Análise de Dishonored

Por: Xoves, 15 de Novembro de 2012

Aquí nada de Ratibrón

Como se fose unha lenda, cada certo tempo aterra nas tendas un videoxogo sen facer moito barullo, sen excederse coa publicidade, sen hypearse demasiado, pero ten un brillo invisíbel que o diferenza do resto dos videoxogos, un brillo que se detecta unha vez que insertamos o disco na consola e vemos o que nos ofrece, cada certo tempo aparece un elixido, e desta volta non se chama Neo, chámase Dishonored.

O título ven da man de Bethesda e estamos ante un xogo de sixilo con moita acción, ou ante un xogo de acción con moito sixilo dependendo do que nós prefiramos, porque aínda que noutros xogos xa pretendían que a elección do xogador influíse no desenvolvemento, en Dishonored elévase ao límite.

ARGUMENTO

Nós controlaremos a Corvo, un gardaespaldas acusado sen razón de asasinar á emperatriz de Dunwall, polo tanto a nosa misión será desenmarañar todo este problema ao mesmo tempo que pretendemos rescatar á filla da muller asasinada. Todo isto en plena Revolución Industrial mesturada maxistralmente con tintes de ciencia ficción que non fai máis que mellorar a experiencia do xogador.

O entroido é unha festa internacional

Ao principio do xogo un estraño personaxe ofrécenos unha serie de poderes que deberemos empregar para chegar ao noso final e que nos narra o que podemos facer e as consecuencias que terán de tomar esa decisión. Pero quen é este personaxe?, que implicación ten na nosa historia?

Isto fai que avancemos na historia sempre querendo chegar á conclusión final e resolver todas as incógnitas, pero lonxe de estancarse aquí, os xiros argumentais conseguen sorprender ao xogador, algo que moi poucos videoxogos conseguen.

Polos escenarios podemos ler escrituras que nos aclaran detalles da cidade, personaxes secundarios que nos piden que realicemos algún traballiño amosándonos unha historia paralela á principal e case todos os habitantes realizan algún comentario que nos pode dar pistas de como afrontar a situación que vivimos.

Unha historia ben realizada e o que é mellor, moi ben contada a través dunha serie de capítulos que nos van achegando á misión final.

Este será o noso taxista

DIVERSIÓN

Seguro que moitos vos facedes a seguinte pregunta, é un xogo de sixilo ou é un xogo de acción?

Ben, pode ser o que vós queredes que sexa, así de claro. Non vamos negar que conseguir realizar unha misión concreta sen ser detectados ofrece unha experiencia dificilmente igualábel, mais se nós somos máis de pegar tiros, podedes estar seguros que non teredes problema ningún, de feito temos á nosa disposición unha gran variedade de armas e poderes que nos axudarán nisto. Ballestas,espadas, pistolas, granadas, minas de clavos, invocar ratas, teletransportarse,paralizar o tempo e máis poderes que nos permitirán asumir a nosa misión da maneira que nós queiramos. De feito, Arkane Studios estableceu as misións de maneira que poidamos decidir realmente como facemos.

Queremos asasinar a un coronel?, podemos entrar no seu edificio e matalo brutalmente e despois acabar co resto de soldados, podemos envelenar o seu vaso, podemos esperar a que quede só e asasinalo por detrás sixilosamente e como estes exemplos numerosos ao longo de toda a aventura. Unha sensación única de liberdade.

A isto temos que sumarlle a xogabilidade, que para ser un título en primeira persoa é soberbio controlar a Corvo, tanto nas misión que nos infiltramos, sempre cun panorama de visión perfecto como cando loitamos cara a cara, onde podemos cubrirnos e rexeitar ataques que nos permitirán unha posición de vantaxe ante o noso inimigo.

Pero un dos maiores logros para que Dishonored sexa tan divertido é a claridade coa que se nos presentan as misións, tanto as primarias como as secundarias. Unha vez que nos vemos no escenario aparecerannos unas frechas indicativas para que nós elixamos a onde queremos ir, así de claro, non fai ir activando misión secundarias e demais menús engorrosos que o único que fai e difuminar a calidade dun xogo, este título é claro e conciso, se vas cara unha frecha chegarás a unha misión, así de claro. Isto non indica que sexa doado chegar alí, ou que personaxes polos escenarios nos inviten a realizar outras misión, etc. Sublime. Como sublime é o sistema de melloras dos nosos poderes, xa que ao longo dos grandes escenarios atópanse escondidos o que denomina “runas” que deberemos conseguir para que os nosos poderes sexan maiores. Algunha veces bastante complexos de conseguir o que aumenta a diversión ao ter que buscar a maneira de chegar a eles, ben sexa buscando un código secreto para abrir unha caixa forte, roubar unha determinada chave, etc, etc.

Cústame demasiado intentarvos transmitir o que fixo Dishonored comigo xa que podemos facer infinidade de cousas, como piratear máquinas para que estas non nos ataquen a nós, controlar a outras persoas cos nosos poderes, elixir se eliminamos a todos os inimigos ou ben os deixamos só inconscientes…

Enorme.

O coitelo xa o teño, falta o chourizo

APARTADO TÉCNICO

Non se queda atrás, se ben é certo que algunhas texturas poden ser mellorábeis, os gráficos de Dishonored locen a un nivel moi alto empregando o motor Unreal Engine que permite poñer a bastantes individuos na pantalla. Os inimigos son todos bastante parecidos pero que non desentoan en absoluto, así como uns escenarios cheos de cousas e cun nivel de detalle grandísimo.

Compre destacar que a nitidez que conseguiron é de recordar, deste xeito podédesvos esquecer dos molestos dentes de serra que frecuentan en demasiados videoxogos.

Outra cousa que conseguiron os seus creadores é unha ambientación impecábel, establecendo como fondo unha cidade perdida pola peste na que as ratas se moven con total liberdade (en ocasións incluso atacan ferozmente) na que o nivel económico só recae nuns poucos e existe un réxime absolutista. Neste panorama é onde estamos nós.

Pero os grandes detalles son os que fan un gran xogo, así, detalles como que cantas máis persoas mate Corvo, máis ratas haberá na cidade fan que sexa unha delicia ver evolucionar a cidade na que realizamos os nosos movementos.

O apartado sonoro non se queda atrás, ao contrario, unha dobraxe á altura de calquera filme e uns efectos sonoros moi ben caracterizados fan que avanzar polas rúas da cidade sexa un continuo de sons, dende pasos de soldados que están próximos, até os berros dunha muller en apuros que podemos decidir salvala.

En definitiva, cando insertedes o xogo na consola veredes que o apartado técnico está á altura dun gran xogo como é Dishonored. Notable alto.

DURACIÓN

Unha misión principal cunha duración correcta, diversidade de misión secundarias por cada escenario, posibilidade de buscar obxectos que nos permiten a mellora dos nosos poderes… con todo Dishonored ronda entre as 20 e 25 horas, unha duración envexábel sobre todo para un título destas características.

Tamén é certo que xa no principio do xogo nos dan liberdade absoluta, polo tanto somos nós se queremos perder o tempo esperando o momento oportuno para infiltrarte ou preferimos atacar cara a cara, somos nós quen eliximos se facemos as misións secundarias ou as deixamos a un lado.

A nosa decisión influirá moi directamente na duración desta pequena xoia.

CONCLUSIÓN

Poucas veces acontece que un xogo sen facer moito ruído se converta na xoia que é Dishonored, porque estades ante algo grandioso, un título que mestura ciencia ficción con realidade, infiltración con acción, rol con aventura pero faino tan ben que é imposíbel non desfacerse a loubanzas.

Un xogo obrigado para calquera xogador que lle gusten as boas historias e en definitiva os bos xogos. Probádeo se podedes e comprendede nas vosas propias peles todo o que dixen anteriormente e así saberedes que todas as miñas palabras se quedan curtas.

Imprescindíbel.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    9.4
  • SON:
    9.4
  • XOGABILIDADE:
    9.7
  • DIVERSIÓN:
    9.8
  • DURACIÓN:
    9.3

  • FINAL:
    9.5
NOTAS DOS USUARIOS
  • GRÁFICOS:
    8.5
  • SON:
    8.5
  • XOGABILIDADE:
    9
  • DIVERSIÓN:
    9
  • DURACIÓN:
    7.5

  • FINAL:
    8.5

Un usuario enviou o seu voto.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario