Como en cada lanzamento dun videoxogo, as compañías tratan de facernos ver, por riba de todo, os seus puntos fortes (deixando a un lado os seus puntos febles, evidentemente). Como non, no caso do Grand Theft Auto V, RockStar non é unha excepción e un dos puntos que máis destacan é o tamaño que terá o mapa do xogo.
O problema nestes casos é que por moito que nos digan as dimensións, un non se fai unha idea real do tamaño. Foi por iso que a alguén se lle ocorreu aproveitar as vantaxes do servizo de mapas de Google, Google Maps, superpoñendo enriba unha imaxe do mapa do GTA V, para así poder ver o seu tamaño levado á vida real. Tamén podemos comparar o tamaño do mapa da entrega anterior, o GTA IV.
Sirva como exemplo de referencia que o mapa do GTA V terá un tamaño similar ao da cidade de A Coruña ou Vigo, mentres que o mapa do GTA IV tiña un tamaño similar ao da cidade de Ourense ou Santiago de Compostela, por exemplo.
Podedes comprobalo vós mesmos nesta páxina.