Malas novas para Blizzard. A pesar dunha moi agresiva campaña publicitaria e un lanzamento circense simultáneo en toda Europa, as cifras non están acompañando á cuarta expansión de World of Warcraft.

A compañía confía na nova expansión para revitalizar o seu MMO de pago, que leva na rede ininterrumpidamente dende 2004 nunha posición dominante no seu xénero. Porén, o ritmo de perda de usuarios comeza a facerse preocupante nos últimos tempos, tendo perdido até tres millóns de suscriptores en dous anos.

A proposta de Blizzard para recuperar ao seu público foi retomar os “pandaren” unha raza introducida no universo WoW coma unha broma do April´s Day Fool (dia dos inocentes anglosaxón) que acadou tanto eco que tivo presencia real nos xogos nunha expansión de Warcraft 3.

O resultado foi polémico, recibindo multitude de criticas por significar un afondamento no aspecto mais infantil de WoW e nos tópicos e caricaturas sobre artes marciais e cultura asiática xa vistos en multitude de ocasións e de xeito idéntico no filme de animación “Kung-Fu Panda”.

Por outra banda, tanto a compañía coma os seus incondicionais defenderon a proposta de Pandaria como elemento revitalizador da franquícia e idea orixinal dos estudos, perfectamente integrábel na cosmoloxía de WoW.

Se ben leva moi pouco tempo no mercado e hai marxe de remontada, as cifras confirman que o goteo comeza a ser unha sangría. A expansión anterior, “Cataclysm”, vendeu na súa primeira semana 3,3 millóns de copias, mentres que “mists of Pandaria” leva vendidas entre 600.000 e 700.000 copias, representando un descenso mínimo das ventas en tendas dun 60% que podería chegar até mais dun 80%.

Polo momento os estudos agardan á evolución nas próximas semanas para facer unha valoración. Será o comezo do fin de World of Warcraft?.

Sobre o autor:

@Moucho Branco | Ver as entradas publicadas por Moucho Branco »

«Houbo dous comezos entre os videoxogos e mais eu. O primeiro remóntase a mediados-finais dos 80 e a un Amstrad, un monitor monocromo, e unhas cintas que tardaban o tempo xusto en cargar os xogos para facer a modiño un bocadillo de nocilla. Eran os tempos das quests deseperadas por moedas de 5 pesos co fin de rebentar algún arcade. Logo chegou a NES e a primeira era das consolas, que deixaría momentos gloriosos nos 8 e 16 bits. O segundo comezo foi coa era das tres dimensións e a chegada ás casas dos 32 bits. Foi entón cando comprendín que ao madurar non esquecería os videoxogos, senón que terían o bonito detalle de madurar comigo. E até hoxe seguimos madurando xuntos, (van gañando eles).»

Deixar un comentario