Os 10 mellores xogos de XBOX

Por: Martes, 5 de Marzo de 2013

Original_Xbox  A primeira consola de Microsoft foi unha máquina de grande importancia histórica, e non so pola irrupción neste mercado do xigante americano, senón polas pontes que tendeu entre as consolas e o PC, contribuíndo de xeito importante a que de aí en diante fose cada vez mais normal que sagas nacidas nun formato desen o salto “ao outro lado”. Un fenómeno que ademais iría moito mais aló de Xbox e da propria Microsoft, ao achegar progresivamente dous mundos que en tempos pareceran discurrir en realidades alternativas.

 Pois ben, hoxe a lista dos 10 xogos mais destacados céntrase naquela consola, que sen acadar un grande éxito comercial no mercado europeo, sentou as bases para que a súa sucesora chegase a  ser a némese da todopoderosa PlayStation.

Déixovos coa selección deste redactor. (Non sen antes repetir o recoñecemento da subxectividade implícita en toda lista destas características.)

10.- Soul Calibur II

4644-2-soul_calibur_-_5

 Vaia por diante que a marxe dunha adición a Street Fighter II a princípios dos 90´ alimentada polos costumes sociais do salón recreativo, non estou moi inclinado a recoñecer os méritos dun xénero que polas limitacións do seu plantexamento apenas evolucionou nos últimos 20 anos.

No fundamental situar cara a cara dúas personaxes para que se partan a crisma cun medidor de enerxía por árbitro e unha serie de combos por aliciente non soe ser o meu ideal do que un xogo pode ofrecer na actualidade.

 Contodo, sempre hai un momento no que hai que barrer baixo a alfombra os prexuízos persoais e recoñecer os méritos. Se na xeración dos 32 bits sorprendeume moi positivamente Soul Blade (e o inxustamente tratado e esquecido Cardinal Syn, que sí aportaba novidades ao xénero… pero ese é outro tema), na seguinte xeración so cabía recoñecer a xenial ambientación e a coidada realización de Soul Calibur II.

9.- The Elder Scrolls III – Morrowind

todofondosdejuegos-com_elder scrolls 3- morrowind-12

 O primeiro Elder Scrolls que se deixou caer nunha consola fíxoo por suposto para a primeira máquina de Microsoft. Morrowind non é a mellor entrega da súa saga, pero posúe no fundamental as virtudes que a convertiron nun dos grandes mitos do noso tempo.

Se a adaptación dun RPG occidental dende o PC segue a ser problemática a día de hoxe, naquel momento tratábase aínda de demostrar que era unha posibilidade factíbel. Bethesda resolveu a cuestión con solvencia, presentando unha adaptación moi digna e engadíndolle novos contidos. Con dúas expansións incluídas e un mapeado colosal (especialmente segundo o cánon das consolas) no que vivir aventuras libremente, Morrowind convertíase nunha das mellores compras para a máquina de Microsoft.

8.- Jet Set Radio Future

jet-set-radio-future-1-rdydf6d3pf-1024x768

De todos é sabido que Microsoft andivo pescando entre os restos do naufraxio de Dreamcast aínda antes de que rematase de producirse, e sen dúbida apañou un par de peixes gordos. Este é un deles. O orixinal de Dreamcast foi un xogo orixinal, divertido, e cheo de posibilidades. JSR Future conservaba as virtudes do seu predecesor, do que non quería desmarcarse en case nada, pero dáballe un imaxinativo baño de futurismo.

As bandas de graffiteiros sobre patíns volvían tomar Tokio envoltas nese especial apartado gráfico “Cell Shading” que contribuía a dotar o xogo dunha personalidade única. Moitas horas de diversión nun universo desenfadado e con grande sentido do humor.

7.- GTA San Andreas

gta_san_andreas_1

 A entrega mais reverenciada da súa saga tamén se deixou caer pola primeira consola de Microsoft. De novo acontece que ao que suscribe non lle interesan especialmente nin os sandbox en xeral nin esta saga en particular, pero nun novo intento de recoller certa obxectividade á marxe de filias e fóbias personais sinalo este título pola súa enorme ambición e a súa capacidade para satisfacela.

As venturas e desventuras de Carl Johnson (tópico sobre afroamericanos onde os haxa), daban para unha inxente cantidade de horas de xogo dentro dunha cidade igualmente enorme e variada na que progresar, segundo a tradición da franquícia, mediante crimes e “mafiosadas” varias, conducindo no proceso tódolos vehículos imaxinábeis.

A título persoal queda no recordo o dar voltas coa Freeway agardando a que rematase de soar o tema de turno na K-DST antes de activar a seguinte misión… idiosincrasias…

6.- Fable

animaatjes-fable-70018

 Unha das aportacións aos videoxogos que mais valoro foi a inclusión de sistemas de decisións e inclinación morais, un salto que nos permitía non ser simples brazos executores da nosa personaxe, senón apropiarnos verdadeiramente del e das súas motivacións, e incluso nun estado mais avanzado convertilo no noso alter ego.

Fable tratábase precisamente de situar este concepto no epicentro da historia. Convertiríamonos nun cínico malvado ou nun anxo redentor?, como reaccionaría o mundo a eses estímulos da nosa personaxe?. Aínda que por aquel entón o concepto era un tanto plano e faltáballe dimensión, non deixaba de ser enomemente atractivo. O caso é que cristalizou nun xogo orixinal e moi divertido que conseguíu sorprender.

Un dos grandes acertos de Lionhead neste debut foi o universo no que transcorría o xogo, un lugar sutilmente deprimente e un pouco Dickensiano (seríao aínda mais nas seguintes entregas) que agochaba curiosas historias dramáticas como contrapunto ás moitas posibilidades cómicas do xogo.

5.- Star Wars: Knights of the Old Republic

6808-13

  Antes de convertirse nunha triste sección de EA, Bioware disfrutou durante uns anos de enorme prestixio. Dende a edición de Baldur´s Gate, todo o que tocaban os do Canadá convertíase en ouro, e iso levounos a traballar cunha das licencias mais xugosas do mundo; nada menos que o universo Star Wars.

O resultado de aplicar a fórmula de Bioware a este universo derivou, por fin, nun xogo digno de levar SW ao medio. O desmarcarse de fórmulas trilladas e contarnos unha historia nova que nos deixaba unha grande marxe de personalización, cristalizou no primeiro xogo que nos trasmitía a sensación de formar parte do popular universo de fantasía.

O xogo gozou dun enorme éxito e convertíuse rápidamente nun mito, pero o cambio de estudo na segunda entrega ao non concretarse un acordo con Bioware rematou por durmir a saga até que un novo acordo “resucitouna” irrecoñecíbel na forma de MMO, dando resultados moi distintos.

4.- Baldur´s Gate Dark Alliance 2

bg-da2-3

 Dicíamos que Baldur´s Gate fíxose lenda a finais dos 90, pero lonxe de eternizarse como saga, Bioware preferíu empregar o crédito gañado en novas ideas e franquícias. É por iso que aínda que pouco se puido ver mais aló das expansións dos dous títulos orixinais, si puidemos desfrutar dun Spin Off que recaería en Black Isle Studios, e que a diferencia da saga orixinal si chegou ás consolas de sobremesa da época.

As dúas partes de “BG Dark Alliance” facían o posíbel por non arruinar a fórmula orixinal e non saírse demasiado dos marxes establecidos por esta. O resultado foi sólido na primeira parte, e moito mais convincente na segunda entrega, que sen superar a maxia que Bioware puxera no universo Baldur´s Gate, si sabía estar á altura do que a franquícia demandaba.

3.- Farenheit

faren-head

O meu con Quantic Dream foi amor a primeira vista, e iso que vínnos por primeira vez sen maquillaxe… e refírome, claro, a aquel “The Nomad Soul” para Dreamcast tan (merecidamente) criticado pola súa realización. Aínda baixo aquel apartado técnico tan xustiño, puiden entrever que se agochaban uns contadores de historias innovadores, atrevidos e con moita gana de tratar ao xogador como adulto.

Como a “fealdade” criticada nese primeiro intento estaba só na superfície, foi suficiente que coidasen un pouco o envoltorio para deslumbrar co seu seguinte xogo, no que se conservaban as virtudes antes enunciadas pero os aspectos técnicos daban un salto adiante colosal.

Farenheit foi un título dunha xogabilidade orixinal, cunha historia aínda mais orixinal, e cun dos grupos protagonistas mais realistas e creíbeis que desfilaron por Xbox. Nel atopamos a consolidación de todas esas virtudes conceptuais e narrativas que nos deslumbrarían despois con “Heavy Rain” e que sen dúbida volverán a facelo en “Beyond:Two Souls”.

2.- Shenmue 2

shenmue_02

 E se Jet Set Radio foi unha boa pesca para Microsoft, que dicer da secuela do xenial “Shenmue”, que fora xogo estrela de Dreamcast e deu o salto a Xbox. Tristemente isto non evitaría que a franquícia fose gravemente perxudicada polo afundimento da máquina de SEGA. (Síguese falando aínda da necesaria terceira entrega sen que nunca remate de concretarse).

O xogo que vimos en Xbox era básicamente o mesmo que víramos en Dreamcast. Tocábanos acompañar a Ryo na súa segunda aventura, que agora levábao lonxe, naquel barco que vimos zarpar no emotivo final da anterior entrega. Ante nós extendíanse agora os misteriosos barrios de Hong Kong, onde nos agardaban carismáticas personaxes con moi distintas motivacións. Unha xoia do seu tempo que nos fai apoiar a Yu Suzuki na súa cruzada por ver ao fin rematada a triloxía.

1.- Jade Empire

Jade-Empire-Logo-Wallpaper

De novo sae a escena a Bioware do momento, aquela máquina tan ben engraxada que non caera aínda en mans de EA. Despois de terse aventurado no universo Star Wars, e antes de deseñar o seu propio universo de ciencia-ficción (Hoxe coñecido como Mass Effect), Bioware tivo marxe para un último lanzamento na consola de Microsoft.

Jade Empire é a aplicación da fórmula de Bioware a un universo de fantasía baseado na mitoloxía chinesa. Non faltan nin o habitual elenco de compañeiros carismáticos, nin a épica historia que te empuxa a abrirte paso cara a un final cheo de sorpresas, nin a amizade, nin o romance, nin a alineación moral (que os xogadores mais novos recoñecerán polo medidor de virtude/rebeldía de Mass Effect), e neste caso tampouco as artes marciais, que son o eixo do sistema de combate e forman parte integral da trama.

Un RPG de acción sobresaínte, beneficiado pola grande narrativa que era tradicional en Bioware e pola súa diferente ambientación. Afortunadamente é dos moi poucos títulos da primeira XBOX que podemos descargar en XBOX LIVE e volver disfrutar a fondo.

Sobre o autor:

@Moucho Branco | Ver as entradas publicadas por Moucho Branco »

«Houbo dous comezos entre os videoxogos e mais eu. O primeiro remóntase a mediados-finais dos 80 e a un Amstrad, un monitor monocromo, e unhas cintas que tardaban o tempo xusto en cargar os xogos para facer a modiño un bocadillo de nocilla. Eran os tempos das quests deseperadas por moedas de 5 pesos co fin de rebentar algún arcade. Logo chegou a NES e a primeira era das consolas, que deixaría momentos gloriosos nos 8 e 16 bits. O segundo comezo foi coa era das tres dimensións e a chegada ás casas dos 32 bits. Foi entón cando comprendín que ao madurar non esquecería os videoxogos, senón que terían o bonito detalle de madurar comigo. E até hoxe seguimos madurando xuntos, (van gañando eles).»

Deixar un comentario