Blizzard está a avisar aos xogadores de World of Warcraft dun posible problema de seguridade debido a un notable aumento no número de inicios de sesión non autorizados, tanto na web como na aplicación para móbiles.
Como medida de seguridade, pecharon a casa de poxas a través da aplicación móbil e recomendan aos usuarios tomar as oportunas precaucións, como cambiar os contrasinais cada certo tempo.
Segundo un responsable do estudo:
“Estamos en proceso de notificar a todos os usuarios que non empreguen un sistema de autenticación e cuxa conta amosase signos de acceso non autorizado (inicio de sesión dende unha IP inusual, por exemplo). Se estás dentro dese grupo, recibirás un correo electrónico describindo como recuperar a túa conta.”
“Como resultado destas actividades sospeitosas, o acceso á casa de poxas de World of Warcraft dende a aplicación móbil foi desactivado temporalmente. O noso equipo de soporte restaurará os obxectos e ouro do xogo de calquer conta afectada, cando o usuario nolo notifique.”
Máis malas novas para Blizzard, despois de que recentemente se coñecese que no primeiro cuarto do 2013 perderon 1,3 millóns de subscriptores.