Análise de Bioshock:Infinite

Por: Martes, 14 de Maio de 2013

bioshock infinite

A necesidade de sorprender ao xogador para un éxito do propio xogo debería estar escrito no manual dos desenvolvedores destes. Moitos conségueno creando novas IPs da nada, mais cando este primeiro título ten un éxito suficiente para que lle sigan novas partes, como manter esta orixinalidade sen caer na monotonía?

E aquí é onde hai que aplaudir a evolución da saga de Take Two, Bioshock, que soubo que a evolución é o camiño axeitado e que conxelarse nunha idea soa non era o correcto. Hai xogos que non poden dicir o mesmo, verdade Dead Space?

Despois daquel primeiro Bioshock que sorprendeu a todo o mundo pola súa calidade tanto a nivel xogábel, gráfico, de ambientación, de innovación… seguiulle unha segunda entrega que nos volvía somerxer en Rapture, a cidade acuática na que se desenvolvían os feitos, mais desta volta encarnando a un dos xigantes que tiñamos que eliminar no primeiro título.

Non é que estivese mal, mais xa se perdía esa frescura orixinal, non sorprendía tanto á comunidade de xogadores e estes, nos cales me inclúo, pedían máis.

Pois Take Two non defraudou, mais onde se podían levar a cabo os feitos para crear esa atmosfera ditatorial en busca dunha especie mellor? Pois nunha cidade flotante, aí é nada.
Así, pasamos a movernos por un escenario a kilómetros de distancia baixo a auga, a movernos por kilómetros de distancia sobre a terra, unha idea que rompe co visto anteriormente, e que só con este feito nos incite a saber o por que e se hai algunha relación cos xogos previos.

bioshock infinite 2

Pero este cambio de escenario non é a única sorpresa, xa que está acompañado de suculentas innovacións que lle sentan excepcional á saga, entre elas as melloras a nivel xogábel.

Como é obvio, manexamos a un protagonista en primeira persoa que deberá viaxar a Columbia, cidade aérea, para atopar a unha rapaza e traela de volta. Alí darémonos de conta que existe un réxime ditatorial o cal nos quererá deter a toda costa cando saben o noso propósito. Para axudarnos a desfacernos de todos os gardas botaremos man das “sales”, brebaxes que nos ofrecen poderes os cales podemos usar contra os inimigos, como eléctrico, pirómano, protector, invocar corvos, cambio de personalidade,etc.

Como crítica direi que non todos teñen o mesmo poder e relevancia, o que fará que obtemos sempre por empregar os mesmos poderes algo que deberían corrixir en futuras entregas, porque se mal non recordo, pasaba o mesmo nos anteriores capítulos.

A parte podemos levar dúas armas que van dende pistola, escopeta, carabina, francotirador… e toda unha serie de armas que veremos repartidos polos escenarios e que a combinación entre poderes e armas sexa perfecto.

Pero lonxe de quedarse aquí, Take Two ofrécenos a posibilidade de cooperar coa nena que debemos rescatar. Esta terá poderes sobrenaturais permitindo abrir fendas a outras dimensións, deste xeito só con dicirllo poderemos traer seres que nos axuden, botiquíns, armas, etc.

A mestura entre poderes, armas e estas fendas é sublime.

Pero Take Two tampouco estivo conforme e aínda quixo innovar un chisco máis, e para iso creou un sistema de transporte que engade un mínimo de plataformeo. Por toda a cidade haberá raís nos cales podemos montar grazas a un artiluxio que obtemos ao inicio e que nos axudará a desprazarnos libremente. Así, con só premer un botón moverémonos como se por unha “tirolina” fose ao redor de Columbia.
Dende aquí podemos chegar a zonas secretas, eliminar gardas dende o aire, fuxir de momentos críticos, etc.

Como vedes, non só quixeron innovar a nivel argumental, senón que a nivel xogábel tamén sufríu melloras que se agradecen.
E xa que falamos do argumento, penso que estamos ante un guión digno de cine, con cambios de guión, xiros inesperados e un final excepcional. Os que o xogastes saberedes ao que me refiro e os que non, e tedes pensado facelo, non vos preocupedes, a propia historia de Bioshock: Infinite fai que queirades seguir adiante minuto a minuto, porque como acontece con toda esta saga, os seus creadores saben moi ben como contar unha historia.

bioshock infinite 3

O apartado técnico loce a un nivel moi alto e aínda que por momentos a claridade distorsione un chisco a nitidez do mesmo, no cómputo final non hai nada que dicir na súa contra. Personaxes perfectamente caracterizados, paisaxes fermosas, localizacións cheas de cousas que investigar, movemento continuo da cidade… isto último non se refire só aos habitantes que alí atopamos, senón que a propia cidade se move, en moitos casos achegándonos a novas zonas.

Por outro lado tamén quixeron engadir misión secundarias, mais estas non enganchan tanto ao xogador, quizais pola linealidade do propio xogo que fai case imposíbel que se leven a cabo da maneira tradicional, é dicir, busca completa e resolución.

De todos os xeitos si que existen pequenos lugares ocultos que debemos atopar, e neles atoparemos diñeiro (para gastalo nas máquinas e mellorar poderes e armas), prendas de roupa (que nos darán pequenos poderes á hora de loitar) ou pocións que ampliarán o noso nivel de vida, nivel de sales ou protección.

Particularmente penso que se diminuíu a dificultade con respecto aos xogos anteriores e o feito de cando nos maten volvamos revivir sen que volvan aparecer aos que xa matamos ségueme sen gustar en absoluto, porque o único que fai é que poidamos avanzar sen reto algún.

Isto compénsano coa duración, máis que excelente para un xogo deste tipo, unas 15 horas que nos manterán agarrados ao pad e vendo e desfrutando dunha das historias mellor narradas a nivel de videoxogos.

Bioshock: Infinite colle todo o bo das anteriores entregas e engádelle máis dinamismo a nivel xogábel que agradecerán todos os amantes dos FPS puros. A atmosfera non é tan “asfixiante” como foi anteriormente mais cumpre con todos os requisitos para ser xogado por calquera amante do xénero. Certo que ten pequenos erros, pero esquecerédelos de seguida xa que os “pros” son moito máis abundantes. Mención especial á historia e a forma de contala. Sorprenderavos.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    9.3
  • SON:
    9.4
  • XOGABILIDADE:
    9.2
  • DIVERSIÓN:
    9.3
  • DURACIÓN:
    8.7

  • FINAL:
    9.2
NOTAS DOS USUARIOS
  • GRÁFICOS:
    8.7
  • SON:
    9.3
  • XOGABILIDADE:
    8.6
  • DIVERSIÓN:
    8.9
  • DURACIÓN:
    8.6

  • FINAL:
    8.8

2 usuarios enviaron os seus votos.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

1 Comentario a “Análise de Bioshock:Infinite”

  1. carlos di:

    Encantame este xogo …. 🙂

Deixar un comentario