Análise de «FX Fútbol»

Por: Mércores, 22 de Maio de 2013

fx-futbol-1
Cando hai uns meses saíu a nova de que FX Interactive estaba a traballar neste proxecto, os fans da lexendaria saga dos 90, PC Fútbol, viron a luz despois de máis de 5 anos sen ningunha entrega e máis dunha década dende que a defunta Dinamic Multimedia lanzara o que para moitos foi o mellor de todos: o PC Fútbol 2001 (xunto co 7.0, que tamén ten moitos afeccionados).

O certo é que por moito que dende FX Interactive nos vendan que esta é unha nova saga e que non é unha continuación da anterior, o certo é que todos os usuarios sabemos que si o é, pois, entre outras cousas, gran parte do equipo de creadores é o mesmo que levou a saga ao seu éxito. Sei que din que as comparacións son odiosas, pero, por moito que o queiramos evitar, tamén son inevitables, máis nestes casos, cando falamos dunha saga que namorou a milleiros de xogadores (entre os que me inclúo) alá polos anos 90.

Moitos nos sorprendemos cando anunciaron que o lanzarían o 8 de maio, cando o habitual nestes casos é en setembro máis ou menos, aproveitando o comezo das ligas e o tirón das novas fichaxes durante o verán. Pero dende FX Interactive xa anunciaron que os xogadores que merquen o xogo, disporán en setembro dun DLC totalmente gratuito coa actualización das plantillas da tempada 2013/14 (si, aínda que pareza mentira dixen ben: DLC gratuito). Ademáis, xunto coa copia do FX Fútbol incluíron tamén unha copia do FX Calcio, que, como xa adiviñaríades, é o mesmo xogo pero baseado na liga italiana de fútbol. Comezamos ben, FX Interactive, peeeeeero……

fx-futbol-1

Unha das primeiras pegas coas que nos atopamos de entrada é que non teñen as licenzas oficiais, polo que os nomes dos xogadores non son reais (se ben algúns son máis obvios ca outros a que xogador real corresponde) e os nomes dos clubes levan o nome da cidade ou algo diferente no caso de que haxa varios clubes na cidade. Punto negativo para FX. Agora ben, como en anteriores entregas e como soe ser habitual nestes casos, existe a posibilidade de editar os nomes, polo que cun pouco de traballo por parte do xogador, pronto teremos o xogo como se fose “oficial”. Por outra banda, a enorme comunidade de fans da saga, xa está traballando duramente nos coñecidos “mods” para que sexa aínda máis sinxelo de facer. Punto positivo (sobre todo para estes últimos). Outro punto negativo é que soamente temos dúas ligas xogables: Liga FX 1 (1ª División) e Liga FX 2 (2ª División), polo que os clubes de 2ª B e 3ª, así como outras ligas europeas ou sudamericanas non os podemos escoller. Outro punto negativo.

Botándolle un vistazo aos requisitos (Pentium IV 3.2 GHz, 2 GB RAM, 128 MB Gráfica), parece que calquer PC medianamente actual poderá facelo funcionar sen problemas, pero non é ouro todo o que reluce. Se tivese que definir FX Fútbol cunha soa palabra, sería: simplicidade, algo que pode ser bo ou malo, dependendo do que o xogador busque no xogo.

De entrada atopámonos cunha primeira pantalla moi simple, coas opcións para comezar unha nova partida, cargar unha anterior ou escoller as opcións gráficas, de son e do xogo.

Cando comezamos unha nova partida podemos escoller ata 4 xogadores e dous modos de xogo: “Manager” e o modo “Desafío” (que non deixa de ser o xa coñecido modo “Pro-Manager”), dependendo de se queremos coller ao nosos equipo favorito ou medrar como adestrador dende abaixo cun equipo humilde. Neste menú, bótanse claramente en falta moitísimas opcións, como “Envellecemento”, “Control do filial”, etc.

fx-futbol-2

Despois de escoller equipo, cando chegamos a interface principal, atopámonos cun menú moi familiar pero modernizado e pero cunha disposición similar á das entregas anteriores (se ben as opcións de fichaxes, plantilla e as económicas e estadio cambiaron de posición), mais dentro de cada unha, atoparémonos cunha cantidade moi reducida de opcións que poderá escoller o usuario.

Por poñer exemplos, non podes xestionar o merchandising, na pantalla do estadio, só podes escoller o prezo das entradas (de 10 a 70 Euros, como na realidade máis ou menos… 🙁 ) e na opción de Remodelar soamente podemos escoller entre 4 estadios diferentes (Local, Nacional, Internacional e Mundial) con diferentes equipamentos e capacidades cada un. Nada máis. Inda por riba tes que ir facendo a remodelación en orde, polo que non podes pasar dun estadio “Local” a un “Mundial” sen antes pasar polos outros dous, co custo que iso supón. Ata tal punto chega a simplicidade dalgunhas pantallas que por exemplo na de “Xestión”, soamente podes pedir créditos. No resto da pantalla só podes ver a confianza da afección e a directiva, así como a nota da túa tempada, vamos, pouco co que o usuario poida interactuar. Outra pantalla que chama a atención neste aspecto é “Clasificación” onde soamente podemos ver como van as dúas ligas xogables, nada máis. Nin como van as ligas europeas, nin sequera a clasificación dos máximos goleadores e porteiros.

fx-futbol-3

Tras poñer a punto todo o equipo. é hora de comezar o primeiro partido premendo no balón que atopamos xusto no centro da pantalla. Aquí podemos escoller entre simular o partido (parando no descanso se queremos cambiar algún xogador ou a táctica) ou “Ver partido” no “simulador” e poñoo entre comiñas porque é quizáis un dos puntos máis fracos do xogo. Certo é que nunca foi o punto forte da saga, pero neste caso é aínda peor:

  • Non podemos controlar aos xogadores como en calquer simulador de fútbol.
  • Os gráficos non están á altura.
  • Os comentarios de Gaby Ruiz, repetitivos e sen apenas emoción.
  • Os movementos dos xogadores, moi pouco realistas e con perdas de balón contínuas.
  • As opcións da cámara limítanse a cámara de televisión e a un plano cenital.
  • Non podemos escoller o tempo que dura o partido.
  • Non podemos realizar cambios durante o partido nin as tácticas.
  • Non hai árbitro, nin xuíces de liña.

Por todos estes motivos anteriores, leva a que o xogador teña a sensación de estar a ver un partido no que o único que podemos cambiar é o estilo de xogo do equipo, nada máis. 1 MILLÓN DE PUNTOS NEGATIVOS!!!

fx-futbol-4

Ben é certo que o xogo ten moitos puntos negativos, pero a favor temos que dicir que ten un moi importante, sobre todo nestes tempos: o prezo. E é que 19,95 € (en Amazon.es podemos atopalo por 16,08 €), non é algo moi común estes días no mundo dos videoxogos, pois algúns DLC custan case o mesmo.

Conclusión:

Por todo o exposto anteriormente, FX Fútbol non deixará de ser un primeiro intento por parte de FX Interactive de rescatar a saga, pero que non está á altura. Pola súa extrema simpleza e falta de opcións, parece máis ben que estivesemos ante un xogo deseñado para dispositivos móbiles con pantalla táctil.

A favor:

  • Baixo prezo.
  • Posibilidade de modificación.
  • Requisitos baixos.
  • Inclúe o FX Calcio e un DLC gratuito para a tempada 2013/14.

En contra:

  • Só dúas ligas xogables, co que só podemos coller ao “Lugo”, “A Coruña” e “Vigo” como equipos galegos.
  • Moi poucas opcións de xestión.
  • Simulador deficiente e sen control ningún.
  • Sen modo online.
  • Bastantes erros de funcionamento.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    3
  • SON:
    2
  • XOGABILIDADE:
    5
  • DIVERSIÓN:
    4
  • DURACIÓN:
    5

  • FINAL:
    3.8
NOTAS DOS USUARIOS

Ningún usuario opinou aínda sobre este videoxogo.

Podes ser o primeiro en facelo.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@NetOverflow | Ver as entradas publicadas por NetOverflow »

«A miña primeira consola propia foi unha das míticas compatibles coa NES que traían un feixe de xogos dentro. Máis tarde adquirín unha SNES coa que botei moitas horas diante da televisión, ata que me pasei ó mundo do PC, onde descubrin un mundo novo. Actualmente ando entre os xogos de PC e os de XBOX 360, aínda que de cando en cando, conecto a SNES para volver desfrutar cos seus grandes xogos.»

Deixar un comentario