O segundo capítulo só será dobrado ao galego se chegan ao seu obxectivo

A compañía coruñesa Gato Salvaje é a primeira empresa galega en acceder á plataforma de financiamento en masa Kirckstarter. Que é iso do financiamento en masa/microfinanciamento/crowdfunding? Un grupo desenvolvedor presenta o seu proxecto e os propios usuarios finais dese xogo son os que deciden se achegar os fondos necesarios para a súa realización. Ese grupo fixa o obxectivo económico (tamén pode establecer sub-obxectivos a maiores) e o tipo de recompensas —canto maior sexa a achega do usuario, terá acceso a maiores recompensas—, habendo un límite de tempo para cada campaña. Se non se chega a cando menos o 100% de financiamento, esas doazóns non se fan efectivas.

Para AR-K, Gato Salvaje fixou 150 mil dólares como obxectivo para poder financiar o que resta da aventura episódica, tendo a posibilidade de traducila a máis idiomas e levala a outras plataformas. A achega mínima é de 10 dólares, dando dereito á descarga dixital dos dous primeiros capítulos (dicir que actualmente só o primeiro episodio vale xa máis, 10 euros), por 20 xa teriamos dereito á descarga da serie completa (4 episodios) e por doazóns maiores comezarían os extras, banda sonora, Making of, merchandising, a posibilidade de ser un personaxe do xogo, unha viaxe… teñen un mes escaso para conseguilo.

Xa vos falamos nalgunha outra ocasión desta aventura gráfica, aquí tedes a nosa análise do capítulo inicial. Este é o argumento: AR-K é o fogar de Alicia Van Volish, unha axente de seguridade en potencia tanto por vocación como por tradición que viu como certo suceso que non acaba de comprender (atoparon un estraño obxecto no seu poder que ela asegura non ter collido) a arredou da súa carreira soñada. Iso obrigouna a recalar na facultade de periodismo, profesión onde cría que mellor podería aproveitar a súa capacidade para a investigación. Alicia é unha universitaria máis, alcol, relacións sexuais esporádicas e un chisco de estrés académico compoñen a súa rutina. A cotiá recollida dun traballo para a materia impartida polo déspota profesor Reitherman, porá a Alicia e Ambar, unha rottweiler que sempre vai con ela, no camiño dunha conspiración que subxace na en aparencia utópica AR-K.

As vendas da versión en galego do primeiro capítulo foron moi baixas, a dobraxe non resulta rendíbel mais manterase “por convicción” se a campaña Kickstarter conclúe con éxito.

Como de factíbel é a empresa?

Se fose unha campaña a nivel estatal en Lánzanos ou Verkami, sería inviábel, pero está nunha plataforma de alcance meirande, global. O microfinanciamento leva anos a funcionar, mais nestes momentos está a vivir unha grande explosión no mundo da aventura, por que? En dúas palabras: Tim Schafer. Resumindo moito a historia e traducíndoa á linguaxe dos filmes da TVG, este febreiro o deseñador americano dirixiuse ao mundo: “Meus, son o puto Tim Schafer, soltádeme 400 mil dólares e eu dareivos unha aventura gráfica caralluda!”, así, sen máis, este tío esperaba que 14 anos despois da súa última aventura (que non funcionara especialmente ben), os xogadores lle desen por adiantado case medio millón de dólares sen que sequera soubese el mesmo sobre que ía tratar, e só tiña 33 días para xuntar esa morea de cartos… Sobráronlle máis de 32, en menos de 24 horas dende o comezo da campaña, Schafer xa recadara o 300% do que precisaba, rematando o período de financiamento con máis de 3 millóns de dólares dispoñíbeiss para facer a súa aventura (e gravar un documental sobre a súa realización), esas 87 mil persoas que apoiaron o proxecto poderían seguir o proceso de creación de preto, opinando en todo momento sobre o seu desenrolo, sendo parte del. Un novo horizonte abríase na aventura, serían os propios xogadores os que decidisen que querían. Nos vindeiros meses un a un foron resucitando os grandes creadores da época dourada, claro que Schafer só hai un, ademais de ser un dos grandes deseñadores da historia, é un showman, a ningún outro lle ía resultar tan doado. Jane Jensen [435 mil dólares], Al Lowe [655 mil], The Two Guys of Andromeda (creadores de Space Quest) [540 mil], Chris Jones e Aaron Conners [600 mil]… todos eles tiveron que presentar proxectos xa con forma e facer unha campaña activa con actualizacións abondosas, pero tamén conseguiron financiamento para os seus proxectos. A elite da aventura recadou unha media superior ao medio millón de dólares, AR-K obviamente non xoga nesa liga pero pode aproveitar esta febre Kickstarter.

Que tal lles foi aos proxectos da súa mesma liga? A verdade é que a porcentaxe de éxitos está a ser francamente boa, o que lle outorgaría bastantes opcións a AR-K, o problema? Que os proxectos similares están a se mover nunhas cifras moito máis modestas. Hai nadiña acaba de pecharse a campaña de Quest for Infamy que tiña como obxectivo 25 mil dólares (6 veces menos que AR-K), fixeron unha campaña fantástica, partindo dunha demo, varios vídeos, unha chea de actualizacións, un web atractivo, activos na rede, a garantía de ter feito varios remakes de clásicos de Sierra… reunindo máis do dobre do que precisaban, 63 mil dólares, que aínda é menos da metade do que pretende Gato Salvaje. Tiñan esa primeira meta e despois outros sub-obxectivos, como por exemplo a tradución a varias linguas se superaban certa cantidade (superárona). O proxecto máis ambicioso na actualidade é Jack Houston and the Necronauts que pretende acadar 56 mil dólares, tampouco chega á metade das pretensións de AR-K, este é un proxecto nunha fase primaria do seu desenvolvemento pero ten unha arte e unha historia moi atractivas, un proxecto fan chamado Han Solo Adventures do que acaban de sacar unha demo e moitos apoios dentro do mundiño, de outros creadores e de afeccionados.

En que posición está AR-K? Ben, AR-K  xa ten un capítulo publicado que é mellor tarxeta de presentación ca unha demo… pero é comercial, véndese por 10 euros, hai que dicir que 10 euros nun capítulo da súa clase é un prezo bastante caro (consecuencia de entrar en determinados circuítos de descarga dixital internacionais que lle esixiron subir o prezo dende os 6 iniciais), non é probábel que os posíbeis backers que non o tivesen xa, vaian mercar agora o primeiro capítulo para decidir se apoiar ou non o proxecto, porque por menos deses cartos terían os dous primeiros capítulos na campaña Kickstarter. Cantos son eses que mercaron AR-K? Ninguén o sabe, nin sequera a propia compañía coruñesa.

Gato Salvaje non ten nada xogábel que ofrecer de balde, nin tampouco ten traballos previos, sacou unha demo antes da saída do primeiro capítulo, mais era un desastre, non animaría a ninguén a mercar o xogo, ao contrario. Realmente só teñen os vídeos, a arte do xogo (de momento non amosaron demasiada) e algunhas liñas que por si soas non resultan interesantes abondo. Utilizan como reclamo citas de artigos en medios en español non especializados en aventuras, non semellan ser de grande axuda nunha campaña a nivel mundial.

Os irmáns Prieto xunto a Al Lowe, creador de Leisure Suit Larry.

Nas páxinas internacionais especializadas só tiveron presenza en Adventure Gamers, onde recibiron unha crítica moi dura, déronlle estrela e media sobre cinco (moita culpa tivo a saída apresurada dunha versión a medio localizar ao inglés, o lanzamento de versións a medio rematar foi un problema recorrente neste primeiro episodio). Para que vos fagades unha idea, Adventure Gamers é como Homer ao principio de ser crítico de cociña, todo lles gusta, moi poucas aventuras baixan das tres estrelas, de unha e media practicamente non as hai, iso supón unha lousa. Alén da prensa especializada, apenas hai tampouco recensións internacionais nin movemento en foros de aquí e acolá, pouca presenza nas redes sociais, non se achegaron ao público fiel ao xénero que é o que máis se entrega, buscando máis no público ocasional… Con todo o dito, obviamente as perspectivas non son boas, incluso os máis avanzados da súa categoría terían moi complicado acadar unha meta de 150 mil dólares, Gato Salvaje está agora mesmo moi por baixo desa elite da súa liga precisando recadar o dobre que os máis apoiados. Despois dun día superan lixeiramente os 1500 dólares (un 1%), precisando unha media diaria de case 5000, cando nas campañas Kickstarter o principio e o final son os períodos con máis doazóns. Nestes días iniciais achegarán os coñecidos e xente próxima, os que acostuman ser máis xenerosos (case a metade do doado nestes intres vén por parte de só 4 das 36 persoas que xa participaron). É moi complicado que a xente apoie un proxecto sen ter nada xogábel que botar á boca, dende logo se algo fai moi ben Gato Salvaje é tratar os clientes, ten que transportar esa disposición á campaña, entregarse a fondo a ela, movéndoa a nivel estatal e internacional, facer moitos vídeos amosando as súas capacidades (o humor e o enxeño abofé que venden), ensinar máis contidos e máis atractivos. Para poder chegar a financiarse, para que poida chegarnos toda a serie en galego, que é o que todos queremos, precisa dunha campaña excepcional, non hai tempo que perder.

Sobre o autor:

@Miguel R. Fervenza | Ver as entradas publicadas por Miguel R. Fervenza »

«Os oitenta transformábanse devagar no ubérrimo esterco do que se nutrirían as aventuras gráficas namentres un verde fulgor actuando tal que bioluminiscente reclamo sexual de vella das papas fixaba a miña atención na monocroma xanela trala que se erguía un universo enigmático. Dende entón, varredores cósmicos, motoserras desprovistas de combustible, inchables bonecas escorregadizas e monos tricéfalos aprópianse das miñas noites.»

5 Comentarios a “AR-K inicia unha campaña de financiamento en Kickstarter”

  1. Moitisimas grazas pola túa covertura coma sempre David, non so polo extensa se non tamén pola crítica constructiva.

    Agora mesmo tes razón en todos os puntos que tratas, pero temos unhas cantas sorpresas para a campaña que esperamos que causen bastante impacto, pouco a pouco, se isto non sae non será por non traballalo 🙂

    Moitas grazas de novo, apertas.

    Sergio Prieto
    Gato Salvaje S.L.

    • Só o feito de térvolas arranxado para acceder a Kickstarter é un logro, supón unha grande oportunidade de darvos a coñecer e de relacionarvos máis intimamente cos vosos potenciais xogadores. Non vos desanimedes baixo ningunha circunstancia, aproveitade ao máximo esta oportunidade como andades a facer porque pase o que pase vai ser moi positiva para vós.

      A min encántanme as aventuras gráficas así que non podo máis que amosarme crítico, é o único camiño, non creo na condescendencia xeneralizada da prensa do videoxogo como apoio aos desenvolvedores e ás súas creacións, ao contrario, creo que resulta altamente pernicioso.

      Saúdos e moita sorte!

  2. eros di:

    PQC!!
    Hai un ano que comprei o primeiro capítulo e agora ofréceno gratis en Kirckstarter!!
    Entendo que Fx Interative deixe baixar gratis o Hollywood Monsters porque xa hai 15 anos que o sacaron, pero isto aínda o paguei onte.

    • Fernando di:

      Ola Eros!,
      Entendemos perfectamente o que che pasa. Por iso enviamos o primeiro día de campaña un correo a todolos nosos clientes, ainda que parece que non o recibiches.
      Queremos coidaros moito, porque apostáchedes por nos dende o principio, así que para todos vos facemos un “upgrade” da recompensa automático. E dicir: se pos 10$, consigues a recompensa de 20$ (todos os episodios), se pos 20$ a de 30$, se pos 30$ a de 50$, e se pos 50$ a de 80$.
      Ademáis, se convences os teus amigos para que nos apoien, sumarás o que puxeches á suma do que poñen eles, conseguindo a recompensa polo total.
      Entende que o que temos que consegiur e que nos coñezan, e a mellor forma e xogando, por iso permitimos a descarga temporal.
      Pásanos os teus datos para que estés incluido na campaña.
      Un saúdo e gracias por confiar en nos!!

Deixar un comentario