Análise de Call of Duty: Black Ops Declassified

Por: Mércores, 16 de Xaneiro de 2013

Cando un título acada un éxito considerábel, os produtores observan que poden sacar aínda máis rendemento á situación e comezan a traspasar o título a outras plataformas como portábeis, telefonía … sen preocuparse en absoluto pola calidade do propio, isto foi o caso de Call of Duty: Black Ops Declassified, aínda que de maneira esaxerada.

Black Ops 2 é un xogo moi apto para calquera amante dos FPS que pronto se converteu nun dos títulos máis vendidos do ano, de aquí que ao paso á PS Vita fose inevitábel, pero de que maneira?

HISTORIA

Os seus creadores quixeron enganarnos dicindo que a historia servía de enlace entre o primeiro Black Ops e o segundo pero a realidade é bastante diferente.

Tan pronto introducimos a tarxeta do xogo na portábel e comezamos a xogar vemos que carece de historia, é dicir, atopámonos con misións soltas precedidas dunha pequena intro carente de sentido na maioría dos casos sen demasiada relación entre unha misión e outra, pero aínda hai máis, xa que o xogo tamén carece de final. Cando rematemos a décima misión, acabamos o xogo, sen conclusión, sen desenlace.

Estamos ante un final aberto? Eu penso que non, estamos ante un xogo inacabado.

DIVERSIÓN

Facía moito tempo que non atopa un xogo que me fixese pasalo tan mal diante del. O motivo? Todos.

Comezamos polo mecanismo de realizar as misións. Déixannos nun escenario lineal e debemos avanzar cara adiante disparando a todos os inimigos. Até aquí como todos os CoD verdade? O problema atopámolos cando o número de armas é limitadísimo, a intelixencia artificial é nula (algúns inimigos quedarán paralizados diante nosa sen dispararnos á espera de recibir balazos nosos), os escenarios non teñen absolutamente ningunha distribución que faga atopar a saída ao xogador e o obxectivo das misións non teñen suficiente forma como para emocionar o xogador.

O sistema de control tampouco é demasiado preciso e para engadir máis contras, algunhas misións son a contrarreloxo o que fai que debamos correr cara adiante sen máis sentido ca ese, e aínda que en teoría os contrarreloxos son perfectamente asumibles nunha portábel, este non cumpre os mínimos esixidos nin de lonxe.

APARTADO TÉCNICO

Tampouco aproba este apartado e como xogo que pretende vender tan só polo seu título, o apartado gráfico deixa moito que desexar e se xa temos uns escenarios completamente lineais e baleiros, imaxinade se lle engadimos unas texturas “lisas”, unas expresións faciais dos inimigos robóticas e clónicas, así como erros técnicos como “clipping” e bugs que interrompen a inexistente diversión que podería ter este Call of Duty.

Tampouco destaca no apartado sonoro, sen músicas que nos presenten momentos épicos, sen sons ambientais que nos introduzan no xogo…
Un xogo que da a sensación que o sacaron ao mercado completamente sen rematar.

DURACIÓN

Irrisorio, completamente irrisorio.

Temos dez misións cunha duración aproximada de cada unha de entre 2 e 5 minutos, o que nos dá como resultado unha duración total de como moito 50 minutos.

Pero sexamos positivos, o xogo aburre dende un principio, así que cando vemos que non levamos nin unha hora xogando e xa se acabou, pois lévase certo alivio, aínda que cando despois pensas que gastaches 50€ niso…

Xa dixen en máis dunha ocasión que os online non me interesan en absoluto, pero vendo o resultado deste xogo probei a botarlle un visual a ver se tampouco chegaba á categoría de apto.

Atopámonos con cinco modalidades de xogos online, desde o todos contra todos, por equipas, obxectivos de busca e captura de por medio entre outros, pero tampouco se me antollou en absoluto divertido, porque os escenarios son minúsculos e carentes de localización sonde esconderse, así como certos erros e bugs que me aconteceron só xogando dez minutiños.

CONCLUSIÓN

Sei que foi unha análise curta, pero tampouco hai que dicir demasiado sobre Call of Duty: Black Ops Declassified.

Un xogo que como dixen anteriormente parece que foi lanzado nunha versión beta ou de proba, con infinidade de erros tanto a nivel técnico como xogábeis e que nin de broma chega a uns mínimos esixidos.

Un xogo que ninguén debería pagar por el,un xogo que non aproba en ningún dos seus apartados, case case, un insulto.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    3.7
  • SON:
    4.1
  • XOGABILIDADE:
    5.5
  • DIVERSIÓN:
    1
  • DURACIÓN:
    0.5

  • FINAL:
    3
NOTAS DOS USUARIOS
  • GRÁFICOS:
    1.9
  • SON:
    2.3
  • XOGABILIDADE:
    3.2
  • DIVERSIÓN:
    0.6
  • DURACIÓN:
    0.3

  • FINAL:
    1.7

3 usuarios enviaron os seus votos.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario