Preview do E3 2013

Por: Mércores, 5 de Xuño de 2013

e3 outro

Falta unha semaniña para que de comezo o E3 deste ano e os continuos rumores sobre os posíbeis títulos que se presentarán comezan a invadir a rede. En Memoria Pixelada quixemos facer un breve repaso sobre o que agardamos desta feira e achegarvos as opinións dalgúns colaboradores mentres quentamos motores para a cobertura que vos imos ofrecer:


  • Skaltum

    Xa hai uns cantos anos que a maior feira de videoxogos se converteu nun espellismo para toda a comunidade de xogadores. O que debería ser unha continua presentación de novos títulos remata por converterse nunha enumeración pausada de xogos xa vistos e proxectos dos que ninguén se sorprende.

    Mais este E3 pode ser diferente e o porqué é moi claro, a presentación definitiva das dúas novas consolas de sobremesa, a PS4 e a Xbox One.

    Sony e Microsoft xa fixeron unha pequena presentación dos seus novos aparellos, mais reservaron o toque final para este E3. Por tanto, dentro dunha semana poderemos saber se definitivamente Microsoft escoitou as críticas da súa nova consola e deu un pasiño atrás, ou se é verdade que a PS4 se centrará case en exclusiva en videoxogos.

    Obviamente estas son utopías dun xogador que pola primeira vez se sente incómodo coa próxima xeración de consolas. Porque é sabido que Microsoft seguirá na súa liña de “cobra por todo”, “mira aínda máis a televisión”, “móvete diante de Kinect”… e a PS4, aínda que nun primeiro momento gañadora desta competición, é claro que non deixará a un lado os elementos multimedia que tanto queren algunhas persoas.

    banjo tooie

    Pero entón que é o que me gustaría ver no E3 2013? Pois principalmente gustaríame que a feira se centrase case en exclusiva a presentar novos xogos, novas IPs, títulos que escoitemos por primeira vez e que nos inciten a seguilo até o momento da súa saída. Non nos enganemos, teño ganas de ver o deseño da PS4 e si, reitero, desexaría con toda a forza que todo o que dixeron da Xbox One fose unha broma americana e quedase só nunha pequena burla a todos os xogadores, unha broma pesada, pero broma.

    Mais non esquezamos que o E3 é a máxima feira de videoxogos, e precisamente isto é o que quero ver; VIDEOXOGOS.

    Parece ser que RARE vai a presentar unha nova entrega dun dos seus míticos xogos. Soñaría que fose unha nova entrega de Banjo e Kazooie, mais un título como os dous primeiros, nada de “Baches e Cachibaches”, unha aventura de plataformas enormes e cheo de posibilidades, como o foi no seu momento Banjo Tooie, para min, unha auténtica obra de arte.

    Tampouco esquezo a The Last Guardian, que despois de tanto tempo o meu medo acrecéntase pola súa vida, e se Naughty Dog recuperase a Jak e Daxter para a próxima xeración xa me sentiría coma no ceo.

    A estas alturas non vou enumerar todos os xogos que me gustaría ver, porque a lista sería enorme: Primal 2, un novo Mass Effect, Devil May Cry, unha nova triloxía basada en Gears of War, Red Dead Redemption 2, Darksiders 3,etc.

    Só pido que realicen un E3 coma nos vellos tempos, co seu espectáculo, pero sobre todo coa súa cantidade de títulos novos que sorprendan ao público, porque aquí recae o éxito desta feira, na capacidade de sorprender a unha comunidade que sabe moi ben o que quere.


  • Moucho Branco

    Como afeccionado, se hai algo que me mantén expectante na véspera de cada E3, iso son os xogos, o software. Sei que nesta ocasión, como acontece ante cada relevo xeracional no mercado das consolas, o evento e o tratamento xornalístico farán especial fincapé no novo hardware. Mais o proceso de conversión deste hardware en máquinas multimedia cada vez menos centradas no que aquí nos interesa marca unha senda que estou pouco interesado en percorrer. Xa teño unha máquina multimedia que supera en prestacións a calquera das consolas de nova xeración e multiplica infinitamente a súa oferta xogábel. Falo, por suposto, do PC. O único no que as consolas poden competir con el é precisamente naquelo ao que estan renunciando; na súa especialización.

    Mais en calquera caso e recoñecendo que as consolas aínda teñen os seus méritos –e o que é mais importante, as súas interesantes exclusivas–, unha das cousas que agardo do E3 é que a abominábel política de Microsoft para a súa nova máquina recúe nalgúns dos seus aspectos mais polémicos. Pode parecer improbábel ou até imposíbel, pero ao analizalo con atención vemos algúns sinais de que a conferencia de presentación de Xbox One pode ter producido o efecto contrario ao desexado, e no lugar de favorecer políticas comerciais mais agresivas obrigar, por exemplo, á retirada dos pases on line que ven de anunciar EA. Creo posíbel que poidamos ver rectificacións por parte de Microsoft a respecto de One (veladas, claro está), e claro que así o desexo.

    the_witcher_3_anunciado_pant

    Canto ao que de verdade importa, os xogos, cabe diferenciar o xa visto e o que veremos por primeira vez neste evento. No primeiro caso interésame moi especialmente Beyond:two souls, dos nunca decepcionantes Quantic Dream (a razón mais sólida que atopo para mercar PS4). Tamén teño no centro do punto de mira The Witcher 3, da que hoxe por hoxe é para min a compañía mais fiábel e merecedora de admiración; os polacos CDprojekt.

    Daqueles xogos dos que aínda pouco ou nada vimos o meu máximo interese está posto tamén nos polacos, e agardo coa máxima expectación mais información de “Cyberpunk”, a súa nova franquía futurista. Polo demais a miña atención estará posta na agardada presentación ao mundo de Dragon Age 3 Inquisition, que agardemos restaure o prestixio da saga tras o desastre da segunda entrega. Terei tamén un ollo posto en Capcom, que ademais de ter chamado a miña atención con “Deep down”, podería presentar un Dragon´s Dogma 2, unha excelente nova sempre que corrixan entre outros erros o do arquivo único de gardado, unha cagada garrafal nun xogo desas características froito da inexperiencia no xénero, e que que tantos desgustos deu aos usuarios.

    A suposta filtración dun Fable IV é cando menos interesante, e sempre e cando se manteña a kinect a unha distancia prudencial podería ser unha boa nova. Entre os mais desapercibidos para o grande público ten todo o meu interese o novo proxecto de Tomasz Gop, productor executivo dos dous primeiros “The witcher”. Trátase dun RPG de acción que leva por título “Lords of the fallen” e do que aínda pouco sabemos, pero que sen dúbida será unha referencia a ter en conta. Con respecto á rumoreada sorpresa dun Shenmue 3 o mesmo de sempre… escepticismo… agora; que se acontece será unha das mellores novas que nos da a industria en moito tempo.

    E, en fin, pídolle aos reis magos que leven ao E3 algúnha inagardada sorpresa en forma de nova franquícia de formulación adulta, profunda, non liñal, e cunha duración acorde ao prezo desorbitado que pagamos polos xogos. Aínda que neste aspecto se cadra só vexo carbón.


  • SSendon

    Con pouca frecuencia se dá o E3 previo á saída á venda das grandes consolas que protagonizan o sector, actualmente e neste caso PS4 e Xbox One (Nintendo e as súas Wii hai tempo que quedaron descolgadas do sector principal de “gamers”, aínda que seguramente non lles foi mal na súa aposta polo xogo “casual” e familiar). Estarán todos os focos por tanto centrados nas capacidades de ambas as máquinas, sendo Microsoft e a súa nova Xbox One a que máis ten que gañar, logo da máis que fría acollida por parte dos seus seareiros da presentación de hai unhas semanas. Digo que ten moito por gañar, xa que de PS4 poucos datos se coñecen, e se Microsoft dera durante este E3 marcha atrás en varios dos seus anuncios para esta nova xeración, coma a non retrocompatibilidade e unha política menos gravosa para o usuario no asunto da venda de segunda man (acórdame, por exemplo, un moi pequeno pago se o xogo o mercas nunha tenda, pero de balde se o anterior perfil que xogou ese disco é amigo teu en xbox live, é decir o xogo prestado entre colegas de toda a vida) consiguiría reilusionar aos seus fieis e quizais dar o primeiro golpe de temón a esta nova xeración. Se cadra era esta a estratexia de marketing inicial, crear malestar para logo “solventalo” todo a tempo e aparecer coma salvadores e atentos as demandas da comunidade, vai ti saber. Canto ao resto de polémicas que xorden sobre esta nova consola, vexo un incordio ter que tela, necesariamente parece ser, conectada á internet cunha periodicidade moi breve, mais opino que é necesario ir cos tempos e actualmente poucos fogares haberá interesados nunha máquina deste tipo que non conten con conexión de banda longa. Na mesma liña entendo o concepto de consola coma centro multimedia do fogar. Mentres todos os usos que se lle den á máquina sexan secundarios, é dicir, sigan sacando xogos de calidade, a min non me importa que invistan cartos en emitir a NFL, a NBA, no Blu-Ray ou nun mellorado Kinect (que é certo que ao final non se usa, pero as primeiras semanas son un non parar de presumir del cos colegas).

    Semella interesante tamén neste E3 botar unha ollada ao mercado dos xogos para móbiles e tablets, pequenas producións que están copando cada vez máis parte do pastel que antes se repartían as grandes compañías.

    Canto a xogos, bótolle un ollo ao listado de xogos previstos polas compañías e vexo moita edición 14 das distintas sagas deportivas, moita segunda, terceira ou cuarta parte deses títulos supervendas e a un quédalle gana de probar cousas novas, que non é que non vaia xogar tamén a eses outros xogos, pero as novas experiencias son precisas para manter o interese. E con ese pensamento estarei moi atento ao novo de Remedy, os creadores do Max Payne e do meu admirado Alan Wake, presentan Quantum Break, xogo exclusivo para a Xbox One, e ao cal se lle deu bastante importancia durante a presentación da consola, coa emisión dun enigmático trailer:


  • NetOverflow

    Penso que como case todos, o que máis agardo nas conferencias do E3 deste 2013 son as verdadeiras presentacións das novas videoconsolas de Sony e Microsoft: PlayStation 4 e Xbox One (O nome segue sen me convencer nadiña…), respectivamente. E digo “verdadeiras presentacións” porque Sony nin sequera amosou como será a nova videoconsola e Microsoft fixo unha presentación máis ben pequena, onde amosaron a videoconsola e catro cousiñas máis.

    Por outra banda, tamén me interesa ver se realmente levan adiante as políticas coas que parecen queren obrigarnos a pasar polo aro como se fosemos animais domados na pista central dun circo. Da decisión que tomen, dependerá en gran medida a opción que escolla para o meu entretemento persoal. Eles verán o que fan, pois alternativas hai para escoller.

    No referente aos videoxogos, ademais dalgún xa nomeado polos demais compañeiros, tamén agardo con especial interese ver se Bethesda anuncia a seguinte entrega da saga, o FallOut 4.

    fallout4

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario