cd-projekt-red-new-rpg-news-2

 A compañía polaca CDprojekt leva tempo destacándose por formas e declaracións atípicas na industria. A súa oposición a cobrar os contidos descargábeis baixo o razoamento de que o xogador xa pagou o xogo no seu momento, a súa defensa de situar a narrativa por riba de calquera outra consideración, e a súa teima en tratar aos xogadores adultos como adultos, son bo exemplo dunha mentalidade pouco habitual nos estudos que está cimentando unha grande empatía entre os polacos e a súa crecente lexión de fans.

 Agora é Marek Ziemak, productor do moi agardado “The Witcher 3”, quen ven de cuestionar o dogma omnipresente na industria da necesidade do multixogador. “A clave é unha boa historia. É dificil contar unha história épica nun modo multixogador. Se o intentas rematará por convertirse nun xogo para un xogador pero que require conexión”.

 A compañía non descartou a inclusión de algún tipo de función multixogador en “The Witcher 3”, pero especificando que esa hipotética función estaría totalmente supeditada á experiencia narrativa para un xogador, e cuestiona que os fans do rol consideren prioritarias as opcións on line. Ao mesmo tempo, Maciej Szczesnik, deseñador da xogabilidade do xogo, sinala que “as características multixogador poden ser mais destructivas que constructivas”. Szczesnik deixou caer que ante a imposibilidade que atopan de conxugar multixogador e narrativa profunda están explorando “outras funcións” en rede, o que podería apuntar a unha maneira innovadora de aproveitar internet sen perxudicar á inmersión, como, por exemplo, a que ideou Capcom para “Dragon´s Dogma”.

Sobre o autor:

@Moucho Branco | Ver as entradas publicadas por Moucho Branco »

«Houbo dous comezos entre os videoxogos e mais eu. O primeiro remóntase a mediados-finais dos 80 e a un Amstrad, un monitor monocromo, e unhas cintas que tardaban o tempo xusto en cargar os xogos para facer a modiño un bocadillo de nocilla. Eran os tempos das quests deseperadas por moedas de 5 pesos co fin de rebentar algún arcade. Logo chegou a NES e a primeira era das consolas, que deixaría momentos gloriosos nos 8 e 16 bits. O segundo comezo foi coa era das tres dimensións e a chegada ás casas dos 32 bits. Foi entón cando comprendín que ao madurar non esquecería os videoxogos, senón que terían o bonito detalle de madurar comigo. E até hoxe seguimos madurando xuntos, (van gañando eles).»

Deixar un comentario