Player.me, o perfil dos xogadores

Por: Mércores, 19 de Febreiro de 2014

playerme

Vivimos nunha época dominada polas redes sociais. A maioría da xente que nos estades a ler tendes perfil en Facebook, Twitter, Google+ (pode que non o saibades, mais tendes), Youtube, Instagram… e mesmo alguén conservará o do Tuenti. E foi esta diversidade de redes a que levou á aparición de servizos de perfís simples onde reunir toda a información e ligazóns ás túas redes sociais, unha sorte de cartóns de visita da era cibernética. Deste modo xurdiron iniciativas con bastante éxito como about.me.

E agora, meu querido lector, estarás a pensar: Moi ben, moi interesante todo, pero que carallo ten isto que ver cos videoxogos?. Acouga un pouco, queres? Non vaia ser que me quente, saque a Nintendo 64 e che dea unha malleira no Smash Bros.

Neste escenario nace player.me, o servizo de perfís para gamers. Aínda está en beta pechada e só se pode acceder mediante convite, mais podedes ver xa algúns perfís para vos facer unha idea de como vai. Tes a túa páxina coa túa foto, os teus perfís nas redes sociais e plataformas de xogo online, unha colección dos teus vídeos (para os teus gameplays ou reviews), unha listaxe dos teus xogos favoritos e unha bio para falares un pouco de ti. Tamén inclúe a opción de seguir aqueles perfís que che interesen, para estar atento ás novidades.

Poida que non vaia revolucionar a internet, mais é un servizo ben interesante para os que fan dos videoxogos a súa forma de vida.

Temén che pode interesar… | As redes sociais para videoxogadores

Sobre o autor:

@AmilGZ | Ver as entradas publicadas por AmilGZ »

«Cando tiña 8 anos regaláronme a miña primeira consola, unha Mega Drive noviña do trinque. No momento en que a conectei á televisión e vin un ourizo azul a rodar pola pantalla, notei un bolboretear no meu estómago. Resultaron ser gases, mais aínda así gostei bastante dos videoxogos en xeral e de Sonic the Hedgehog en particular. Comezou así unha bonita historia chea de amor, sangue e bolachas de dinosauro que se estende até a actualidade.»

Deixar un comentario