Unha mala combinación ou…

Por: Domingo, 17 de Marzo de 2013

Se hai un clixé que se lle atribúe de sempre ao mundo dos videoxogos, e que coa actual xeración de consolas carece totalmente de sentido, é o da falta de sociabilidade e o illamento que as consolas producen a aqueles que adican o seu tempo de ocio a xogar con elas. Hoxe en día, as consolas (se contamos cunha conexión de banda ancha decente) ademais do seu uso tradicional, fornecen aos nosos salóns de accesos a catálogos de vídeo e música baixo demanda, aos vídeos do youtube ou mesmo ao canle de pago da NBA. Mais o que realmente rematou co tópico do xogador retraído foi o crecemento do xogo online e as redes sociais e plataformas que cada consola (ou mesmo algún xogo, coma os Halo e o seu Halo Waypoint) deseñaron para aproveitar este auxe.

No que ata hai pouco era un eido practicamente reservado para os xogadores de PC, agora calquera consolero pode xogar e comunicarse e/ou retarse vía mensaxe escrito ou de voz, con calquera outro xogador, sen importar a situación xeográfica dos mesmos e sexan ambos coñecidos ou non.

xboxlive e psn as dúas principais redes online de consolas

xboxlive e psn as dúas principais redes online de consolas

Case a totalidade dos novos xogos que saen ao mercado veñen coa opción de ser xogados online, é o chamado modo “multixogador”. Os tipos de xogos onde esta opción está máis e mellor implantada, os verdadeiros motores do crecemento do xogo online, son os shotters, e en menor medida os xogos deportivos. É nestes últimos onde as definicións de reto e competición acadan niveis dificilmente entendibles para os “non iniciados”. Os piques, os cabreos, as enormes decepcións ou a euforia desmedida logo da última xogada do encontro, son o carrusel de emocións que sentimos os seareiros deste tipo de xogos. As mesmas emocións que produce o fútbol, deporte que é moi fielmente representado nas nosas consolas, desde o ano 93, polo xogo “Fifa”, acadando as últimas versións anuais do mesmo, un grado de realismo, dinamismo e xogabilidade tal, que moitas veces calquera espectador casual pensará que o que ve no televisor é un partido real.

Sirvan estas liñas anteriores como non breve introdución a unha anécdota que me aconteceu xogando online ao Fifa, onde teño escollido coma  equipo por defecto ao Celtic de Glasgow, o mítico equipo escocés, campión dunha Copa de Europa e que mesmo ten xogado varias eliminatorias da anteriormente coñecida coma copa da Uefa co noso Celta. Nun dos moitos partidos contra rivais aleatorios que teño botado, o rival decidiu escoller ao Glasgow Rangers, equipo onde brillou o galego Nacho Novo e na altura, gran rival pola soberanía no fútbol escocés do Celtic, aínda que a día de hoxe atravese problemas económicos que provocaron o seu descenso administrativo á cuarta liga escocesa, sendo rebautizado coma The Rangers. Albiscábase logo un emocionante derbi, á altura dos mellores que poidan verse en calquera estadio europeo e mesmo case no mundo enteiro, coas respectivas afeccións totalmente entregadas a cadansúas cores e unha rivalidade arraigada logo de anos de paixón enfrontada.

O partido en si mesmo non tivo moita historia no terreo de xogo, caín por 4-0, no que pode clasificarse coma “derrota sen paliativos”, mais chamoume a atención que o meu rival non parou en todo momento de cantar típicos cánticos futboleiros e de mofarse de min con cada tanto que materializaba. Os piques son a salsa do xogo online ou multixogador, e tratándose este caso dun derbi, non lle din maior importancia ás desproporcionadas (estabamos a xogar un amigable, non a final da champions) reaccións do meu rival. Foi ao rematar o partido, que recibín unha curta mensaxe súa pola rede social da consola: “Fuck you taig!!”

Dous xogadores inician unha lea nun Celtic-Rangers

Dous xogadores nunha lea durante un Celtic-Rangers

 

Seareiros dos dous equipos de Glasgow encarandose durante un partido

Seareiros dos dous equipos de Glasgow encarandose durante un partido

Malia o meu curto nivel de inglés as primeiras palabras da mensaxe comprendinas bastante ben, onde tiven problemas, ao que igual supoño que os que esteades a ler isto, foi no termo “taig”. A miña inicial sensación de estupor ante semellante provocación foi tornando en indignación conforme ía investigando os usos desa palabra e descubrindo que, o que para min era un derbi no Fifa entre dous equipos rivais, para o meu contrincante era algo máis. Mirando o perfil de usuario del, vin que a súa procedencia era un barrio de East Belfast, a zona de maioría protestante e unionista da capital norteirlandesa. Ataba cabos soltos ao coñecer que “taig” é un termo co que os protestantes norteirlandeses se refiren despectivamente aos seus veciños católicos e nacionalistas, algo que se pode traducir coma: “porco católico”. Mentres eu pensaba nun Celta-Dépor ou nun Atlético-Real Madrid, para el, residente dun barrio contiguo ao enclave católico de Short Strand, e polo tanto habituado a ver as “liñas de paz” segregando ambas comunidades, tratábase de vencerme, humillarme e restregarme pola cara, tal cal desfile da Orde de Orange, os máis de 300 anos de dominación inglesa no norte da illa. E facíao porque para os católicos norteirlandeses, o Celtic, fundado por emigrantes irlandeses, é algo máis ca un equipo de fútbol do que son seareiros, é un orgullo para a comunidade, o seu escudo e imaxes dos seus xogadores forman parte dos coñecidos murais que decoran a zona oeste de Belfast (zona de maioría católica e nacionalista) e con frecuencia pódense observar bandeiras coas franxas verdes e brancas en fiestras altas de edificios de zonas católicas, co fin de que poidan verse desde as zonas protestantes por riba dos altos muros (que mesmo acadan os case 8 metros de altura nalgún punto) no que pode ser o acto de provocación máis sosegado entre ambas as poboacións. Como non podía ser doutro xeito, nun moi duro conflito que dura xa centos de anos, o principio de acción-reacción fai que o sentimento polo Glasgow Rangers nos protestantes-unionistas sexa equivalente. Se en Escocia dito derbi, tamén coas comunidades divididas mais sen conflitos armados recentes, se salda con episodios de racismo e violencia tipo hooligaan, non moi distintos dos que pode, ou puido haber en calquera outro estadio británico, en Irlanda do Norte, aínda a esta altura narrativa dos acontecementos, eu non me imaxinaba o alcance e importancia que se lle daba, así que preparei o tradutor de google para escribir a miña resposta.

Mural sobre o Celtic de Glasgow nunha parede da zona católica de Belfast

Mural sobre o Celtic de Glasgow nunha parede da zona católica de Belfast

 

Imaxe dun tramo dunha das "liñas de paz"

Imaxe dun tramo dunha das “liñas de paz”

 

Un dos polémicos e provocadores desfiles da Orde de Orange

Un dos polémicos e provocadores desfiles da Orde de Orange

“Liberdade para as nacións celtas: Escocia, Irlanda, Bretaña, Cornualles, Gales, Illa de Man e Galicia”, foi a miña mensaxe, un pouco máis longa ca súa, menos efectista, pero tamén efectiva polo que puiden comprobar inmediatamente. E é que amentarlle o sentimento nacional que os imperialistas anglosaxóns coma el non puideron erradicar, tivo como resultado unhas verbas nunhas liñas totalmente insospeitables: “British rules. God save the Queen. Death to Pope”. Déixovos traducilo. Eu non é que lle teña especial cariño a Ratzinguer, o daquela bispo de Roma, pero teño que admitir que ler isto xerou en min un sentimento de pertenza á igrexa católica como non lembraba desde había máis de 20 anos. E isto so pode ser explicado novamente polo principio de acción-reacción: un ataque extremista contra alguén que non che considera inimigo, produce a radicalización do receptor da mensaxe.

Bandeira das nacións celtas

Bandeira das nacións celtas

E nesas están uns e outros alí, un pode darlle a razón ou sentirse máis identificado por un dos bandos, pero que en pleno século XXI, que un país do chamado “primeiro mundo” teña dúas comunidades segregadas, incluso por muros, e enfrontadas por continuos episodios de violencia, só pode considerarse un anacronismo, especialmente se temos en conta o desde aquí incomprensible cariz relixioso que se lle da ao conflito, que uns visten de cruzada e para outros é un simple ornamento interesado para un grave problema enquistado sobre todo de carácter socio-económico.

Ao noso amigo non lle contestei máis, optei polo pragmatismo de non seguirlle a corrente e denuncialo por escribir contidos inapropiados pola rede social da consola. Cun pouco de sorte foi baneado unha temporada, e eso sería o maior dano que podería producirlle (a xustiza divina chegoulle logo co descenso administrativo do Rangers). O episodio fíxome interesarme máis na situación de Irlanda do Norte, e se unha cousa me quedou clara é que, como me dixo unha amiga ao contarlle esta anécdota: o fútbol (tamén o fifa online engado), a política e a relixión son unha mala combinación ou… unha outra triste historia irlandesa.

Sobre o autor:

@ssendon | Ver as entradas publicadas por ssendon »

«Entrei nesto da man de Alex Kidd, e desde aquel intre comprendín que parte da gracia é escoller o teu bando e criticar o dos outros. Declarome logo de Sega, da Xbox e do Fifa. No futuro apocalíptico que nos agarda enrolareime coma Gears ao servizo da COG, mentres tanto emulo, malamente, a ídolos musicais co guitar hero»

Deixar un comentario