Despois da enorme polémica creada despois do seu anuncio en maio e estrelarse no E3 na pasada semana, Microsoft da marcha atrás e retira dúas das políticas que máis polémicas levantaron: a necesidade de conectarse aos seus servidores cada 24 horas para poder xogar e a que afectaba ao mercado de segunda man.
Vendo a que lle viña enriba, sobre todo despois de ver que a competencia non lles seguía o xogo con ese tipo de políticas, Don Mattrick e o seu equipo tomaron esta decisión para evitar unha catástrofe para a compañía de Redmond.
Os dous puntos interesantes do anuncio:
* Unha conexión á Internet non será necesaria para xogar offline aos videoxogos de Xbox One. Despois de configurar a nova Xbox One, poderás xogar con calquera videoxogo en formato físico sen ter que te conectar online de novo. Non hai un requisito de conectarse cada 24 horas e poderás levar a túa Xbox One a onde queiras e xogar aos teus videoxogos, como na Xbox 360.
* Intercambios, préstamos, revenda, regalos e aluguer de videoxogos en formato físico tal como hoxe en día. Non haberá limitacións para empregar e compartir xogos, funcionarán como o fan agora mesmo na Xbox 360.
Podedes ler o resto do anuncio nesta páxina (en inglés).
Xa comezamos a entendernos, Microsoft. Xa comezamos a entendernos…
Como me pon que os usuarios venzan o “pulsito” a un xigante da industria!, 😛 Veña, Microsoft, agora unha rebaixa de 200 euros no prezo de saída ou sacámosvos os Donuts da máquina dos estudos, mhuahahahua.
Eu xa o sabía, predíxeno na previa que fixemos do E3, marketing inverso 😉
É de sabios saber rectificar, mais moi sabios non deberon ser cando se quixeron rir dos xogadores na súa mesma cara.
Xa entendo eu as estratexias de Microsoft, intentar cobrarnos todo sen necesidade ningunha,”e se cola, cola”, pois desta vez non coou. Como debe ser.