games-for-windows-live
A tenda online de xogos para PC de Microsoft, «Games for Windows Live» pechará dentro de aproximádamente unha semana.

A compañía publicou unha serie de «Preguntas e Respostas» na súa páxina web, para aclarar as posibles dúbidas dos usuarios afectados.

Como parte da recente actualización do sistema da Xbox 360, os Microsoft Points serán retirados e a tenda para PC de Xbox.com será pechada o vindeiro 22 de agosto de 2013. Animámoste a gastar os teus Microsoft Points antes deste cambio. Aínda que non poderás mercar xogos novos, poderás seguir a desfrutar dos que mercaras anteriormente, descargándoos a través do programa cliente de Games for Windows, como habitualmente.

Preguntas frecuentes:

Que sucede cos xogos e contido descargado que xa merquei?

Podes seguir a desfrutar os xogos e contido descargable que mercaras anteriormente do teu catálogo descargándoo a través do programa cliente de Games for Windows. Aínda que a función para mercar novos xogos será deshabilitada, o servizo Games for Windows Live seguirá a funcionar normalmente.

Aínda podo mercar xogos en Games for Windows Live?

Non, a tenda para PC en Xbox.com deixará de vender videoxogos a partir do 22 de agosto de 2013. Para máis información sobre títulos de Games for Windows Live non publicados por Microsoft, por favor, ponte en contacto coa compañía publicadora do xogo.

Podo mercar contido descargable para os xogos de Games for Windows Live que xa posúo cando os Microsoft Points desaparezan?

A dispoñibilidade das compras dentro do xogo e outros contidos descargables dependerá de cada xogo en particular. Por favor, ponte en contacto coa compañía publicadora do título en cuestión para obter máis información.

Poderei mercar xogos de Games for Windows Live noutras tendas agora que os xogos de Games for Windows Live xa non van estar dispoñibles en Xbox.com

Os xogos de Games for Windows Live publicados por Microsoft xa non van estar dispoñibles noutras tendas. Para outros títulos, por favor, consulta directamente coa compañía publicadora.

Que lle sucederá aos Microsoft Points que aínda teño na miña conta? Podo gastalos?

Os Microsoft Points van ser retirados como parte da actualización do sistema de Xbox 360. A vindeira vez que realices unha compra ou introduzas o código dunha tarxeta de Microsoft Points na túa conta, engadiremos unha contía equivalente ou maior do valor equivalente dos Microsoft Points da túa conta. Entón poderás empregar a túa moeda local para mercar unha variedade de contidos de Xbox das túas tendas favoritas de Xbox e se posúes un dispositivo Windows Phone 8, contido da Windows Phone Store.

Nota: Se non posúes unha Xbox 360, por favor ponte en contacto co noso Soporte técnico.

Onde podo atopar máis información sobre a retirada dos Microsoft Points?

Para máis información, por favor visita a páxina da transición das contas Microsoft á moeda local.

Así que tranquilos, se vos asustáchedes ao ler o título da nova: poderedes seguir a desfrutar dos xogos que xa mercárades, aínda que non poderedes mercar xogos novos. Se aínda tedes na vosa conta Microsoft Points ide vendo o catálogo de xogos e apurádevos a gastalos, antes do 22 de agosto.

Sobre o autor:

@NetOverflow | Ver as entradas publicadas por NetOverflow »

«A miña primeira consola propia foi unha das míticas compatibles coa NES que traían un feixe de xogos dentro. Máis tarde adquirín unha SNES coa que botei moitas horas diante da televisión, ata que me pasei ó mundo do PC, onde descubrin un mundo novo. Actualmente ando entre os xogos de PC e os de XBOX 360, aínda que de cando en cando, conecto a SNES para volver desfrutar cos seus grandes xogos.»

Deixar un comentario