosto para Playstation 3, Xbox 360 e PC.

Non podemos dicir que esta fose a xeración das aventuras gráficas, non, non o podemos dicir, mais este é un xénero suficientemente querido como para que non se deixen de realizar proxectos, e aquí é onde entra Randal´s Monday.

Por que fixarse neste título? Pois pola súa temática e estética, baixo unha premisa completamente friki atopámonos este xogo que aínda que se presentase fai un tempo, nada se sabía del até o momento.

Neste xogo controlaremos a Randal Hicks, e con el experimentaremos as máis variadas situacións frikis que deleitarán ao usuario, a parte disto non faltará o sangue, bucles temporais, disparos, gopes…

Polo de momento non hai data de lanzamento, pero especúlase que de seguir así o ritmo de produción poderémolo ter no mercado no 2014.

Si, aínda falta un bo anaco, mais para intentar facer tempo aquí vos deixo o tráiler e unha galaería de imaxes de Randal´s Monday.

GTA-5-setembro

Sen dúbida un dos xogos que máis está dando que falar estes días é o Grand Theft Auto 5, e como non podía ser doutro xeito, día a día van deixando caer pingas de información co afán de emocionar aos usuarios.

Hoxe foi Leslie Benzies, presidente de Rockstar North, quen aclarou que o ritmo do GTA 5 será moito máis intenso que os anteriores:

Penso que a estratexia dos anteriores GTA eran no momento correcto para as historias que queriamos contar, mais non para este momento. A día de hoxe queremos sorprender á xente con misións moi intensas dende o comezo. O ritmo do xogo é moito máis rápido que en calquera dos anteriores.

Xa dende o comezo queremos amosar todas as nosas mecánicas de xogo creando intensa acción. Os tres protagonistas do xogo xa levan tempo vivindo na cidade, non son xente nova como Niko ou Tommy Vercetti. Estes xa teñen os seus contactos, están integrados e teñen vidas ocupadas…

Estas características deberían darlle á xente un sentido inmediato de inmersión total.

Polo que parece vamos estar diante dun dos grandes desta xeración, conha dinámica máis áxil, acción dende o primeiro momento e como sempre, un enorme mundo por descubrir.

Por se aínda non vistes o gameplay de GTA 5, déixovolo para que o desfrutedes.

nintendo-new-logo

Nintendo, esa gran compañía de videoxogos está a celebrar o trinta aniversario do lanzamento da xa clásica Nintendo NES, e a pesar dos anos aínda está no mercado actual sacando novas plataformas.

Mais con todo isto, todo parece indicar que coa súa Wii U non está a ter o éxito que tivo a súa predecesora, aínda que para soltar un lampexo de luz acerca do tema, o presidente de Nintendo, Satoru Iwata, foi moi claro nas súas palabras:

Con trinta anos no negocio dos videoxogos, non creo que estemos sufrindo.

Comprendo que Nintendo ten o suficiente poder como para afrontar etapas de “vacas fracas”, mais canto tempo poden soster esta situación? Remataralle reultando exitosa a súa estratexia de centrarse unicamente nas súas sagas e na súa consola sabendo que diversas desenvolvedores xa lle deron as costas?

julie

Despois de que Don Mattrick abandonase Xbox para traballar en Zynga, alguén tiña que ocupar ese posto, e a elexida foi Julie Larson-Green.

Deste xeito pasa de ser a directora da división Windows a ser a responsábel de Xbox.

Fortnite, un dos xogos no que traballa Epic Games

Fortnite, un dos xogos no que traballa Epic Games

O fundador da famosa compañía Epic Games, Tim Sweeney, fixo unhas serie de declaracións á prensa falando sobre o propio futuro do estudo e incluso opinando en como serán os gráficos nun futuro próximo.

Tim Sweeney aclarou que actualmente están a traballar en tres títulos simultaneamente, un deles é Fortnite, un xogo exclusivo para PC do que xa levamos un tempo sen saber nada del, outro é un triple A de acción competitiva online, e por último, o terceiro proxecto é un xogo que está sendo realizado por un estudo que compoñen tan só tres persoas.

Pero o fundador de Epic Games non quedou aquí, e falou sobre como serán os xogos nun futuro, aclarando que os gráficos fotorrealistas non son o problema, senón a simulación da I.A, sincronización labial, etc:

Os xogos serán absolutamente fotorrealistas de aquí a dez anos, isto só move o desafío dos gráficos a problemas que non sabemos como resolver, como simular a intelixencia humana, a animación, a fala, a sincronización labial.

Aínda quedan moitas áreas que requiren ser investigadas constantemente polo resto das nosas vidas antes de que estemos preto de chegar á realidade.

Tamén aclarou cal vai ser o futuro do motor gráfico no estudo e como é obvio, falou sobre o Unreal Engine 4:

Por isto eliximos deseñar Unreal Engine 4 pensando na escalabilidade e flexibilidade máis que nunca na historia da compañía.

Isto significa que agora, cada vez máis, podemos pensar en crear un xogo e lanzalo en todas as plataformas que sexa apropiado, ben sexa en sobremesa, PC, tablet ou web. Significa que podemos chegar potencialmente a u público moito maior, e que será pouco a pouco máis importante a nivel mundial.