Análise de Call of Duty: Black Ops 2

Por: Luns, 26 de Novembro de 2012

Fai uns días lanzouse un rumor que dicía que o próximo Call of Duty podería ser unha nova entrega da saga Modern Warfare, recordade aquela cuarta entrega que creou un antes e un despois nos FPS bélicos.

Pero non nos esquezamos de Treyarch, a compañía que estaba nun segundo plano pero sabendo manterse nesta temática, creando uns xogos entretidos pero sen chegar nin por asomo á calidade dos MW.
Pero a compañía soubo aprender e baixo o título de Black Ops e plaxiando métodos dos todo poderosos Modern Warfare, trouxeron consigo un título moi apto e grazas ao seu éxito crearon a segunda entrega a cal procederei a falar un pouco sobre as miñas impresións.

ARGUMENTO

A historia de Black Ops 2 engancha por varios motivos. O primeiro sen lugar a dúbidas e o xogo dos guionistas entre o pasado e o futuro, que nos van desenmarañando a trama pinga a pinga, falándonos sobre a repercusión que tivo a misión no pasado e que vemos as consecuencias no ano 2025, etapa na que se desenvolve a aventura principal.

Mais con cada flashback voltamos ao pasado para narrarnos a historia na nosa propia pel axudándonos a adentrarnos neste argumento.
Xa dende un principio hai que mencionar que é un título para maiores de 18 anos, porque as escenas de violencia son constantes e deixan vixente o terror dunha guerra.

Pero o segundo factor que fai que nos enganche a historia é que se nos presenta a un dos antagonistas máis memorábeis que podedes atopar nun videoxogo. Un inimigo cunha carisma dificilmente alcanzábel e que nos resalta a necesidade de avanzar para dar con esta persoa, causante da gran guerra que está a punto de estalar.

Un plus de Black Ops 2 é que recolle aos protagonistas da súa primeira entrega polo que aqueles que a xogaron identificaranse máis con estes personaxes e en ocasións comprenderán mellor “guiños” que se lanzan nesta secuela con relación á anterior.

DIVERSIÓN

A estas alturas penso que non é necesario explicar como é o desenvolvemento dun Call of Duty, pero para aqueles despistados dicir que controlamos a un protagonista en primeira persoa e avanzamos por escenarios eliminando a todo o que se mova, mais algo que innovaron os Modern Warfare e que copia Black Ops son esas escenas espectaculares que vivimos nas nosas peles e que non se limitan a disparar, como escalar unha montaña, bucear, lanzarse en paracaídas e toda unha serie de accións que aumentan a variedade do título.

Aínda así, estas escenas non chegan á calidade dos Modern Warfare e na maioría dos casos só se limitan a mover un par de botóns no momento adecuado e que non inflúe directamente na historia que vivimos. Dame a sensación que estas situación foron engadidas sen moito sentido e sen moita relación coa historia principal deixando unha sensación de frialdade a verdade.

Obviamente non en todos os casos, mención especial a unha zona que avanzamos por unha cidade inundada escapando dos helicópteros que nos pretenden ver, un exemplo de como tiña que ser todo o xogo e que non o conseguiron.

De todos os xeitos a variedade de situacións é moi elevada, como xa dixen, dende escalar, andar a cabalo nun deserto, bucear, etc.
A intelixencia artificial segue a un bo nivel (aínda que se queda a un nivel de dificultade moito máis inferior que calquera Modern Warfare) e a temática futurista serve para poner en pantalla droides e demáis robots que aumentan a variedade nun xogo que pretende escapar do “dispara a todo sen máis”.

Tamén incluíron unha pequena fase de estratexia (outra vez plaxiando aos MW) pero que resulta aburrida e monótona. Volvo repetir que da a sensación que Treyarch quixo meter un pouco de todo neste título, pero sen sábelo encadrar ben no marco no que se move.

Iso si, non vaiades cunha mala sensación, a xogabilidade segue sendo xenial e non aburre en ningún momento, pero non podo deixar de pensar no que é e no que podería chegar a ser. Pero xa vos aseguro que se sodes fans dos FPS, Black Ops 2 non vos defraudará en absoluto.

APARTADO TÉCNICO

Excelente e non digo sublime porque os escenarios que se levan a cabo no 2025 non teñen tanto nivel de detalle como as do pasado. Será porque ver edificios, carreteras e demáis paisaxe urbano non é tan espectacular como ver un deserto ou unha selva, pero a diferenza entre as misión do pasado e do futuro a nivel técnico é bastante grande.

Texturas impresionantes, un nivel de nitidez impecábel e uns escenarios cheos de cousas (volvo repetir que moito mellor os escenarios que non están nun lugar urbano).
Os efectos como a auga e o lume volven ser algo asombroso o que incrementa aínda máis a exaltación das escenas violentas, que por outro lado, non son poucas.

A dobraxe volve estar perfecta, mención especial aos berros de agonía dos inimigos e demáis recursos que nos meten aínda máis neste conflito. Así como todos os efectos sonoros que envolven a esta aventura como o son de moscas onde hai cadáveres, disparos ao lonxe, vento…

DURACIÓN

Como sempre o gran lastre de todos os Call of Duty, porque unha duración que ronda as seis horas non é o suficientemente amplia para unha experiencia deste tipo.

De novo, como sempre, para aumentar un chisco a duración poñen varios niveis de dificultade e esconden polos escenarios arquivos que debemos atopar, pero que non é motivación suficiente como para volver a rexogalo, polo menos a curto prazo.

A parte da aventura principal temos a sección Zombies, pero que non deixa de ser unha opción secundaria que non engancha en absoluto e que no meu caso pasa completamente desapercibido.

CONCLUSIÓN

Todos os seguidores dos videoxogos xa non vos sorprenderá, ninguén pensaba que ía ser un xogo malo como tampouco ninguén pensaba que ía ser un título sublime. Simplemente un Call of Duty máis por parte de Treyarch coas seus inconvenientes e vantaxes, (que non son poucas).
Un xogo moi divertido e recomendábel para todos e obrigatorio para os amantes do xénero. Engacha, por cinco horiñas, pero engancha.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    9.4
  • SON:
    9.3
  • XOGABILIDADE:
    9.5
  • DIVERSIÓN:
    9
  • DURACIÓN:
    7.5

  • FINAL:
    8.9
NOTAS DOS USUARIOS

Ningún usuario opinou aínda sobre este videoxogo.

Podes ser o primeiro en facelo.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario