É doado que todos lembredes o popular xogo de espada e maxia de SEGA “Golden Axe”, descaradamente baseado nos personaxes de “Conan o bárbaro”, que revolucionou os arcades alá por 1989 e poida que unha bo morea de vos continue a xogar nel hoxe nas consolas ou emuladores. Non so foi declarado mellor xogo daquel ano pola prensa especializada senón que a afección corroborou tal galardón de xeito case unánime, sendo moi alta a recadación nos salóns recreativos e as ventas das conversións oficiais para os fogares en Mega Drive e Master System.

Dende aquela foron saíndo máis conversións, despois segundas e terceiras partes da saga e “remakes” de afecionados, uns con máis sona que outros. O que aquí vou comentar é un deses “remakes” pero de corte profesional, programado pola propia SEGA para a PlayStation 2 de Sony, que podemos atopar no recompilatorio “SEGA Classics Collection” do ano 2005, que viña tamén con versións melloradas doutros sete xogos de SEGA “de toda a vida”: Columns, OutRun, Virtua Racing, Monaco GP, Fantasy Zone, Space Harrier e Puzzle & Action (Bonanza Bros. / Tant R).

O primeiro que habería que remarcar é que para alguén que nin xogou nin coñece a versión orixinal do Golden Axe, este “remake” pareceralle un xogo aburrido e sobre todo monótono, que asemella non ter fin e por intres cunha dificultade demasiado elevada. É dicir, que para gozar do título cómpre non só coñecer a saga (ou polo menos a primeira parte) senón tamén ser “fan” dela. E aínda así… en fin, vexamos. 

Efectivamente o xogo pode facerse monótono, pero se cadra non moito máis que calquera outro “beat’em up”, aínda que si un chisquiño máis que o orixinal. As fases teñen máis enemigos e tardan en chegar os cambios en forma de inimigos diferentes ou xefes finais. As fases non son un “calco” do título de 1989, senón que os programadores decidiron adxudicarse certa liberdade á hora de replantear a experiencia de xogo. Por exemplo, e sen ánimo de destripar máis do desarroio da partida, direi que a primeira fase remata tras a morte de inimigos normais, sen os xa míticos irmáns xigantóns do martelo, que pasan a ser os xefes da segunda fase.

Pero o que máis chamará a atención dos vellos xogadores será case sen dúbida o sistema de maxias, remodelado completamente. Nesta ocasión non será preciso roubarlle frascos aos ananos dos sacos, senón que bastará con desfacerse de inimigos para que o medidor máxico vaia subindo e aumentando niveis. Claro que os “ananiños da maxia” seguen existindo e cada frasco subirá un nivel completo de maxia ao xogador. Iso si, os tres guerreiros seguen tendo diferenzas neste aspecto, tendo a Tyris máis niveles de maxia que Ax e Ax máis niveles que Guilius, o que se traduce en máis ou menos potencia máxica para compensar a fortaleza física dos heroes. Os poderes máxicos seguen sendo os mesmos, terra, lume e raios, e a máis nivel, máis danos. Pero é na parte das características físicas dos personaxes onde os veteranos notarán un cambio moi importante: Tyris, a amazona, é moi rápida e precisa de estar moi preto dos inimigos para golpealos con éxito. A velocidade desmesurada será a gran baza se o teu estilo de xogo baséase en “pegar e fuxir”. É especialmente útil para evitar as acometidas horizontais dos inimigos afastados. Ax é tan equilibrado que o xogo parece baixar de dificultade, pois o seu golpe de espada é efectivo a media distancia e por momentos cos inimigos que se atopan un pouco atrás de ti. Tamén será doado frear as acometidas dos rivais cun sinxelo golpe frontal. O que sobre todo fai doado o xogo con Ax é que o seu movemento circular (o que antigamente conseguiamos premendo o botón de salto xunto co de ataque) arrasa cun grande conxunto de inimigos que se atopen preto ou incluso un pouco afastados, o que será un recurso case constante sobre todo cando vaiamos a erguernos estando arrodeados de indesexables. E agora chega un punto fraco do xogo, Guilius. O vikingo que resultaba tan carismático outrora, nesta ocasión será un personaxe a evitar. É forte, si, restando unha cantidade de enerxía considerable aos rivais, pero é tan sumamente lento que desesperará aos xogadores máis curtidos. E non só é lento ao desprazarse, se non tamén golpeando, polo que será habitual o intentar atacar a un enimigo e recibir pola súa parte antes de que o anano sexa capaz de facelo. Procurar evitar as acometidas en carreira dos rivais convertirase nunha auténtica odisea. Un desastre por parte dos programadores que aínda non son capaz de entender. Coma se non existise como opción.

Guilius e Tyris loitando.

 

Algúns niveis están baseados na segunda parte do xogo e algúns inimigos importantes tamén, como poden ser os minotauros. Outros como os magos voadores sorprenderannos para ben ou para mal, pois son escorregadizos e inoportunos, coa vantaxe de que tamén “soltan” frascos de maxia. Os derradeiros niveis están baseados na versión de Mega Drive, onde existía un máis ambientado nunhas catacumbas e donde atopariamos ao “verdadeiro” Death Adder como xefe final.

Para rematar, destacar que podemos gozar dun modo “Time attack” onde o obxectivo será vencer a cen inimigos e facelo no mellor tempo posible, e outro modo similar, o “Survival”, onde o noso deber é matar a cantos máis rivais, mellor. Estes dous modos de xogo pódense gozar en pequenas zonas de cada un dos niveis do “modo arcade”. Para poder elixir os niveis máis avanzados nestas dúas modalidades, cómpre ter chagado a eles no modo orixinal de xogo. Estes modos de xogo veñen substituíndo ao popular “The Duel”, onde podiamos combater contra rivais determinados por roldas (versión SEGA Mega Drive).

É dicir, un Golden Axe poligonal, con banda sonora orixinal mellorada, cinemáticas un chisco “modestas” sen voces, con escenas con trocos amigables con respecto á versión orixinal e co peor Guilius Thunderhead da historia da saga. Non é precisamente o gran reclamo deste recompilatorio, pero dándolle dúas ou tres oportunidades, resultará aceptable para os fans.

Non puntúo a análise por tratarse dun remake parte dunha colección que non se atopa oficialmente por separado. Supoño que o entendedes.

Sobre o autor:

@darkinferno1981 | Ver as entradas publicadas por darkinferno1981 »

«Dende pequeno había ordenador na casa, un Spectrum 48K, polo que o meu destino estaba marcado: ía xogar con estes aparellos de luz e cor moito tempo. A paixón polos videoxogos remataron de asentala en min as consolas domésticas, principalmente as do fontaneiro nipoitaloamericano, sendo hoxe en día estes trebellos de 8 e 16 bits os que me segen a facer pasalo ben. Son un tipexo retro; onde hai pixel, hai alegría.»

3 Comentarios a “Análise de Golden Axe (SEGA Classics Collection PS2)”

  1. Puxera que o xogo era de 1898 no canto de 1989 e non diciades nada xD

  2. Doble R di:

    Gillius no é un Vikingo, é un anano

  3. En realidade non é nada porque non existe xD. Agora en serio, xa lle chamo anano ao longo da análise, puxen vikingo tamén como nota nostálxica, xa que moitos lle chamabamos así 🙂

Deixar un comentario