Se hai unha saga que colleitou éxitos nesta xeración esa foi a saga Assassin´s Creed, cinco xogos para as consolas maiores e dúas para portábeis (lights) foron aclamadas polo público dende que saíu e sorprendeu aquela primeira entrega de Assassin´s Creed.

Pois ben, a excepción da última entrega de PS Vita xoguei a todos e cada un dos títulos e o meu interese por eles foi diminuíndo cada vez máis e máis até ser incapaz de chegar ao final destes últimos títulos.

O primeiro Assassin´s Creed paseino pese a todos os seus erros, o segundo recordo xogar moitas horas pero acabar aburríndome, o terceiro xogo apenas xoguei dez horas e o cuarto un tanto do mesmo, e o quinto xogo que chegou fai uns días baixo o nome de Assassin´s Creed 3 probeino un par de horas e moito me da o corpo que non o vou volver a tocar.

Pois despois de ver todas as excelentes críticas que está a recibir esta saga decidín escribir este pequeno artigo enumerando e explicando as cinco cousas que fan que non me guste a saga Assassin´s Creed.

1- A FALTA DE DINAMISMO E LENTITUDE DO XOGO

Para min un dos grandes lastres dun xogo, non saber manter o rítmo durante toda a aventura e no caso de Assassin´s Creed case dende o inicio. Chega a frustar a lentitude coa que se desenvolve o título, ter que camiñar durante minutos detrás dun personaxe para chegar a unha casa, dentro dos edificios non poder correr, misións nas que só te tes que desprazar por un escenario (en moitos casos unha distancia moi grande) simplemente para falar cun personaxe e moitos máis exemplos que fai que o aburrimento se apodere de min.

Ademais este “problema” non está respaldado por un argumento potente, polo tanto o simple feito de ter que andar enriba dun cabalo dun lado e para outro fai que o xogador se sinta un pouco enganado despois de ver o de “xogo de acción”.

2- A XOGABILIDADE

Moitas críticas ten levado por isto e aínda que ben é certo que foron pulindo erros ao longo da saga a súa xogabilidade ségueme parecendo torpe.

Se xogastes aos Assassin´s teravos acontecido realizar saltos sen querer cara un lugar inadecuado, quedar colgado mil e unha veces ao camiñar por un borde, xirar de forma inexacta o personaxe…e despois de velo facer todas as peripecias que realiza non entra polos ollos que caia dun tellado ou que para baixar del haxa que facer dous movementos (descolgarse e tirarse).

Tampouco me convence en absoluto o seu sitema de combates e supoño que é porque o primeiro videoxogo non estaba centrado nos combates, recordemo, buscar, eliminar e fuxir. Pois ben, nos xogos posteriores si que se centraron nos combates e a parte dalgunhas melloras a evolución foi máis ben mínima.

3- A SÚA INTERFACE

Para min un bo título ten que ser directo en todos os seus aspectos e simple para o xogador, non podemos ofrecernos un mapa cheo de cousas, iconos superpostos e sobre todo unha mal distribución dos obxectos.

Non só iso, senón que se lle damos a start topámonos cun menú completamente inviábel e complexo para facer un análise a primeira vista, con isto teraste que parar, aumentar, centrarte de onde queres ir, a que obxectos pretendes darlle preferenzas, etc.

Unha interface moi engorrosa e incómoda que nos leva acompañando desde a súa primeira entrega.

4- FALTA DE ESCENAS ESPECTACULARES

Pero se dende sempre nos quixeron vender desta saga é a súa espectacularidade, e ben é certo que existen escenas e misións verdadeiramente impresionantes para todos os sentidos, mais en relación coas misións monótonas son unha minucia que non xustifica que se nos venda como un xogo cinematográfico.

Por que Ubisoft non se centra nestas misións e se deixa de facernos camiñar quilómetros para entregarlle un papel a un ou simplemente para decirlle que lle imos axudar?

5- É UN XOGO FÁCIL OU DIFÍCIL?

Pois ninguén o ten claro porque estamos ante unha saga que dificilmente te atrancarás nas súas misións, mais esto non significa que sexa doado realizalas correctamente e de maneira clara e limpa.

Porque Ubisoft no seu alarde de crear un Sand Box non deixa moi claro a maneira coa que se deben afrontar as misións e na maioría dos casos acabaremos a golpes con todos, disparando e a espadazos con todos sen desfrutar dunha progresión limpa e ordenada.

Existen máis factores negativos desta saga como a cantidade de bugs que acompañan con cada título, argumento sustentado unicamente na persoa de Desmond, inimigos iguais, etc mais os máis graves son os que mencionei arriba.

Obviamente cando escribín estas liñas estaba pensando nas versión de consola de sobremesa xa que dos títulos portábeis só tiven a oportunidade de xogar ao da PSP e obviamente é moi inferior en todo.

Aínda que sobre dicilo isto só é unha opinión persoal polo tanto estou aberto a calquera tipo de opinión contraria.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario