Os 10 mellores xogos de Nintendo DS

Por: Mércores, 4 de Xullo de 2012

Continuemos co ránking dos mellores xogos das consolas actuais,como ben sabedes sempre dende a miña visión particular. Agora é o momento de pasar ás portábel de Nintendo e comezarei cunha das consolas máis vendidas desta xeración, a Nintendo DS.

Aquí os dez xogos que non debedes deixar pasar á lixeira:

10- Ninja Gaiden

Ryu Hayabusa entrou na DS cun xogo de acción frenética e gráficos notables nos que a pantalla táctil corría cun papel moi importante, xa que a xogabilidade recaía por completo nela.

Deste xeito e cunha facilidade impropia neste tipo de manexos propoñíannos movementos co lápiz para mover a espada, crear maxias, saltos e movementos especiais, etc.

Un gran xogo cunha dificultade moi axustada (con isto refírome a que non o pasaredes sen morrer ningunha vez como pasa cada vez con máis xogos).

Unha pequena sorpresa que pasou demasiado desapercibida entre os xogadores. Unha lástima.

9- GTA: Chinatown Wars

A famosa saga GTA tamén aterrou na portábel de Nintendo, pero sabendo as súas limitacións o título volvía ás súas orixes cunha perspectiva cenital.

Non significa isto que a diversión baixase, porque os tráficos de drogas, prostitución, disparos e sangue seguen ao tanto do día.

Un divertido xogo que se aprobeitou do seu nome para vender, aínda que non se lle pode quitar méritos pola cantidade de horas de diversión que nos fixo pasar.

É curioso como Nintendo permitiu un xogo para esta consola recomendado só para adultos. Moi recomendábel.

8- Advance Wars: Dark Conflict

A pantalla táctil sempre ofreceu moitísimas posibilidades aos xogos de estratexia e para min, sen dubida, o mellor é Advance War: Dark Conflict.

Un título de estratexia pura e dura na que nos sumerxían nun mundo pos-apocalíptico e no que nos deberiamos enfrontar a diversos exércitos.

O perfecto desenvolvemento das misións, a crecente dificultade, a cantidade de opcións que ofrece, os gráficos, a historia… se che gusta a estratexia é unha compra obrigada e se non che gusta, deberíaslle dar unha oportunidade, porque engancha dende o principio.

7- Saga Profesor Layton

Como decidirme por un dos catro xogos se son practicamente idénticos?

Quizáis o primeiro título por ser o que máis recordo, pero non por outra cousa. É curioso como un xogo de resolución de puzles e problemas cautivou a tanta xente.

Tampouco me extraña tanto, porque os sempre xeniais Level 5 conseguiron unha historia impecábel e sorprendente, uns gráficos sobresalientes e uns puzles magníficos. Dende puzles de lóxica até de habilidade e a progresiva dificultade axuda a engadirlles puntos de calidade a esta saga.

Tampouco os seus retos secundarios se quedan atrás en diversión, como conseguir partes de unha cámara de fotos ao longo da aventura e finalmente montala, adelgazar a un hamster creando circuítos, etc.

Unha saga que se recordará.

6- Puzzle Quest: Challenge of the Warlords

Este penso que é o título máis adictivo da lista, porque xúrovos que como o comecedes non poderedes deixar de xogar. O desenvolvemento é simple, só tedes que unir xemas da mesma cor para conseguir poderes como protección, maior resistencia, maxias para lanzar ao inimigo etc.

Se unides unhas caveiras que aparecen na pantalla a enerxía do inimigo reducirase un pouco, así que xa sabedes cal é o obxectivo, eliminar a todos os inimigos a base de unir pezas.

O que parece algo do máis simple remata por converterse nunha adición, porque asegúrovos que engancha cousa mala, ademais que a historia non se queda atrás con criaturas máxicas, traicións, etc.

Un dos mellores xogos de puzles da historia.

5- New Super Mario Bros

Agora comecemos polos de Mario, porque ano tras ano, consola tras consola, a súa capacidade para divertir xamáis se perde. Con este New Super Mario Bros volve as súas raíces cun xogo en 2D e cuns gráficos do máis colorido.

Supoño que sobra comentar o desenvolvemento do xogo, saltos, plataformas, poderes, etc.

Diversión pura e dura e cuns gráficos mellorados. Debo mencionar os minixogos que engadiron, tamén son do máis divertidos.

Grande Mario, como sempre.

4- Mario Kart

O xogo de condución de Mario tamén aterrou na portábel de Nintendo e volveunos a sorprender cun xogo que todos esperabamos. Si, Nintendo volveu repetir estratexia con este Mario Kart, pero para qué cambiar se funciona?

Nestes casos non sei se debo describir de que trata o título porque creo que xa o coñecemos todos perfectamente. Así, volverémonos a poñer na pel dalgunha das mascotas de Nintendo e deberemos chegar á meta empregando os máis diversos “recursos”.

Ollo ao multixogador. Máis e máis diversión.

3- Zelda: Phantom Hourglass

O Zelda tampouco podía faltar á cita, e a súa primeira e mellor incursión foi este título no que nos obrigaba explotar todas as posibilidades da máquina como soprar, escribir, minixogos táctiles, etc.

Unha nova aventura de Link na que nos desprazabamos polo océano cun barco que nos transportaba de illa en illa, e todo cuns fantásticos gráficos e unha xogabilidade perfectamente adaptada.

Horas e horas de Zelda na que avanzaremos por escenarios resolvendo puzles con todos os nosos ítems que conseguiremos progresivamente.

Moi recomendado.

2- Super Mario 64 DS

É curioso como o segundo posto está reservado para unha mellora do xa por si xenial Mario 64, pero volver controlar a Mario polo castelo da princesa con novos personaxes e máis estrelas non ten prezo.

Uns gráficos lixeiramente mellorados, unha tradución de todos os carteis e comentarios…e o recordo que nos produce non se pode comparar con nada.

Volveredes rescatar a Peach nunha aventura que aguanta perfectamente o paso dos anos. Obrigado.

1- Elite Beat Agents

Si, a moitos poderavos sorprender este primeiro posto, pero Elite Beat Agents é o xogo máis entretido, orixinal e adictivo de todo o catálogo de Nintendo DS.

Propóñennos seguir unha melodía tocando os botóns na pantalla co stylus no momento xusto e aguantalo até que desaparezcan para que a melodía non desentone.

E todo isto cunha finalidade, resolver unha serie de misións que nos narran en viñetas na pantalla superior, así, se nós fallamos, o protagonista tamén fallará.

A selección das cancións, o frenetismo, a constante evolución, o grao de dificultade… todo en Elite Beat Agents está perfectamente implementado.

Deberiades probalo. En Xapón sacaron varios títulos baixo o nome de Ouendan, pero só poderedes conseguilos por importación, aínda que despois de pasar este Elite Beat Agents pensarédelo.

Adición en estado puro e duro. Imprescindíbel.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

2 Comentarios a “Os 10 mellores xogos de Nintendo DS”

  1. Mixigodo di:

    Carai, pois si que me sorprende o primeiro posto, pero confeso que non o probei. En falta non boto ningún, pois a maioría dos que me entretiveron máis, están la lista. Outros poderían ser o Tetris ou o Arkanoid, ou incluso algún Pokémon, pero vamos, máis polo momento que polo propio xogo, ao mellor.
    Quizais destacaría tamén o Wario Ware, que foi o primeiro que tiven e tamén me brindou moitas horas de diversión, unido a que aproveita moito as posibilidades da DS.
    Saúdos!

  2. Victor di:

    Eu cambiaría o “Elite Beat Agents” pola sua versión orixinal : Osu! Tatakae! Ouendan!” , tanto a primeira como a segunda parte gustaronme mais que o Elite Beat Agents. Ademáis, a pesar de ser en xaponés, as cancións teñen mais ritmo, os videos son máis divertidas e o final e máis épico xD

    Polo resto, ningunha queixa mais… quizais tamén faría mención o Dragon Ball Origins, que é un puntazo de xogo 🙂

Deixar un comentario