Análise de Resistance: Burning Skies

Por: Xoves, 23 de Agosto de 2012

A saga Resistance aterra na PS Vita baixo o nome de Burning Skies, título no que volvemos a somerxernos nun mundo invadido polas Quimeras e que deberemos facer fronte disparando a todos os que nos atopemos por diante.

Certo, volve repetindo estratexia, sen sorpresas para o xogador, pero se algo lles funciona para que o queren cambiar, mais se mellorasen un tanto máis os seus apartados estariamos ante un xogo notable, así só chega ao correcto.

ARGUMENTO

Para que un título pertencente a unha saga non desentoe, a historia debe estar medianamente relacionada cos anteriores, pero como xa dixen antes, parece que Sony quixo sacar o xogo antes de tempo e os apartados están a medio terminar, así tiran fío polo doado, é dicir, un personaxe (neste caso o bombeiro Tom Riley) atópase no medio da invasión por un acaso e…sorpresa, a súa familia desaparece co resto dos refuxiados o cal nos obriga a avanzar por diferentes escenarios (un total de seis) até encontrar aos nosos familiares.

Non existe moito máis argumento ca este (algún detalle hai, pero non vou desvelar aquí) o que fai que non nos metamos dentro do xogo, non consegue transmitirnos ningunha sensación de inseguranza, de tensión, só avanzar matando bechos até rematar a fase e comezar con outra.

As empresas que se dedican a fabricar videoxogos cando se percatarán que os que xogamos tamén nos gusta desfrutar dun bo argumento?, aínda que moitos pensen o contrario seguimos sendo persoas que valoramos positivamente unha historia ben contada e coa súa trama, o que me leva ao seguinte, se as propias desenvolvedoras non se toman tan en serio como deberían realizar videoxogos, como me vai extrañar escoitar atrocidades na prensa?

En fin, non nos desviemos do tema.

DIVERSIÓN

Xa non nos colle por sorpresa o desenrolo deste Resistance, un FPS de avanzar e disparar similar aos anteriores, aínda que menor en calidade, que aprobeita a excusa do bombeiro para engadir a posibilidade de salvar a persoas atrapadas en incendios, pero que lonxe de converterse nalgo común, quédase nun par de misións esporádicas que non ofrecen case anda ao xogador.

Avanzaremos por un total de seis escenarios (rúas, metro,campamento de refuxiados…) disparando a todas as Quimeras que atopemos. Estas hainas de varios tipos, arácnidas, saltadoras, xigantes e a maioría delas leva un armamento especial que despois nós poderemos empregar en contra deles.

Escopeta, metralladora, francotirador, peroforador…un total de oito armas con disparo secundario diferente o que amplía bastante as posibilidades e variedade dos combates, e xa vos digo que munición non vos vai faltar. Este quizais sexa o punto máis positivo de todo o xogo.

O título resulta rápido e dinámico e en puntos bastante espectacular, obviamente, cos inimigos máis grandes, axudado así dunha dificultade perfecta que te fará avanzar con coidado pero sen bloquearte en ningún lado para non cansar ao xogador.

Burning Skies é un título directo, sen ningún tipo de puzle nin problema, só nos limitamos a disparar, a moitos abóndalles con isto mais non estaría de máis facernos interactuar co entorno, propoñernos algún reto, etc.

Como misións secundarias temos a posibilidade de atopar notas perdidas ao longo dos escenarios. Por suposto tamén temos varios niveis de dificultade para os máis atrevidos.

XOGABILIDADE

Se hai algo que preocupa para unha portábel é a súa xogabilidade, porque vendo os problemas da PSP non pode predecir nada bo, mais co segundo stick analóxico todo está solucionado. Apenas hai diferenzas coas irmáns maiores, coa mesma xogabilidade incluso en distribución de botóns.

E todo estaría perfecto se se limitasen a isto, pero quixeron incluír posibilidades táctiles e foi o erro máis grande que puideron cometer, xa que para todas os disparos secundarios das nosas armas teremos que tocar a pantalla dunha determinada forma e acaba resultando tremendamente íncómodo, nalgunhas armas incluso teremos que coller a consola cunha man e tocar a pantalla coa outra, imperdoábel.

APARTADO TÉCNICO

Graficamente quédase curto sobre todo nos escenarios o que me fai reiterar que debería estar algún tempiño máis cocéndose. Por outro lado as texturas dos inimigos está máis que correcta pero que se ve influído polo popping molesto que interrompe o dinamismo e suavidade do xogo.

Charcos de sangue que aparecen espontaneamente, coches que desaparecen movendo a cámara de determinada forma e toda unha serie de factores que fai que non o poidamos comparar nin de lonxe con outros títulos como o Uncharted.

O apartado sonoro tampouco destaca en ningún momento. Non me entendades mal, non é absolutamente horrendo este apartado, déixase xogar sen problema, pero non podemos permitirnos deixar pasar xogos así sabendo o que pode mover a PS
Vita.

DURACIÓN

Seis capítulos que nos levarán entre cinco e seis horas e que poderemos aumentar recolectando todos os informes que ha escondidos polos escenarios. Se queredes amplialo sempre podedes probar nas súas dificultades máis altas, que conservaredes todas as armas coas súas melloras dende o principio, aínda que se o título non consegue sorprender da primeira vez, da segunda aínda menos.

CONCLUSIÓN

Un xogo correcto sen máis, que non sorprende en ningún aspecto e que como xa me cansei de dicir, culpa dun lanzamento totalmente pricipitado. De todos os xeitos déixase xogar, estamos ante un novo capítulo independente de Resistance que non é o que debería ser, culpa dos seus desenvolvedores por pensar que por levar o nome de Resistance as ventas serían máis doadas, supoño que acertaron.
Como dixen, un xogo correcto sen máis.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    6.7
  • SON:
    7
  • XOGABILIDADE:
    7.4
  • DIVERSIÓN:
    7.7
  • DURACIÓN:
    6

  • FINAL:
    7
NOTAS DOS USUARIOS

Ningún usuario opinou aínda sobre este videoxogo.

Podes ser o primeiro en facelo.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario