A nova e agardada xoia de David Cage, responsábel dos brillantes “Farenheit” e “Heavy Rain” (e manifesto defensor da evolución dos xogos á madurez mediante unha maior complexidade e profundidade narrativa), chegará ás nosas mans no próximo mes de Outubro. A data exacta nos EEUU será o día 8, no caso do mercado europeo só hai confirmación de que será no mesmo mes, mais sen fixar un día concreto.
Ao tempo que anunciaba este dato, Sony (lembremos que será unha nova exclusiva de PS3), deixou saber que un dos actores que acompañarán a Ellen Page na interpretación vía motion-capture será nada menos que o mítico Willem Dafoe, a quen nos permiten ver en acción no universo do xogo mediante un trailer que xa fixeron público. Confírmase tamén que neste caso a xogabilidade será mais convencional que en Heavy Rain, e polo tanto xa non estará baseada en QTE, senón que buscará un control mais intuitivo polo xogador.
Haberá que agardar, pois, ao outono, para vivir a que sen dúbida será outra complexa, adulta, e inmersiva historia asinada por Quantic Dream.