As 10 mellores sagas de videoxogos para PC

Por: Xoves, 28 de Febreiro de 2013

pc

Como escoller videoxogos para facer unha lista cos 10 mellores dunha videoconsola xa é complicado, non digamos o que sería facelo coa enorme cantidade de títulos que hai para PC. É por isto que preferín facer a lista por sagas, no canto de títulos individuais.
Como sempre, esta é unha lista coa miña opinión persoal, polo que seguramente moitos de vós non esteades totalmente de acordo con ela. De ser así, non dubidedes en compartir con nós a que sería a vosa lista persoal coas 10 mellores sagas de videoxogos para PC. Pode que me esquecera dalgunha e hai algunha outra que me gustaría ter incluído, pero só podo escoller dez. Vamos alá:

10.- Commandos

commandos

Publicada por Eidos Interactive e creada pola española Pyro Studios a primeira entrega deste videoxogo de táctica en tempo real, titulada Commandos: Behind Enemy Lines (Tras as liñas inimigas), apareceu en 1998. Ao mando de varios personaxes coas súas habilidades especiais, tiñamos que conseguir infiltrarnos tras as liñas inimigas sixilosamente, pois como os soldados inimigos (que nas dúas primeiras entregas saían continuadamente) fixesen soar a alarma, podíamos darnos por mortos. O maior cambio na saga foi na cuarta entrega, Commandos: Strike Force, no que se pode dicir que o videoxogo pasou a ser un FPS máis, motivo polo que recibiu moitas críticas entre os numerosos seguidores da saga.

9.- rFactor

rfactor

Considerado pola gran maioría dos afeccionados aos simuladores de condución como o mellor simulador e amparado por unha grande comunidade de xogadores que aportan novos trazados e coches, a saga rFactor destaca pola calidade das súas físicas, como pola grande cantidade de competicións diferentes dispoñibles (sobre todo grazas á esa comunidade de usuarios).

8.- Grand Theft Auto

gta

Creada nun principio por DMA Design (posteriormente Rockstar North) estes videoxogos tipo sandbox, levantaron, dende a súa estrea en 1998, moita polémica pola enorme cantidade de contido violento que tiñan. A maior revolución da saga chegou coa saída ao mercado do Grand Theft Auto III, que foi o primeiro con perspectiva 3D en terceira persoa (as entregas anteriores tiñan unha perspectiva aérea). Unha das maiores pegas desta saga é o mal rendemento dos motores gráficos dalgunhas entregas, que precisaban dun hardware moi superior ao recomendado para funcionar fluidamente. Polo demais, destaca a enorme liberdade de movemento que ten o usuario nos enormes mapas destes videoxogos.

7.- PCFútbol

PCFutbol

Cando digo PCFútbol, refírome obviamente aos creados pola tristemente desaparecida Dinamic Multimedia, non as versións posteriores que tan malas críticas recibiron.
Esta saga de videoxogos de xestión deportiva, que apareceu por primeira vez en 1992, poñía ao xogador na pel dun adestrador dun equipo de fútbol e podía dirixir case calquera dos aspectos que ten a xestión dun clube. Se ben, entre un ano e outro había poucas alteracións no videoxogo, foron o PCFútbol 5.0 (1996) e o PCFútbol 2000 (1999) nos que máis cambios se notaron con respecto á versión anterior. O punto máis débil desta saga sempre foi o simulador, que nunca estivo á altura tanto da calidade do resto do xogo, como na comparación coa competencia, pero, a verdade, creo que a maioría dos que xogabamos, sempre escolliamos simular os partidos, para obter directamente o resultado.

6.- Quake

quake

Os que xa temos uns anos, lembramos sobre todo o Quake II pola enorme cantidade de horas que pasabamos nos cibers a pegar tiros neste FPS. Pódese dicir que a saga perdeu calidade coa terceira entrega, ao eliminar completamente o modo de un xogador, e na cuarta entrega ao deixar de ser id Software o principal desenvolvedor. Agora mesmo podemos desfrutar do Quake Live no propio navegador.

5.- Monkey Island

monkey-island

Podería dicirse que esta saga producida por LucasArts é a aventura gráfica por excelencia. Estreada en 1990, a primeira entrega funcionaba con gráficos de 16 cores e ocupaba 4 disquetes (case nada!!). O xogador tiña o control do protagonista Guybrush Threepwood, co que tiñamos que resolver unha enorme cantidade de crebacabezas para derrotar ao seu inimigo o pirata LeChuck. Nas entregas posteriores, melloraron enormemente a calidade dos gráficos, así como a cantidade de crebacabezas e a súa dificultade. Estes últimos anos saíron ao mercado reedicións desta saga, que grazas ás melloras no hardware, permitiron mellorar os gráficos ao estilo dos videoxogos actuais.

4.- Counter Strike

counter-strike

Este FPS multixogador, creado por Valve en 1999, foi e segue a ser un dos máis populares, xa que conta cunha enorme cantidade de xogadores en todo o mundo. O seu concepto é básico: terroristas contra antiterroristas e adiante cos disparos. Debido ao seu enorme éxito, tivo gran cantidade de actualizacións que fixeron que se mantivese ao día en calidade gráfica, con respecto aos videoxogos similares máis recentes. Outro dos factores do seu éxito foi a cantidade de clans que loitaban nos concursos das LanParty’s (toda Lanparty que se prezara tiña unha competición de Counter Strike) por importantes premios económicos, cousa que algunhas veces levaba a que as loitas chegasen á parte física (visto con estes ollos), claro que cando falamos de cantidades duns 6.000 € ou máis, como para deixalo escapar!

3.- Baldur’s Gate

baldurs-gate

BioWare estreou esta saga en 1998. Calquera das súas dúas entregas, coas súas respectivas expansións, supoñen un longo reto para calquera xogador pois a duración deste videoxogo é lendaria, pola enorme cantidade de misións secundarias dispoñibles. Recentemente, saíu á venda unha reedición mellorada coas dúas entregas e as expansións. As principais melloras son na calidade gráfica, se ben o estilo do xogo non cambia con respecto ao orixinal. Están considerados un dos mellores videoxogos de rol de todos os tempos, tanto pola prensa especializada como polos fans.

2.- Half-Life

half-life

Valve lanzou en 1999 a primeira entrega deste FPS (do que derivaría o xa mencionado Counter Strike). O protagonista Gordon Freeman terá que facer fronte á invasión dos seres extraterrestres, despois dun experimento falido que abre un portal interdimensional entre a Terra e Xen (planeta de orixe deses seres extraterrestres). O 10 de outubro de 2007 saíu á venda The Orange Box, que inclúe “Half-Life”, “Half-Life 2”, “Half-Life 2: Episodio 1”, “Half-Life 2: Episodio 2”, ademais do “Portal” e o “Team Fortress 2”. Estaba previsto o lanzamento do “Half-Life 2: Episodio 3”, mais polo de agora non se sabe nada e mesmo rumorea que saia directamente baixo o título Half-Life 3.

1.- Blizzard, en xeral

blizzard

Seino, non é unha saga, pero é que calquera dos videoxogos que produce esta compañía son dunha calidade excelente. Tanto o RPG Diablo, como as sagas de estratexia en tempo real StarCraft e WarCraft que derivou máis tarde no MMORPG máis exitoso, o World of WarCraft, son títulos entre os máis destacados nos seus respectivos xéneros, tanto pola incrible xogabilidade, como ambientación, así como por ter un multixogador que sempre marcaron tendencia.
Se ben se pode acusar a Blizzard de tardar moito tempo en lanzar novas entregas, tamén hai que dicir que a calidade paga a pena a espera. Amodiño e con boa letra, que se adoita dicir…
 

E isto é todo. Agardo que vos gustase esta «difícil de escoller» lista cos que para min son as 10 mellores sagas de videoxogos para PC.

Sobre o autor:

@NetOverflow | Ver as entradas publicadas por NetOverflow »

«A miña primeira consola propia foi unha das míticas compatibles coa NES que traían un feixe de xogos dentro. Máis tarde adquirín unha SNES coa que botei moitas horas diante da televisión, ata que me pasei ó mundo do PC, onde descubrin un mundo novo. Actualmente ando entre os xogos de PC e os de XBOX 360, aínda que de cando en cando, conecto a SNES para volver desfrutar cos seus grandes xogos.»

1 Comentario a “As 10 mellores sagas de videoxogos para PC”

  1. Moucho Branco di:

    Bueno, polo menos está Baldur´s Gate, ;P (Que cousa tan grande, en tódolos sentidos)… E seguramente eu non tería posto Monkey Island, pero ninguén vai discutir iso. No resto discutiríacho, pero sobre gustos píntanse cores.

Deixar un comentaio a Moucho Branco