Análise de Gears of War: Judgment

Por: Martes, 23 de Abril de 2013

judgment 2

Epic Games non quere deixar de exprimir a saga que revolucionou os shooters desta xeración e da man de People Can Fly chéganos a cuarta entrega de Gears of War, abandonando a Marcus para narrarnos unha historia anterior aos acontecementos da triloxía orixinal.
Isto é o que deberon pensar os seus creadores á hora de enlazar a historia:

Guionista 1: Que historia queremos narrar aos fans?

Guionista 2: Que vos parece se facemos unha precuela da historia orixinal e así temos camiño libre para contar calquera tontería baseándonos na xogabilidade, que ao fin e ao cabo é o que nos interesa vender?

E así é, porque sendo un fan da saga, seguidor dende a primeira entrega, non podo deixar pasar unha historia tan mala e tan mal contada na saga.

O plantexamento inicial parece sorprender nun principio, atopamos a Baird e o seu grupo nun xulgado e nós xogaremos o que se está contando diante do xuíz mediante flashbacks escoitando a voz narrada do individuo que lle toque describir os feitos. Vale, algo medianamente orixinal e que aceptamos, mais o que non estou disposto aceptar é o resto da historia.

O argumento paréceme case que ridículo presentándonos uns personaxes que perden toda a carisma que gañaron na triloxía orixinal. Recordades ao bo de Baird realizar bromas coa súa personalidade tan excéntrica? Pois esquecédevos, aquí está serio e sen ningún atibo de personalidade caendo no estereotipo típico dun xogo. Recordades a Cole coas súas frases de “potencia”, sempre ante todo? Pois esquecédevos tamén, xa que no Gears of War: Judgment apenas fala.
Os dous personaxes restantes tampouco implican ningún interese no xogador, cunha muller con pouco peso na historia e un enigmático, e ao mesmo tempo non tan enigmático home coa cara marcada.

judgment 3

Onde está a empatía que existía cos personaxes na triloxía orixinal? Non só iso, porque a empatía que se tiña cos personaxes coñecidos se perde? Sinxelo, a triloxía rematou, a historia pechouse e agora só se busca exprimir un título que marcou unha xeración de consolas, sen máis alarde, sen dar un paso máis,sen máis esforzo.

Pero polo menos o título segue sendo divertido?

No meu interior gustaríame ser benévolo co xogo, pero aínda que repite xogabilidade e xa mencionei en máis dunha ocasión que me parece unha xenialidade, introduce un recurso que me volveu enfadar por dentro, e curiosamente, volve a recaer na historia.

Se recordades na triloxía orixinal a historia era lineal, pois en Judgment existe un pequeno matiz. Antes de cada escenario atopamos a marca clásica de Gears of War a que nos ofrece unha opción, superar a misión de maneira natural ou con algún extra. Normalmente estes extras son superar o nivel cunha soa arma, con inimigos máis poderosos…o que nos aumenta a experiencia final. Que conleva isto? Pois que da a sensación de distribuír a historia por fases, e nas cales existen varias na que a nosa misión só consistirá en resistir varias “oleadas” de inimigos.

Agora poñédevos na pel dun fan de GoW e collede unha historia nefasta que non se aguanta por ningures e aínda por enriba dividida por niveis, no cal ao rematar cada nivel dannos o resultado da nosa actuación, como se dun hack and slash se tratase.

Persoalmente non aprobo este plantexamento e se non se intenta dar algo de importancia a contar unha historia que atrape ao xogador (e máis sendo o xogo que é) non vexo eu como pretenden cautivar aos fans. Só polo nome? A algúns pode ser, mais…

Por outro lado segue mantendo a xogabilidade que o fixo famoso, polo tanto continua resultando entretido avanzar por escenarios eliminando Locust, que existe un ou dous novos pero que non resultan demasiados complexos nin intrigantes á hora de facerlle fronte. De feito paréceme un título moito máis sinxelo que o resto dos anteriores capítulos.

Pero é un Gears of War,e sei co que me vou atopar, non me gusta a historia, non innova nos inimigos, pero non me aburre avanzar polos escenarios escondéndome dos disparos inimigos, empregando armamento pesado, ademais ten o aliciente do apartado técnico, que volve ser sublime, aínda que os interiores resultan moi simples e pouco detallados en comparación a uns exteriores e paisaxes cheos de cousas.

judgment 4

A nitidez das texturas volve repetir calidade e a fluidez das explosións, dos inimigos en movemento,etc, aínda que non sorprenderán a ninguén porque xa o vimos en anteriores entregas, tampouco enfadará a ningún xogador.

Tamén poderemos superar a historia a pantalla partida xunto a un compañeiro o que incrementa a diversión, mais non sorprende en ningún apartado,e cando os protagonistas e a historia queda a un segundo (ou terceiro) plano, queda claro que algo está a fallar.

O mellor do xogo? Ao superar un certo nivel desbloqueamos unha mini aventura extra que enlaza coa historia de Gears of War 3, na cal Cole e Baird separábanse do grupo para buscar axuda. Nesta aventura dun par de horas volvemos introducirnos na verdadeira historia de GoW, e só con este feito consegue involucrar máis aínda ao xogador na experiencia xogábel.

Polo resto, Judgment só se apoia na xogabilidade, nos gráficos e sobre todo, no título, porque esta cuarta entrega desta saga xa mítica queda moi por debaixo de calquera dos tres xogos anteriores. Durante as dez horas que dura non consegue empatizar co xogador polos motivos xa mencionados, así que se es fan da saga, terás un caramelo que che saberá a pouco, e se xa non che gustaron os títulos anteriores, esquece Judgment.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    9.3
  • SON:
    9
  • XOGABILIDADE:
    9.4
  • DIVERSIÓN:
    7.5
  • HISTORIA:
    4.5

  • FINAL:
    7.9
NOTAS DOS USUARIOS
  • GRÁFICOS:
    7
  • SON:
    6
  • XOGABILIDADE:
    5
  • DIVERSIÓN:
    4
  • HISTORIA:
    2

  • FINAL:
    4.8

Un usuario enviou o seu voto.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

2 Comentarios a “Análise de Gears of War: Judgment”

  1. ssendon di:

    Sacaslle as ganas a un de empezalo, e mira que me considero moi fan. So probei a demo, pero as sensacións non foron de todo boas, quizais so por ser demasiado coloridas as imaxes, pero non era o meu Gears de sempre. Probablemente o problema sexa o que apuntas, de non atreverse a deixar de explotar a saga, finalizando esta co 3 e no seu cume

    • Skaltum di:

      Nótase que non está feito con cariño, sen momentos épicos, sen personalidade, sen unha historia que guste, simplemente avanzar até rematalo.

      Os seus desenvolvedores deberían centrarse na segunda entrega de Bulletstorm, o que si que me pareceu un auténtico xogazo.

Deixar un comentario