Unha mecánica sinxela pero aditiva, un orixinal argumento, unha moi boa banda sonora e un protagonista cun deseño entrañable e camiño de converterse en carismático, Sparky, fixeron de Push Cars un dos xogos revelación de 2011, con máis de tres millóns de descargas para dispositivos móbiles, o que nos dá idea da importancia que as novas plataformas de xogo están a coller, sendo todo usuario dun smartphone ou dunha tablet potencial xogador.

Logo Push Cars 2

Logo do xogo coa imaxe de Sparky

Se a alma galega do xogo orixinal xa era importante, cos deseños artísticos do ourensán Xoán Baltar e co carnotán José Manuel Louro como membro importante da empresa creadora RaLight Sotfware (RLS), nesta segunda parte, “Push Cars 2: On Europe Streets” (dispoñible para dispositivos Android e iOS por 0.89€), ademais do xa visto, teremos a oportunidade de solucionar os retos que o xogo nos propón nas mesmas rúas de Compostela, e non é que poidamos ir xogando mentres paseamos polas estreitas rúas da Capital, que tamén, se non que, nas propias pantallas do xogo recoñeceremos algunhas das nosas prazas e rúas máis senlleiras (incluída tamén a nosa coñecida e inseparable choiva). Se na primeira parte o xogo se desenvolvía en escenarios de cidades norteamericanas, agora convidásenos a viaxar xunto con Sparky por cidades europeas, sendo a última Santiago, no que semella unha clara referencia ao camiño que nos une con Europa desde hai séculos.

Mapa coas distintas cidades europeas onde se desenvolve o xogo

Mapa coas distintas cidades europeas onde se desenvolve o xogo

Menú para escoller fase en Santiago, co imaxen do coche local Santi

Menú para escoller fase en Santiago, coa imaxe do coche local Santi

En cada unha das cidades que visitaremos teremos que axudar aos coches máis ecolóxicos a fuxir delas, facendo que os máis contaminantes non o consigan ao chocar entre eles ou cos edificios. Para elo, cun tempo ilimitado e nunha única quenda de xogo por pantalla, indicarémoslle a cada coche que dirección coller nos entrelazados rueiros, sendo o desenlace irremediable unha vez lle demos orde aos vehículos de pórse en marcha.

A Praza do Obradoiro no Push Cars 2

A Praza do Obradoiro no Push Cars 2

Cada unha das pantallas é un novo crebacabezas, que se van sucedendo cunha axustada curva de dificultade e aprendizaxe, incorporando novos tipos de coches con características de mobilidade diferenciadas. O que nun principio semella simple, pronto se converte nun reto que fai traballar ás nosas neuronas, iso si, coa relaxación de saber que non existe unha conta atrás.O que o fai, o estilo de xogo ideal para ser xogado ou retomado en calquera intre ou lugar.

Saga con fórmula de éxito comprobada, profesionais galegos no proxecto e unha das nosas cidades debuxada para ser vista no mundo enteiro, pouco máis entón lle podemos pedir a “Push Cars 2: On Europe Streets” para darlle a oportunidade de ocupar o noso tempo de xogo nos dispositivos móbiles. Os que xa nos estamos enganchando recomendámolo.

E para rematar de animarvos a probardes o xogo, temos cinco códigos de descarga gratuíta para a súa versión para dispositivos iOS (Iphone, Ipad, etc…) cortesía de RaLigth Sofware (RLS), que amablemente nos cederon para ser sorteados entre os lectores de Memoria Pixelada.

Para concursar simplemente teredes que levar a cabo os seguintes pasos:

  1. Facervos, se non o sodes xa, seguidores en twitter de @memoriapixelada ou da nosa páxina de facebook Memoria Pixelada.
  2. Comparte no teu taboleiro a entrada do noso facebook que contén este artigo ou crea un “chío” en twitter mencionando @memoriapixelada e o hashtag #sorteomemoriapixeladapushcars2.

Entre todos aqueles que no prazo dunha semana logo da publicación deste artigo, cumpran ambas condicións, sortearemos os cinco códigos.

Sorte!

Sobre o autor:

@ssendon | Ver as entradas publicadas por ssendon »

«Entrei nesto da man de Alex Kidd, e desde aquel intre comprendín que parte da gracia é escoller o teu bando e criticar o dos outros. Declarome logo de Sega, da Xbox e do Fifa. No futuro apocalíptico que nos agarda enrolareime coma Gears ao servizo da COG, mentres tanto emulo, malamente, a ídolos musicais co guitar hero»

Deixar un comentario