734765_10151293602899331_1302707356_n

  Dende que se anunciou oficialmente a saída do título que pechará a triloxía de xogos baseada na personaxe e universo de Andrej Sapkowski, CDprojekt non deixa de xenerar expectación con novas de impacto. Se nun primeiro momento anunciaban que o xogo transcorrería sen capítulos e nun mundo totalmente aberto que superaría nun 20% o tamaño de Skyrim, agora sorpéndennos anunciando que tan só a trama principal ocupará nada menos que unhas 50 horas de xogo, algo inédito nun xogo de mundo aberto. (A trama principal de Skyrim pódese completar en catro ou cinco horas).

 Os estudos polacos engaden ademais outras boas novas para os seguidores das aventuras de Geralt de Rivia, confirmando que as personaxes do xogo variarán en función das decisións tomadas nas anteriores entregas. As decisións terán nesta terceira e última entrega da triloxía un peso fundamental, puidendo conducirnos a un dos tres epílogos diferentes en función dos 36 posíbeis escenarios nos que deixemos o mundo tras o paso de Geralt.

 Entre as novidades tamén estarán saltar e escalar, domar cabalos, novos minixogos, ou a caza de monstros de dificultade elevada para gañarnos o xornal, no xeito no que é presentada na saga literaria. A todo isto haberá que engadir as melloras gráficas xa anunciadas, que espertan grande interese nunha saga que xa destacou enormemente neste aspecto na anterior entrega.

 Todo isto envolto, por descontado, na complexa narrativa e no ton claramente adulto que xa vimos no seu precursor. Seguiremos atentos ás novas que vai deixando caer o estudo, porque se a segunda entrega foi un dos mellores RPG da historia, todos os datos que manexamos apuntan a algo que fará historia no mundo dos videoxogos.

Sobre o autor:

@Moucho Branco | Ver as entradas publicadas por Moucho Branco »

«Houbo dous comezos entre os videoxogos e mais eu. O primeiro remóntase a mediados-finais dos 80 e a un Amstrad, un monitor monocromo, e unhas cintas que tardaban o tempo xusto en cargar os xogos para facer a modiño un bocadillo de nocilla. Eran os tempos das quests deseperadas por moedas de 5 pesos co fin de rebentar algún arcade. Logo chegou a NES e a primeira era das consolas, que deixaría momentos gloriosos nos 8 e 16 bits. O segundo comezo foi coa era das tres dimensións e a chegada ás casas dos 32 bits. Foi entón cando comprendín que ao madurar non esquecería os videoxogos, senón que terían o bonito detalle de madurar comigo. E até hoxe seguimos madurando xuntos, (van gañando eles).»

Deixar un comentario