O maior desacougo para os usuarios dunha Xbox 360 era a aparición das “tres luces vermellas da morte”, tamén coñecido por “anel vermello da morte”. Este fallo de hardware deixaba inservible a consola e foi un verdadeiro problema tanto para os usuarios coma para Microsoft, que vía desbordados os seus servizos de atención ao cliente ao ter que repoñer todas as máquinas afectadas.
A compañía non se pode permitir que a súa próxima consola experimente os fallos que sufríu a anterior. Desta forma, Xbox One ten sido deseñada para que teña, ao menos, unha vida asegurada de 10 anos, nos que podería estar sempre encendida e conectada.

Xbox 360 coas temidas “tres luces vermellas da morte”, o que implicaba botar unhas tres semanas sen consola, ata que che mandaran outra desde Alemaña
Fontes relacionadas coa fabricación e desenvolvedores que tiveron acceso ás primeiras unidades declararon que o maior tamaño da nova consola facilitará a dispersión da calor e que ademais se puxo moito empeño en reducir ao máximo o ruido que produce, xa que é unha máquina que está pensada para un funcionamiento constante, en moitos casos no salón.
Desta forma, os desenvolvedores aseguraron aos medios especializados que o ruido emitido pola consola, tanto en “stand-by” coma en funcionamento, é practicamente inapreciable durante case calquera actividade. Unicamente se aprecia o ruido do ventilador mentres se utilizan xogos e o procesador AMD ten que funcionar a pleno rendemento.