Análise de DMC (Devil May Cry)

Por: Xoves, 7 de Febreiro de 2013

Recordo perfectamente a cara que me quedou cando vin a primeira imaxe que amosou Ninja Theory sobre o novo look de Dante. Botei as mans á cabeza, así como unha inmensa maioría de fans desta saga que non comprendían o por que deste cambio, máis Ninja Theory tíñao moi claro.

Querían un reinicio da saga, un reboot diferente ao visto anteriormente pero que mantivese a súa esencia e diversión, así, facendo caso omiso ás opinións negativas dos fans da saga seguiron adiante co proxecto.

Con que resultado? Seguide lendo.

ARGUMENTO

Quizais o cambio máis representativo dentro da saga, un cambio que nos sitúa a Dante nunha sociedade actual na que sufrimos un réxime totalitario no que todo que se saian dunhas pautas se castiga.
Mais non nos esquezamos que falamos dun Devil May Cry e baixo esta premisa e a partir dunha serie de acontecementos que non vou “spoilear”, deberemos botar abaixo este réxime eliminando o mandatario superior, e como non debía ser doutro xeito, trátase dun Demo que ten á súa disposición toda unha serie de secuaces camuflados como humanos que deberemos derrocar.

Así, o fillo de Sparda, co novo aspecto que todos sabemos e incluso facendo ironía en certas partes do xogo ao anterior Dante, avanzaremos por vistosos escenarios coa “chulería” que sempre o caracterizou empregando a nosa espada e as clásicas pistolas así como outras armas que amplían o rango de posibilidades nos combates.
Ao longo da historia nárrasenos cal foi a vida de Dante cando era neno a través de excelentes “flashbacks”, as cales nos van desenmarañando a verdadeira personalidade do noso protagonista e a relación que existe entre o seu maior inimigo e mais el.

Tamén contaremos coa presenza de Virgil, o irmán de Dante que fixo aparición na terceira entrega desta saga e que aquí conta cun papel moi importante no argumento deste reinicio da saga.
Como fan incondicional daquela primeira entrega saída no 2001, gustaríame ver paisaxes góticas, castelos e incluso un ambiente máis escuro, pero como dixen, Ninja Theory tiña as ideas moi claras e como tal, preferiron ofrecer un aspecto máis actual nas súas localizacións.

DIVERSIÓN

O apartado que a todos preocupa, sobre todo tratándose dun hack and slash, mais Devil May Cry ten e sempre tivo un as debaixo da manga, a súa XOGABILIDADE e nesta nova entrega só hai un adxectivo que a defina, SUBLIME.

Sen dúbida o apartado a resaltar e a derreterse en loubanzas, porque Ninja Theory fixo un traballo maxistral. O truco está en que mantendo pulsado un “gatillo” ou outro empregamos as diferentes armas que temos á nosa disposición, deste xeito podemos cambiar e empregar todas as armas nun mesmo combo e sen necesidade de andar pausando o xogo. Impresionante. A parte disto mantén a rapidez dos combates e a espectacularidade que fixo famosa á saga, polo tanto, asegúrovos que non vos ides aburrir nin un só momento en cada un dos combates, e tendo en conta que estamos ante un hack and slash, a diversión está asegurada.

Compre destacar que a dificultade foi diminuída de maneira moi considerábel algo que non gustará a todos. Recordo que suei sangue para pasar a primeira entrega, porén nesta nin sequera me trabei en ningún inimigo.

Falando deles, atopamos xefes finais que non chegan a impoñer tanto como en xogos anteriores, pero que debemos buscar o seu punto feble para acabar con eles, e aquí entra en acción o “semi-plataformeo”, xa que teremos á nosa disposición dous tipos de látigos, un para agarrarnos a saíntes e desprazarnos cara eles, e outro para agarrar e modificar obxectos do escenario, algo que fai que esteamos sempre pendentes de todo o que acontece ao noso redor.

Como misións secundarias atoparemos certas portas pechadas que só se abrirán se atopamos as chaves correspondentes que están escondidas polos escenarios, e algunhas delas moi escondidas. Estas portas conteñen misións como carreiras contra reloxo, eliminar inimigos sen repetir combos… que aumentan a variedade no desenvolvemento do título.

Tamén atoparemos estatuas polos escenarios que nos permitirán mercar obxectos, melloras, novos movementos que nos servirá para ampliar a nosa gama de golpes e así facer as loitas aínda máis espectaculares.

APARTADO TÉCNICO

Ao principio non chaman demasiado a atención os seus gráficos, sobre todo porque as secuencias de vídeo son bastante regulares, mais unha vez no gameplay vemos que Ninja Theory volve repetir o motor gráfico que empregou anteriormente, para deixarnos unhas texturas traballadas e uns efectos de luz notables.

Os escenarios poderían estar máis cheos de obxectos e non ser tan lineais, pero sabendo que o punto forte de DMC son as loitas, tampouco lle fai demasiada falta.
Deste xeito temos uns gráficos sólidos, aínda que irregulares por momentos que nos deixan un envoltorio apto para un xogo destas características.

Debo mencionar que por primeira vez o xogo está dobrado ao castelán, pero algunhas veces non está sincronizada a boca coa voz, algo que resulta como mínimo, confuso, e xa por petición persoal, non me gusta en absoluto a voz que lle puxeron a Dante.

O que si que me convencen son os sons ambientais, como berros, golpes, susurros… que nos introducen no mundo demoníaco que pretenden. Incluso debemos seguir os berros de agonía, para atopar a un seres escondidos polo mundo e acabar co seu sufrimento.

DURACIÓN

O xogo divídese en vinte capítulos que nos levará superar unhas dez ou doce horas. Se imos a superar o xogo ao cen por cen, buscando as chaves e superando todas as misións, a duración aumenta considerablemente.

A parte, temos varios niveis de dificultade que desbloquearemos unha vez rematado o xogo.

CONCLUSIÓN

A diverxencia de opinións sobre este reinicio da saga foi comentado por todos, mais a calidade do título foi recoñecido por todos os medios especializados e por todos aqueles fans que non sexan acérrimos a unha idea único sobre aquel primeiro Devil May Cry.
Como dixen anteriormente só debo dicir unha palabra, XOGABILIDADE, abonda calquera outra cousa.

Pero non quero despedirme sen facer unha breve comparación entre aquel primeiro Devil May Cry e este reboot e así comentar as cousas que me gustaron deste xogo e as que non.

GÚSTAME

• Xogabilidade
• Apartado técnico
• Zonas plataformeo
• Que mantivesen a chulería do protagonista

NON ME GUSTA

• O novo aspecto de Dante (si, son dos que prefería o Dante de sempre)
• Que suprimisen o aspecto gótico e escuro
• A diminución da dificultade
• A voz de Dante

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    8.4
  • SON:
    8.7
  • XOGABILIDADE:
    9.8
  • DIVERSIÓN:
    9.3
  • DURACIÓN:
    8

  • FINAL:
    8.8
NOTAS DOS USUARIOS
  • GRÁFICOS:
    8.2
  • SON:
    7.9
  • XOGABILIDADE:
    8.9
  • DIVERSIÓN:
    8.7
  • DURACIÓN:
    7.5

  • FINAL:
    8.2

2 usuarios enviaron os seus votos.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

1 Comentario a “Análise de DMC (Devil May Cry)”

  1. Borja López di:

    Non é que diminuiran a dificultade do xogo; é que tí te fixeche moito mellor xogador!!! Jajajajaja

    Por certo, a mín tamén me gustaba o Dante de antes, pero bueno, botouse “Just for Men” e cortou os guedellos. Sonche os anos… xD

Deixar un comentario