Análise de Inversion

Por: Martes, 17 de Xullo de 2012

Como herba nun prado. Así son os shooters desta xeración, moitos e iguais.

Para os amantes deste xénero non hai ningún problema, ou si?, porque até o manxar máis saboroso en grandes cantidades aburre, mais indagando un chisco no xogo que nos toca, como definir Inversion?, pois xogabilidade de Gears of War con zonas de gravidade cero e un apartado técnico irregular.

Aínda queredes saber máis, pois entremos en profundidade dentro de Inversion.

HISTORIA

Dous compañeiros loitan man a man contra uns monstros que están invadindo a Terra ao mesmo tempo que intentan salvar a filla secuestrada dun deles. Pouco a pouco iranse desvelando detalles que aclararán a situación así como a explicación de por que existen armas que poden crear gravidade cero.

O argumento de Inversion engancha, por que?, sempre teredes esa curiosidade por saber que ven a continuación, porque lonxe dos clichés que nos teñen acostumados os videoxogos, neste rómpese coa rutina e poñen para gratitude dos xogadores cambios argumentais, sorpresas impredecíbeis e un final que se alonxa do habitual.

Sabemos que o argumento dun videoxogo non compensa ao resto de apartados, pero si pode conseguir aumentar a insistencia do usuario por seguir avanzando no título para chegar ao esperado final. Aquí é onde recae o poder do argumento nun videoxogo e aínda que por momentos Inversion pode resultar unha historia clónica (ninguén dubida que colle ideas deoutros títulos) consegue poñerlle a súa guinda, o seu punto de innovación.

Persoalmente penso que este apartado foi logrado por Inversion de forma notable, o que máis gratitude me supuxo.

XOGABILIDADE

Na introdución xa mencionaba que era unha copia de Gears of War e sobran un par de minutos para darse de conta deste feito. Controlaremos a un personaxe que sempre estará acompañado e respaldado dun compañeiro, o método de coberturas é idéntico, a selección de armas igual, ataques e distribucións de botóns moi parecido… vedes vos tamén o parecido verdade?

O cambio realízano no que quixeron facer o punto forte do título aínda que sen conseguilo de todo, o poder de crear gravidade cero.
O noso protagonista terá a súa disposición unha arma que lle permitirá crear dous tipos de gravidade, alta (fai flotar os obxectos, inimigos incluídos) e baixa (fai descender calquera obxecto), ademais de poderes secundarios como atraer obxectos e disparalos ou crear unha circunferencia protectora a redor noso.

Con isto a maiores das nosas armas, poderemos sortear obstáculos e pequenos puzles (se é que se lle pode chamar así) para poder avanzar por uns escenarios totalmente lineais. Ademais disto, existen zonas de gravidade cero na que o noso protagonista flotará literalmente e deberá avanzar disparando dende o aire, ou mesmo correr pola parte exterior dun edificio eliminando inimigos.

A xogabilidade só é diferente á hora de flotar, aínda que cun só botón desprazarémonos de cobertura en cobertura, abonda con indicar a que lugar queremos ir e premer o botón para que o noso protagonista se impulse cara el.

Polo demais, se xogastes ao Gears of War xa saberedes como se controla, en terceira persoa avanzaremos disparando a todo o que se mova ao mesmo tempo que nos cubrimos. Cando botamos man de armas máis pesadas o protagonista camiñará algo máis lento como é obvio e nun par de ocasión dispararemos dende unhas torretas que non inflúen demasiado na xogabilidade.

Outro apartado que é aceptábel pero polo simple motivo que é un plaxio como tantos outros do modelo Gears of War.

APARTADO TÉCNICO

Aquí comezan os peros. O apartado gráfico é demasiado irregular e nunca chega a chamar a atención (nótase que non ten o presuposto que desfrutan outros ao mellor sen merecelo), aínda que se mantén sempre a un nivel de correcto. Escenarios demasiado iguais e sen demasiados detalles que salientar, ademais de ter unhas cores cromáticas bastante escuras o que fai que o ambiente gráfico non sexa moi fermoso.

De todos xeitos compre destacar a posibilidade de destruír escenarios, aínda que por motivos que non comprendo só se pode en determinadas zonas, que resultan ser as mellores, o resto son máis ou menos similares, sempre atopas lugares para cubrirte e disparar até baleirar o escenario.

Quizais sexa que a estas alturas os nosos ollos poden comparar gráficos de uns xogos e outros e así fai que en Inversion non destaquen, pero tampouco é un desfase gráfico, como dixen antes, correcto.

O apartado sonoro está ao mesmo nivel que o anterior, tampouco destaca nin é preocupantemente malo, parece que non quixeron (ou puideron) explotar os apartados técnicos ao máximo, limitáronse en contar unha boa historia e conseguírono, pero claro, o envoltorio non é o máis detallado que vimos nesta xeración.

O que si vou castigar é o tempo de carga que ten, é digo en singular porque só ten un tempo de carga cada vez que inicias unha partida, pero é extremadamente longo e frustrante. Ver como aumenta a porcentaxe de carga segundo a segundo non é que sexa moi divertido a verdade.

DURACIÓN

Hai que recoñecer que para ser un shooter en terceira persoa a duración é bastante grande chegando ás doce horas, iso si, sen alicientes para pasalo unha segunda vez, xa que carecen de misións secundarias, nin sequera a búsqueda de diferentes obxectos polos escenarios, nada de nada. O que si está moi ben implementado no xogo é a dificultade que fai que nos teñamos que mover con precaución, sobre todo nos monstros finais, que aínda que se repiten varias veces, sempre supoñen un reto bastante divertido.

DIVERSIÓN

Como amante deste xénero gustoume, sobre todo pola sorpresa que me supuxo o argumento. A crecente dificultade fíxome manter pegado ao mando e nunca tiven a sensación de abandonalo cada vez que morría, sempre tiña ese “aquel” de querer continuar.

Certo é que certos tempos de carga e a repetición de inimigos finais restan un pouco no cómputo final, pero non me podo enganar, non me aburrin nada con este xogo, que podía ser mellor?, non cabe dúbida, mais tamén sei que podía ser moitísimo peor e aínda que sexa un plaxio doutros títulos consegue levalo ao seu territorio e darlle os cambios xustos para seguir mantendo a atención do xogador.

Agora si, se es dos que non che gusta este xénero xa o podes ir esquecendo, primeiro xoga ao Gears of War e se che gusta, pensa na mesma xogabilidade, con gráficos inferiores e historia diferente, se non che gustou Gears of War, vai a tenda, escolle o xénero co que medraches e merca outro título, porque este non che vai engatusar.

CONCLUSIÓN

Un xogo correcto que non defraudará aos seguidores dos shooters en terceira persoa e que nos contan unha historia que rompe cos clichés habituais. As carencias do título non son suficientes para ennegrecer completamente o resultado final que nos da un xogo entretido e común.

Non innova e non lle dan demasiada importancia ás fases gravitacionais, mais se o que querían era narrar unha boa historia sen moitas complicacións, conseguírono.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    8
  • SON:
    8
  • XOGABILIDADE:
    9
  • DIVERSIÓN:
    8.8
  • DURACION:
    8.4

  • FINAL:
    8.4
NOTAS DOS USUARIOS

Ningún usuario opinou aínda sobre este videoxogo.

Podes ser o primeiro en facelo.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario