Tal e como confirmou Jim Ryan, CEO de Sony Computer Entertainment Europa, nunha entrevista durante o pasado E3 en Los Ángeles, a compañía xaponesa amosará novos títulos durante a celebración da feira xermana Gamescom o vindeiro agosto.
Somos moi conscientes que no evento de febreiro en New York amosamos moito software, sobre todo propio. O que amosamos no E3 foi realmente actualizacións deses xogos e presentamos The Order 1886.”
“Tamén hai moitos outros videoxogos en camiño. Estou seguro que escoitáchedes as declaracións de Shuhei (Yoshida, presidente de Sony Worldwide Studios) que, soamente nos seus estudios, están a traballar en 30 novos videoxogos. 20 deles sairán ao mercado no primeiro ano da PlayStation 4 e 12 son novas franquías, así que temos moitas cousas previstas. Temos a Gamescom para nós os europeos e temos que ter algo que amosar na Gamescom.”
A edición da Gamescom deste ano celebrarase entre os días 21 e 25 de agosto en Colonia, Alemaña. Tamén confirmaron a súa asistencia Microsoft e Nintendo, despois da súa ausencia na edición anterior. Outros estudos que tamén asistirán son Bethesda, Deep Silver, Electronic Arts, Konami, Ubisoft e Warner Bros.