Os 10 mellores xogos de PSP

Por: Xoves, 28 de Xuño de 2012

A continuación propóñovos un listado dos 10 mellores xogos para PSP, como xa é habitual, estes top 10 son moi relativos xa que pode variar moito segundo o gusto das persoas.

De todos os xeitos seleccionei algúns dos imprescindíbeis da PSP, dez UMDs que todos que tedes unha destas consolas debedes probar.
Se credes que algún xogo de PSP debe estar no listado e non o atopades non tedes máis que comentalo para compartilo co resto de usuarios.

A continuación o listado dos 10 mellores xogos para PSP

Nº10 – Daxter

O primeiro xogo da lista é un plataformas que ten como protagonista un dos personaxes máis simpáticos da anterior xeración, Daxter.

Así, deixando a un lado a Jak, o seu amigo, embárcase nunha aventura pragada de inimigos e escenarios cheos de perigos que deberedes superar. Todo isto adornado cun apartado técnico á altura dos esperado e unha xogabilidade espectacular.

O resultado final é un divertido videoxogo que todos deberían probar e máis se es fan dos plataformas.

Nº9 – Pursuit Force

Un dos títulos máis infravalorados da xeración. Certo que pode resultar un xogo sen moitas sorpresas no seu desenvolvemento, xa que practicamente sempre temos que facer o mesmo, pero o seu frenético desenvolvemento fai que nos manteñamos en vilo durante todas as misións.

Rescatar reféns nun autobús en marcha, conducir a grandes velocidades sen poder reducir, etc son só algunhas das misións neste título de condución onde prima o espectáculo. Ademáis, graficamente é espectacular, unha pena que as misións a pe non están ao mesmo nivel de diversión.

De todas formas, un segundo capítulo demostrou que os usuarios captaron a emoción destes títulos.

Merece unha oportunidade.

Nº8 – Ultimate Ghosts´n Goblins

Creo que sobra calquera tipo de presentación, porque a saga Ghosts´n Goblins tamén aterra na PSP cun xogo “old school” de corte clásico.

Volveremos a controlar ao cabaleiro andante que deberá eliminar a todos os monstros que atopa no camiño.

Diversos poderes, armas, centos de inimigos, uns gráficos saobresalientes e unha dificultade honestamente elevada redondean un xogo que encantará a todos os xogadores da vella escola.

Nº7 – Final Fantasy VII: Crysis Core

Crises Core supuxo a chegada dun grande desta consola deixando claro até que punto podía chegar a calidade dos UMDs. Un espectacular xogo de rol, cunha gran historia típica da saga e uns combates aleatorios que innovaban na súa forma de levalos a cabo, sobre todo nas técnicas máis poderosas.

Graficamente é espectacular, con escenarios detallados os cales explorar falando cos habitantes que nos atopemos polo camiño.

Moitas horas de diversión nun só xogo que non defraudará a todos aqueles que desfruten dos xogos de rol.

Nº6- DJ Max: Portable

Un xogo musical no que deberemos premer os botóns correspondentes no momento adecuado. Cunha dificultad progresiva, pronto estaredes movendo os dedos a velocidade de vertixe tocando todas as cancións do UMD.

Sen demasiados alardes gráficos (non o precisa) preséntannos un xogo que só prima a diversión e que engancha de forma enfermiza, sobre todo se conseguides axilidade suficiente como para atrevervos coas dificultades máis altas.

Nº5- Kingdom Hearts: Birth by Sleep

Outro xogo de rol de acción que chega á PSP da mellor forma posíbel, e non só polo espectacular apartado técnico que merece digno de mención, se non que poderemos escoller xogar con tres personaxes diferentes, tres campañas diferentes.

Con isto xa poderedes intuir que a lonxevidade do xogo é moi considerábel, pero a cantidade de mundos que investigar (falando e interactuando cos personaxes máis famosos de Disney), os poderes, o desenvolvemento das misións, etc todo isto fan de este Kingdom Hearts un título case obrigado para calquera.

Se es fan da saga non o dubides, se che gusta a acción, dalle unha oportunidade e se te encandila o rol de acción, sen dubida non te defraudará.

Nº4 – Resistance Retribution

A saga Resistance chega á pantalla pequena de Sony cun título de acción en terceira persoa que innova en diferentes puntos. A primeira innovación é que pasamos de xogar en primeira persoa a disparar en terceira, o que aumenta o espectáculo e as súas credenciais. Por outra parte controlamos a un protagonista moito máis carismático que os antecesores.

Gráficos espectaculares, variedade de armas e inimigos moi ben caracterizados aínda que xa coñecidos polos seguidores da saga.
Un gran xogo de acción de disparos que entretén dende que encendemos a consola.

Nº3 – Silent Hill: Origins

Silent Hill Origins supuxo unha enorme sorpresa para todos cun título perturbador (típico da saga) cuns puzles divertidísimos e uns gráficos espectaculares, o que supón que nos sumerxamos aínda máis no terrorífico mundo de Silent Hill.

Poucos pensaban que este título fose de tanta calidade e de tanta diversión como o foi realmente.

Como pasa cada vez que nos acercamos ao número un, outro dos imprescindíbeis en toda regra e no que gastaredes horas e horas de terrorífica diversión.

Nº2 – GTA Vice City Stories

E que dicir dun título como GTA?, simplemente que está á altura do esperado por calquera fan, é máis, mantense á mesma altura que os dous primeiros xogos de PS2.

Unha impresionante adaptación na que introduciron o mundo GTA nun só UMD, coas súas misións de condución, as súas temáticas só aptas para maiores de 18 anos, cos seus gráficos máis que notables, cunha cidade viva…

Centos de misións espérannos noutro dos obrigatorios de PSP. Diversión a raudais típico da saga de Rockstar.

Nº1 – God of War: Chains of Olympus

O primeiro xogo creo que non debería sorprender a ninguén xa que o espartano máis famoso das consolas tamén aterrou na PSP para dar caña aos deuses gregos, e vaia se o fixo.

Un xogo de acción en terceira persoa na que repartimos golpes a todos os inimigos que se nos poñen por diante realizando combos e QTE para derrotar aos máis grandes e da maneira máis espectacular.

Un xogo que sorprende visualmente e que engancha aínda máis pola súa diversión incuestionábel.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario