Os 10 Mellores Xogos de PlayStation (PSX)

Por: Venres, 22 de Febreiro de 2013

psxconsole

Celebro que polo maduro e xornalístico método do “me-lo-pido” teña recaído en min a tarefa de facer este racconto dunha máquina tan especial como foi a gris de Sony. Con independencia das preferencias individuais, tan sacrosantas e incuestionábeis para cada un, non cabe dúbida de que PSX marcou un antes e un despois na industria que para moitos aconteceu tamén no persoal. O salto aos 32 bits trouxo consigo unha apertura temática, a irrupción de novos e interesantes prantexamentos, así coma o nacemento de sagas que aínda hoxe figuran entre os titáns do mundo dos videoxogos.

Antes de comezar coa lista, (e en previsión de que alguén leve as mans á cabeza e/ou decida facerme vudú), quero lembrar que para Playstation saíron miles de xogos, moitos deles dun nivel asombroso, e que a pesar do lapidario título de este artigo non existe maneira obxectiva algúnha de catalogar todo iso segundo criterios cualitativos. Quero especificar tamén que algúns dos mellores xogos de Playstation non chegaron a ver a luz en Europa, polo que considerei que debía excluílos a propósitos desta lista (penso, por exemplo, no brillante “Chrono Cross”, que inexplicablemente nunca chegou ás nosas tendas). Por último, e antes de que cambiedes de emisora, dicer que precisamente por ese nutridísimo catálogo de xogos e pola dificuldade de selecionar só 10 títulos, hai unha vontade consciente de non repetir títulos das mesmas sagas. O porqué aparece logo unha entrega que algúns poidades considerar inferior a outras cae no antes enunciado terreo da subxectividade de todo artigo.

Esta é, logo, a selección deste redactor.

10.- “Crash Bandicoot 3: Warped”

1d5af_gfs_52952_1_1

Aínda que pouco podíamos imaxinar por entón do exitoso futuro que agardaba aos seus programadores, moitos recoñecimos na terceira entrega da saga de Crash o título co potencial suficiente para encher o oco que PSX tiña no trono das plataformas (excepción feita de Abe, unha particularidade da que falaremos mais adiante).

Nun xénero que parecía ter visto pasar os seus días de gloria, (e no que en todo caso seguía a mandar a competencia), o título de Naughty Dog foi capaz de crear un xogo tan grande, variado e simpático como para poder mirar sen complexos ao buque insignia de Nintendo, aínda que por suposto sen poder competir co seu impacto na cultura popular. Todo isto foi realizado dende unha grande fidelidade aos elementos canónicos do xénero, particularmente no seu salto ás tres dimensións, pero dotándose dun estilo estético e xogábel único e rebosante de carisma.

Aínda hoxe é recoñecido coma un título xenial que tapou un dos buratos mais notábeis no, polo demais, brillante catálogo de PSX.

9.- “Silent Hill”

sh1

Dende que Capcom abríu a veda,no tempo de vida de Playstation vimos nacer e vivir os seus días de gloria ao “Survival Horror”, unha fórmula que tivo un grande impacto e da que permanece un forte eco na programación actual, sen que curiosamente ninguén repita xa o esencial da súa fórmula; o ritmo pausado, a subordinación da acción á tensión narrativa, os puzzles como única vía para avanzar en numerosas ocasións, os escasos recursos e a necesidade de dosificalos intelixentemente para sobrevivir, e a propia supervivencia como único obxectivo final.

O primeiro Silent Hill fíxose un oco aínda lastrado por un apartado gráfico limitado, grazas ao seu maxistral domínio dos elementos xenéricos que acabo de citar. Non era un xogo bonito, pero poucos ou ningún conseguiran até o momento inquedar ao xogador de tal forma e trasmitirlle o desconcerto e inquietude da súa persoaxe.

8.- “Galerians”

eGt0a2s1MTI=_o_retrotest-galerians-psx

Moitos poderían sorprendese de que sinale aquí un xogo que pasou sen pena nin gloria polo mercado español e recibíu no seu momento críticas discretas.

Sen embargo, co paso dos anos, é un xogo que se destapa como un dos grandes pasos adiante dados nos 32 bits cara a unha narrativa adulta. E cando digo adulta non me refiro a ver desfilar zombies ou bechos varios, senón a unha historia ben construída que consegue chegar ao lado emocional do xogador pola vía dunha historia escura e claustrofóbica envolta nunha decadéncia ciberpunk distópica e opresiva.

No apartado técnico non deslumbraba, pero mantiña suficiente solidez. Algúns acusárono de ser demasiado fácil polas ventaxas que se podían conseguir cos fármacos que potenciaban os poderes psíquicos do protagonista, podendo ter “visións” ao tocar cousas que facilitaban a localización de obxetos clave. Contodo, ao tempo que facilitaba as búsquedas no xogo, esa progresión e variedade dos poderes facía da experiencia de xogo algo moi interesante e perfectamente integrado na historia.

7.- “Oddworld: Abe´s Oddysee”

Abe's Oddysee

Entre os primeiros xogos que recibimos para a gris no mercado europeo chegounos esta pequena xoia que deixou desconcertados a moitos xogadores. Tratábase dun xogo difícil de clasificar pola súa mestura de plataformas e puzzle, e dunha dificuldade considerábel.

Mais Abe, ese “marciano” de xestos e voz únicos, non tardou en facerse co seu séquito de fans, enfrascados na dura tarefa de rescatar a todos eses pobres compañeiros sen perder nin un só a través das numerosas trampas e dificuldades que atopamos no camiño.

A día de hoxe volve ser unha fanquícia activa, para delicia dos seus moitos nostálxicos.

6.- “The Legend of Dragoon”

legend_of_dragoon

Os 32 bits foron unha época moi doce para o rol xaponés (ou J-RPG), con varias compañías niponas enfrascadas en saturar de oferta PSX, e obtendo moi bós resultados comerciais. SONY non quixo deixar pasar a oportunidade de aproveitar o filón na súa propia consola, e puxo á venda no Xapón en 1999 “The Legend of Dragoon” (que chegaría a nós con moito retraso nun tic demasiado habitual na época).
Tratábase dun RPG moi ben construído que soubo diferenciarse e marcar un estilo propio. Dividíase en varios capítulos que alcanzaban unha duración considerábel e lucía un apartado técnico moi notábel.

A pesar de ter unha boa acollida entre o público do xénero, SONY priorizou outros proxectos e nunca seguíu tirando do fío. Hoxe é un xogo de culto.

5.- “Parasite Eve (2)”

pe

E se alguén tirou proveito do bo momento do rol xaponés esa foi sen dúbida Squaresoft, que vivía os seus días de gloria e atrevíase con novas e interesantes franquícias hoxe desatendidas.

“Parasite Eve” causou un grande impacto polo que por aquel entón era a súa ambientación e temática atípica nun xogo de rol e pola súa acertada mistura de xéneros que incluía un marcado compoñente de “survival horror”.

En realidade esa primeira parte só a puidemos ver no mercado español mediante a importación, ao tratarse doutro título que inexplicablemente sendo precedido de grande éxito comercial en Xapón e EEUU nunca chegou a editarse oficialmente en Europa. Foi a súa conseguida secuela a que si puidemos disfrutar con normalidade nas nosas PSX. Nela, a mestura de xéneros pasaba de decantarse polo RPG a inclinarse totalmente polo “survival horror”. Aínda que cada entrega ten unha xogabilidade e plantexamento diferente, nas dúas é un pracer acompañar a Aya Brea nas súas escuras aventuras.

4.- “Metal Gear Solid”

tumblr_ljaphvAEM01qh8mepo1_1280

Unha estrea de luxo na gris de SONY para o que se deu en chamar xogo “de infiltración”. Até aqueles menos interesados na súa temática e ambientación acabámonos rendindo ás súas innumerábeis virtudes técnicas, narrativas e de xogabilidade.

A todas luces un dos grandes da xeración, o inicio dunha saga que aínda mantén o interese para millóns de xogadores en todo o mundo.

3.- “Vagrant Story”

vagrant-story-2

Entrando xa na recta final da vida de PSX Squaresoft sorprendeu a todos cun xogo no que o deseño e o uso das cores chamaban a atención dende o primeiro momento. Ao profundizar nel descubríase un dos mellores guións do seu tempo, que nos levaba da man por unha historia complexa e fascinante acompañados dunha xogabilidade perfecta.

O uso das secuencias cinemáticas, o carisma das persoaxes, o sistema de armas… todo funcionaba como a seda neste fascinante RPG de acción do que tempo despois tomaron algúns elementos residuais no decepcionante Final Fantasy XII, pero que tristemente tampouco tivo continuidade.

Afortunadamente, cóntase entre os xogos que se poden adquirir até no descoidado PSN europeo por aqueles que non o fixeron no seu momento.

2.- “Resident Evil 2”

resident_evil_2_by_pun_ko_matt-d3a17kd

A principios de 1998 case todos os xogadores mirábamos nunha única dirección. A agardada secuela de Resident Evil (Biohazard no Xapón) estaba a piques de chegar e o Hype situábase na estratosfera.

Pero o que nos atopamos ao chegar a casa e probar o xogo (no día do lanzamento no meu caso e no de tantos outros) foi superior a calquera previsión. O xeito no que se entrecruzaban as historias de Clair e Leon, a tensión permanente, o sobresaínte apartado técnico… todo nel era exquisito e vibrante, compaxinando de xeito único a acción cinematográfica de certos momentos co suspense que dominaba a maior parte do xogo.

Cóntome entre os que o consideran a mellor entrega da mítica franquícia.

1.- “Final Fantasy VII”

FF7logo

O salto xeneracional da saga que salvou a Square da bancarrota e a decisión de cambiar Nintendo por Sony pola necesidade de cambiar o cartucho pola maior capacidade do CD, concretouse no que é na miña opinión o mellor xogo de PSX e un dos mellores xogos da historia.

Como en calquera xogo que conseguira impactar de tal xeito na cultura popular (poucos, moi poucos…), non falta quen se apresure a consideralo sobrevalorado, pero moi poucas desas voces saen de aqueles que recibimos o xogo na adolescencia ou postadolescencia e puidemos valoralo no seu momento e contexto. O xeito no que cambiou a percepción da capacidade dun xogo para narrar, para sumerxirnos de cheo nun universo, e sobre todo de implicar emocionalmente ao xogador, é algo que dificilmente pode ser negado por aqueles que tivemos que recoller a baba en cubos aló por 1997.

Inmenso, xenial, coidado até no último detalle, e tan sobrado de carisma que podía prestar secundarios a calquera xogo e convertilos en best-sellers. A maior xoia daquela Square na que todo ía como as rosas mentres Nobuo Uematsu tocábanos serenatas.

Sobre o autor:

@Moucho Branco | Ver as entradas publicadas por Moucho Branco »

«Houbo dous comezos entre os videoxogos e mais eu. O primeiro remóntase a mediados-finais dos 80 e a un Amstrad, un monitor monocromo, e unhas cintas que tardaban o tempo xusto en cargar os xogos para facer a modiño un bocadillo de nocilla. Eran os tempos das quests deseperadas por moedas de 5 pesos co fin de rebentar algún arcade. Logo chegou a NES e a primeira era das consolas, que deixaría momentos gloriosos nos 8 e 16 bits. O segundo comezo foi coa era das tres dimensións e a chegada ás casas dos 32 bits. Foi entón cando comprendín que ao madurar non esquecería os videoxogos, senón que terían o bonito detalle de madurar comigo. E até hoxe seguimos madurando xuntos, (van gañando eles).»

2 Comentarios a “Os 10 Mellores Xogos de PlayStation (PSX)”

  1. Gonzalo di:

    Tengo que decir que de entre todas las listas de los mejores juegos de PlayStation, esta es, sin duda alguna, perfecta para mí. Casi me da un ataque al ver que un juego como Galerians, cruelmente condenado al olvido, estaba en la lista. Una selección increíble y justa.

    • Moucho Branco di:

      Pois alégrome moito de que che gustase Gonzalo. Como xa dixen no artigo, Galerians foi unha xoia inxustamente tratada. As veces, tristemente, é a publicidade a que crea mitos e é a falta de publicidade a que condena ao ostracismo.

Deixar un comentaio a Gonzalo