Análise Sleeping Dogs

Por: Venres, 19 de Outubro de 2012

Sería interesante comezar a análise dun xogo como este cavilando un pouco sobre por que un xogo como o Sleeping Dogs (cans dormentes para os amigos) conseguiu atraer xente que non é entusiasta dos sandbox, aínda tendo presente o feito de que non é unha revolución dentro de xénero. Pode ser porque nos pon nunha ambientación non tan manida como os USA, pode que sexa polo refinado sistema de combate, seica podería ser pola calidade técnica do xogo, ou porque no fondo estabamos fartos de clons do GTA. O máis probable é que o encanto do xogo resida un pouco en todo, e que cada persoa o aprecie por motivos diferentes, pero vou tentar analizalo máis polo miúdo para que quede claro.

O primeiro en facerse notar deste xogo e a súa maior virtude é o seu sistema de pelexa, innovador nos sandbox, pero moi inspirado no de Batman Arkham Asylum. Un sistema que nos permite só con dous botóns sermos capaces de realizar con combos acrobacias e golpes dignos do gran Bruce Lee. Este sistema axiliza moito o combate sen armas, que se convertirá no máis común durante o xogo, para alegría dos que gostamos do cine de artes marciais. Este sistema é complementado polas “mortes por contorno”, que nos permiten usar obxectos do contorno, dende contentores de lixo e cabinas telefónicas ata caixas de fusibles ou altofalantes, para rematar os nosos inimigos de maneira máis rápida e divertida. Tamén destaca o manexo dos autos, que se afasta da sinxeleza dos GTA para achegarse máis a unha condución propia dun xogo de carreiras, algo ao que ao principio custa acostumarse, e aínda que máis tarde no xogo dá lugar a momentos propios de película de Hollywood, non consegue convencerme.

Non querías nécoras, pois toma as nécoras

O que si logra convencer e ata namorar (no caso de que che guste o antes citado Bruce Lee) é a ambientación. Hong Kong está recreado con moito detalle, tanto nos grandes centros comerciais coma nos mercados na rúa, en ningún intre podes chegar a pensar que estás nun lugar xenérico e non na China. As tendas, os edificios, os coches, ata as melloras e os minixogos axudan a crear esta atmosfera que invade todo o xogo. Mesmo a historia do protagonista, Wei Shen non deixa de estar ao servizo do ambiente, ao introducirnos neste mundo de policías corruptos e tríades divididas.

Pese a este segundo plano da historia, está está moi traballada e sobre todo os sentimentos de Wei Shen están moi ben formulados na primeira parte do xogo, algo que por desgraza se vai desdebuxando ao avanzar a trama principal, que se converte só nunha espiral de vinganza e escalada na xerarquía da tríade, sen profundizar tanto na psicoloxía do personaxe. A louvar dentro das misións da trama son as policiais, moi entretidas, usadas moitas veces para presentar outros elementos como submisións e que achegan un toque de variedade que fai ben a un xogo que no final pode resultar algo repetitivo. Seguindo coas misións, a misións secundarias poden dividirse en dous tipos, as mecánicas, bastante parecidas unhas ás outras, e que só serven para poder desbloquear novos combos e elementos, e as misións con algo de historia, non necesarias para avanzar, pero que si dan realmente un bonus de interese extra ao xogo.

Que hai máis asiático que cantar nun karaoke? Facer un minixogo sobre cantar nun karaoke.

Por último destacar que o apartado técnico do xogo é unha pequena marabilla, aínda cos gráficos á métade (para que o meu portátil non estoupe) puiden apreciar todo o esmero nos detalles; e as cinemáticas, aínda que non impresionantes, si están a altura doutros xogos do momento.

En resumo e como xa ía dicindo ao comezo, Sleeping Dogs é un xogo que sen innovar demasiado no xénero do Sandbox, si achega as suficientes novidades para diferenciarse, e na miña opinión o grande encanto do xogo é que esas novidades están todas ao servizo da experiencia xogable e de ese gozo que é ser o protagonista desa grandiosa peli de chineses que son os “cans dormentes”.

Ía a facer un chiste malo con chineses, pero creo que vendo esta señora o pensarei mellor.

Sobre o autor:

@Agrella | Ver as entradas publicadas por Agrella »

«A miña historia cos videoxogos comezou o día en que meu pai me ensinou a usar a SNES da casa, despois caeu nas miñas mans unha Game Boy e dende entón os videoxogos e Nintendo pasaron a formar parte da miña infancia. Xa de maior afeccioneime aos xogos de PC e dende entón dedícome a matar inocentes sims, mandar exércitos á destrución, disparar a alieníxenas e escorrentar orcos.»

2 Comentarios a “Análise Sleeping Dogs”

  1. anton di:

    E que dis do de conducir pola esquerda? Fun eu o único que se meteu unha ostia saíndo dunha calella ao ir á dereita?

Deixar un comentario