Como xa vos informamos hai un tempo, a compañía Bethesda está a traballar arreo no seu MMO «Elder Scrolls Online» que agarda ter listo para o seu lanzamento o ano que ven.
Este novo MMO requerirá dunha subscrición mensual para poder xogalo e estará dispoñible para Mac, PC, PlayStation 4 e Xbox One. É precisamente nestas dúas últimas onde se poderían atopar co recelo de moitos usuarios se, ademáis da cota mensual do MMO, teñen que pagar tamén a subscrición a PS Plus e Xbox Live, respectivamente. É por iso que a compañía está a negociar tanto con Sony como Microsoft para que os usuarios que soamente queiran xogar online ao «The Elder Scrolls Online», non se vexan obrigados a ter que pagar dúas cotas.
Sobre as negociacións con Microsoft, comentaron recentemente:
“Estivemos a falar con Microsoft do tema e vendo se é posible cambiar a súa mentalidade para aqueles usuarios que soamente queiran xogar a The Elder Scrolls Online e non queiran pagar unha subscrición a Xbox Live só para xogar a Elder Scrolls Online.”
“A resposta agora mesmo é que esa é a forma como funciona, pero somos conscientes e seguimos presionando, para ver se se pode facer algo.”
A situación é a mesma no caso da videoconsola de Sony, a pesares de que MMO’s como o DC Universe Online non requerirá unha subscrición a PlayStation Plus.
Polo de agora, descoñécese o prezo que terá a subscrición mensual do «The Elder Scrolls Online».