Un domingo, 5 de abril de 2009, Memoria Pixelada abría as súas portas aportando novos datos sobre a posíbel chegada de Beyond Good & Evil 2, e desde aquela até hoxe, a pesar de que o mencionado videoxogo aínda non saíu á luz, nin se sabe nada del, a páxina si que sufriu moitos cambios e aventuras.
Aquel domingo, un servidor que vos escribe estas palabras tiña moi claro o que pretendía coa páxina, escribir para unha elite dunha minoría sobre videoxogos e empregando o noso idioma. Non sabía como ía avanzar, como ían presentarse as circunstancias pero esa primeira premisa tíñaa moi clara, e penso que a mantivemos ao longo dos anos.
Pouco a pouco foise unindo xente ao proxecto, colaboradores (ou integrantes) dos que sen dúbida, se non fose por eles, sábeno ben AmilGZ e Netoverflow (non me esquezo do resto, mais estes foron os que máis peso tiveron e máis tempo estiveron erguendo a páxina) Memoria Pixelada tería sido pechada xa hai ben tempo.
Así, conforme os colaboradores fomos medrando, a páxina tamén se foi facendo adulta, tropezando en determinadas ocasións, mais sempre sabendo erguerse e avanzando. Como dixen, non podo mencionar todas as persoas que colaboraron coa páxina, mais como creador dela, só vos podo dar grazas e centos de grazas. Con vós sentinme Mario comendo un cogumelo, sentinme Link cabalgando por Hyrule, sentinme ledo.
Nestes seis anos escribimos novas, artigos, análises, mesmo saímos na radio falando un pouco sobre nós. Comentamos a chegada desta xeración de consolas, vivimos en diferido todos estes E3 que tanto dan que falar e sobra dicir que xogamos a multitude de videoxogos para despois pasarvos a nosa opinión. Todo isto sendo moi conscientes de que aínda que a audiencia non era moita, tiñamos uns seguidore moi fieis que nos ofrecían todo o seu apoio. Foi por eles que percorremos toda esta viaxe, mais agora queda o peor, despedirse.
Crédenos que non foi doado, crédenos que tentamos evitar ver a realidade, porque moitas veces a realidade non é o que nos gusta vivir. Mais sodes moi conscientes de que a páxina leva un tempo en stand-by, e a pesar de que tentamos mudar este feito, non fomos capaces. A causa? A falta de tempo, sen máis.
Como saberedes, os que escribimos para Memoria Pixelada facémolo simplemente porque nos gusta, sen máis incentivo que o feito de que nos leades. Mais cando xa non podemos ter o tempo suficiente como para facelo de maneira habitual, chegan estas decisións. Oxalá puidésemos pasar o día a xogar a videoxogos e a plasmar todas as novas deste mundo. Oxalá, mais non é así. Non podemos dedicarlle á páxina o tempo que merece, e por tanto é o momento de poñer un punto e final.
Ollo, non é un “Game Over”, porque sempre pode quedar unha moeda de 25 pesetas no peto de atrás, agachada entre os panos, para un insert coin e volver renacer, pero de momento debemos dicirvos adeus, absolutamente agradecidos polo apoio que nos destes durante estes seis anos. Como dixen, o que depara o futuro ninguén o sabe, mais de momento Memoria Pixelada bota o peche. Tristes, porque as despedidas nunca son unha festa, mais ao mesmo tempo ledos e contentos por ter chegado até aquí con todos vós.
Milleiros de agradecementos pixelados.
Adeus, Memoria Pixelada.
Foi un pracer poder ter colaborado coa páxina, pero as circunstancias de cada un son as que son e tocou tomar esta dura decisión, que, por moito que nos custe, tiñamos que tomar.
Quizáis algún día se poida retomar este proxecto e volver a falarvos de videoxogos no noso idioma. Quen sabe que nos depara o seguinte nivel do videoxogo da vida. Igual isto non é un “Game Over”, é un simple “Pause” para descansar un pouco e retomalo con máis forzas.
Un saúdo. 🙂 🙂
Que pena, gostava do blog e do contato com uma língua que me é curiosa. 🙁
Grazas polo esforzo de escribir sobre videoxogos en galego durante todo este tempo. Unha forte aperta, e espero que calquera día nos sorprendades cun retorno na forma que sexa.
Moitas gracias por estes anos de informacion, pola vosa dedicacion e por informanos na nosa lingua. Queda orfo o mundo dos videoxogos sen vos. Un saudo e que sexa un ata logo e non un adeus
Mais que obrigado polo voso traballo todos estes anos. Somos moitos os que vos lemos durante todo este tempo, ainda que non comentaramos. Espero que no futuro se volva a saber de vós!
Unha gran pena, sobre todo para os que pensamos que debería haber unha revista de videoxogos en galego. Por outro lado sábeme mal, porque eu vía como se estaba quedando un pouco parada e tiña en mente poder colaborar para así que seguira con vida, xa que esta semana volve o acontecemento do ano nos videoxogos o E3.
Espero que poidades recapacitar e intentar que nova xente con tempo poida facerse cargo da revista, porque sería unha pena.
Un saúdo
Foi todo un pracer e un privilexio colaborar convosco, aínda que fose durante un breve período de tempo. Admiro todo o esforzo que fixéchedes durante todos o tempo para sacar a páxina adiante. Moitísimas grazas por todo!
Aínda que por un curto período de tempo, foi todo un pracer formar parte desta equipa. Oxalá nun futuro Memoria Pixelada rexurda con forza. Grazas!