Mario vs Sonic

A estas alturas pensei que non facía ningunha falla dicir que Mario é mellor que Sonic, mais despois de ver como Amil GZ se quixo autoconvencer escribindo un artigo herexe contra Mario, véxome na obriga de comentar outras cinco cousiñas polas que o fontaneiro de Nintendo supera a un ourizo que corre.

1- A fábula

Mario non deixa de ser un espello da realidade, unha metáfora da vida a través dun videoxogo. Isto débese ao carácer humano do protagonista, un humilde fontaneiro que loita por un obxectivo, mais que despois de tantos fracasos e de superar calquera adversidade, logra o seu fin. Este fin podémolo lograr correndo sen parar, parando e meditando, colaborando (Yoshi). Abrimos o noso propio camiño.

Sonic non deixa de ser un aliciente á velocidade e aos loopings, e todos sabemos a que se refire con isto. Loopings significa que todo da voltas e velocidade o que a propia palabra equivale, e o resultado é… condutor bebido.

Vaia exemplo que das Sonic, vaia exemplo.

2- A Evolución

Innovar ou morrer, este é o lema. Pero Mario sóubose adaptar aos tempos na contínua evolución das dúas dimensións, introducindo novos ítems, novos personaxes, novos escenarios… mais onde recae o verdadeiro esforzo de Nintendo é de transmitir toda esta diversión ás tres dimensións, e dende aquel Super Mario 64 que deixou ao mundo sen fala, logrou transmitir aos xogadores a mesma sensación de cando colliamos o mando da NES e comezabamos a dar chimpos.

Sonic tamén deixou ao mundo sen fala cando chegou ás tres dimensións, mais por motivos ben diferentes, a xogabilidade comezou a “tambalearse”, os gráficos deixaron de destacar…e até hoxe.

3- O Humor

Os xogos de Mario nunca perderon o sentido do humor, o protagonista sempre está rindo (a pesar do que ten que pasar), as propias voces dos personaxes teñen unha tonalidade simpática que obrigan ao xogador a sacar como mínimo certo sorriso e incluso este humor se adentra en función do propio videoxogo. Abonda recordar no Super Mario 64, cando deixabas ao protagonista certo tempo sen mover, este sentábase pola súa propia conta e comezaba e mencionar todas as súas comidas favoritas. Son estes pequenos detalles que fan que empatices co personaxe ao mesmo tempo que tes un riso na boca sen apenas percatarte.

Pola contra Sonic non é amante de rir, o que busca e “esfachicar” con todos os robots que atopa no camiño, e con isto eu comezo a pensar: Ninguén pensa no pobre fabricante destes robots?, ninguén pensa en toda a contaminación que crea Sonic estropenado estes robots?, porque os refugallos que sobran irán parar a algún lugar, ninguén pensa que Sonic debería tomar unha valeriana e levar a vida con máis tranquilidade?

En vez de crearme unha sensación de alegría, créama de pena e tristeza.

4- A flexibilidade

Todos sabemos de onde provén Mario e foi , é e será o máximo representativo das plataformas, mais a calidade de Mario ofrece moitas máis posibilidades, tanto que foi protagonista de xogos dunha calidade inmensa que nada ou pouco teñen que ver coas plataformas. Sen facer moita memoria recordo o insuperábel Mario Kart, as labazadas que me teño dado con Smash Bros, os piques ao Mario Tenis…

Como é normal Sonic vai plaxiando todo canto fai o fontaneiro de Nintendo mais este ourizo non cumpre nunca os seus requisitos, creando sempre xogos mediocres.

5- A Diversión

Que podo dicir que non saibades, que os xogos de Mario son máis divertidos que os de Sonic é unha obviedade tan grande que non vou nin a comentar nada. Só me vou a poñer a imaxinar dúas cancións do Xabarín, a primeira pensando en Mario: Inmersión (só que cambiando a palabra Inmersión por Diversión) e a segunda pensando en Sonic: Estou na Lavadora.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario