A duración dos videoxogos como estratexia

Por: Mércores, 8 de Agosto de 2012

Moito teño pensado sobre a duración nos videoxogos, realmente debemos valorar positivamente un xogo excesivamente longo?, pois como acontece sempre depende de toda unha serie de factores que deberían ter moi en conta os seus deseñadores e que desgraciadamente pasan por alto da maneira máis doada, a monotonía.

Comecemos pola diversión, piar básico de calquera videoxogo, se un título non divirte, a súa lonxevidade o único que fai é acrencentar o aburrimento do xogador aumentando as desganas por este, só amarrado a un final argumentístico que o sorprenda, e que sendo honestos, moi poucas veces acontece.

Nesta diversión debemos fixarnos no xénero do que estamos a falar e aquí existen uns roles que se afianzaron das mentes dos desenvolvedores e que son os seguintes.

FPS (First Person Shooter) = Duración mínima

Aventura en terceira persoa = Duración media

RPG (Xogo de rol) = Duración lonxeva.

Non comprendo moi ben esta lei, pero debeu amarrarse inconscientemente na sociedade porque non recordo un xogo que rompa esta regra e dóeme irremediábelmente que títulos como Modern Warfare non pasen das cinco horas e xogos como Final Fantasy XIII cheguen ás cen sen moito problema, a pesar da súa monotonía excesiva.

Vós tamén botastes cen horas así?

Como podedes comprobar deixei moitos xéneros a un lado como deportivos ou de condución, pero case na maioría céntranse no multixogador tanto a pantalla partida como online. Este último está tendo unha gran importancia sobre todo nos últimos anos mais eu nunca fun defensor do online dos videoxogos, porque volvo remarcar o que levo dicindo moitos anos, abúrreme, abúrreme profundamente.

Será defecto meu ou unha opinión respaldada pola melancolía aquela de medrar sempre pegado a un mando e vivindo historias de videoxogos individualmente, mais de todos os xogos que probei online, ningún me deixou bo sabor de boca, como moito un par de horas a maiores (no caso do Killzone 2 botei un par de días non o nego), pero identifico así que cando se fala de un “online infinito” debemos ter moito ollo co que nos referimos, porque moitas veces non é máis que unha estratexia de márketing.

Pero volvamos a lei que formulei arriba, está correcto levala a cabo?, un xogo só polo feito de ser de rol, debe pasar das 60 horas?. Neste caso a excusa é moi doada, o protagonista debe ir adquirindo habilidades e acumulando puntos de experiencia con cada loita que gañe ou misión que cumpra, así pasaremos horas e horas e horas loitando contra inimigos na maioría dos casos da mesma maneira que rompe un pouco o dinamismo do xogo. Pensade por exemplo, nos RPG de loitas por turnos. Cada poucos segundos a pantalla paralízase para levar a cabo unha batalla que a resolveremos case sempre da mesma maneira (lume con auga, etc). Como se sente o xogador cando leva oitenta destas batallas e apenas sen mellorar o personaxes nin conseguir poderes diferentes?, aquí é onde se diferenzan os amantes do xénero e os que non.

Porén nos Shooters en primeira persoa isto non acontece nin pode acontecer, porque acostuman ser xogos rápidos e directos, centrarse máis na habilidade que na paciencia e estratexia, xogos moito máis complexos de aumentar a súa duración, porque isto conlevaría ter que ampliar o seu modo historia, as súas armas, máis variedade… o resultado é o que todos sabemos, aínda non saiu o CoD: Black Ops 2 mais case estou por asegurar que non pasará das seis ou sete horas como moito.

Porén este só 4 horas, que mo expliquen

Pagar 70€ para xogar 6 horas?, pagar 70€ para xogar 100 horas?, non existe un termo medio?, pois normalmente estas son as aventuras en terceira persoa que se van ás dez ou doce horas, xogos que se centran moito nos combates en tempo real (na maioría das veces machacando botóns), reiterativos en moitos casos pero compensado pola súa rapidez e espontaneidade.

En moitos casos atopámonos con isto case por completo, loitas rápidas pero que non transmiten nada ao xogador, cunha historia indiferente e unha variabilidade nula, e a dicir a verdade, 12 horas así…penso que hai mellor maneira de invertir o tempo.

E agora pasarei ao núcleo deste artigo, ao que vos quería comentar e compartir con vós. Os xogos longos aburren, isto é así, ao que máis ou ao que menos sempre ten ganas de chegar ao final. Merece a pena gastar tanto diñeiro para querer remátalo dunha vez, sen desfrutalo, ou pola contra merece a pena gastar tanto diñeiro para pasalo nunha tarde?

Como sería a industria se distribuíse xogos de non máis de tres horas a un prezo moito máis baixo, así como cinco ou dez euros. Estariamos centrando ao xogador únicamente no que quere, en xogar, isto obrigaría a aumentar a dificultade dos xogos , tan ínfima nesta xeración (abonda con recordar a dificultade que tiñan os xogos das recreativas), contarnos unha pequena historia como se dun filme se tratase, é máis, por que debemos querer un gran argumento, mirade os xogos de Mario, que argumento teñen? Ningún.

E o que sería mellor, sería moito máis difícil que aburrise ao xogador e ao mesmo tempo estamos a falar dun prezo económico moito más adquisitivo para todo o mundo. Moitas veces teño un par de horas libres e decido ver un filme, por que non facer o mesmo cun videoxogo?

Se Freezer fose unha compañía de videoxogos

Por suposto, na miña realidade paralela estos videoxogos convivirían cos actuáis, cada un podería decidir a duración que lle gusta. Máis ou menos a industria fai isto pero baixo o nome de DLC, na maioría dos casos online, pero estes pecan de que estar indiscutiblemente ligados a un xogo maior, o que fai que 70€ do xogo orixinal mais 10€ do DLC igual a 80€ que volven máis fraca a túa carteira e sen entrar que moitas veces son para reparar algún erro do propio xogo, pero o insulto dos DLCs comentarémolo noutra ocasión.

Aquí só fago unha recapacitación sobre a duración dos videoxogos e da posibilidade de convertelos nalgo moito máis adquisitivo para todos tanto a nivel de diñeiro como a nivel de horas, porque non esquezamos que os videoxogos créanse para desfrutar, para pasalo ben e actualmente estamos nunha sociedade do minimalismo dos feitos, da rapidez, da fugacidadede, do dinamismo imparábel… a sociedade non quere cousas moi longas nin complexas de dixirir, de feito creo que este artigo xa è demasiado longo.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

2 Comentarios a “A duración dos videoxogos como estratexia”

  1. HeredeiroDaCrus di:

    Na miña opinión, a duración dun xogo non é o importante. A diferencia de duración, por exemplo, entre un Call of Duty e o Shadows of the Damned non é moi grande, e porén o segundo disfruteino mentres que o primeiro paréceme aborrecible. Ou se nos poñemos no caso dos xogos longos, pareceume moito mellor Chrono Trigger que calquera Final Fantasy de nova xeración. A mín paréceme que o máis importante e o agarimo con que fan o seu traballo os productores deses xogos. Logo, se queda longo ou curto para mín non é un problema.
    PD. Os modos online dos xogos que probei tamén me aburriron moito.

  2. Evidentemente, o máis importante é a diversión, diso non cabe dúbida. Se cun xogo non te divirtes, pasas del rápidamente. Pero tamén é certo que se aínda por riba é longo, pois mellor que mellor. A min amólame moito (por non dicir que me toca moito os collóns… XD) os xogos que nunha tarde (ou menos) xa os finiquitaches (e iso que eu son de buscar en todos os recunchos e facer todas as misións secundarias…), máis cos prezos que teñen hoxe en día, aínda que eu, na maioría dos casos, adoito agardar un tempo para mercalos, así podes atopalos moitísimo máis barato, sobre todo se non ten modo multixogador ou se éste é secundario (“The Darkness”, “Mass Effect 3”, “Assassin’s Creed”, etc.)

    PD: No multixogador, tamén depende moito coa xente que xogues e a calidade que teña. 😉 😉

Deixar un comentario