Fai uns días que circula pola rede un documento da compañía Microsoft cos plans de futuro da plataforma Xbox.
O documento data de agosto de 2010 e conta con 56 páxinas nas que analizan a estratexia comercial ata o ano 2015. Comeza coa pregunta: “Por qué necesitamos unha nova Xbox en 2013?”. Pois ben, auguran que o mercado da Xbox 360 terá un declive na súa rentebilidade en 2013, sobre todo, pola aparición das consolas de nova xeración por parte de Nintendo (Wii U) e Sony (PS4), así como outros produtos como Apple TV e Google TV. Outro dos motivos sería a desactualización do seu limitado hardware, que non ten soporte para certas tecnoloxías actuais, como discos BluRay e 3D nativo, entre outras cousas.
Coa seguinte xeración, Microsoft pretende non só vendernos unha consola, senón un centro de entretemento completo onde poder xogar, ver a televisión, BluRay e experiencias online. Outro punto trata dunha actualización do Kinect, que fará que aumente a súa precisión, así como un aumento no número de xogadores de 2 a 4 persoas á vez. A maiores, tamén se fala dunha completa integración da Xbox 720 con outros dispositivos como PC, móbil e tablet.
O punto máis ambicioso pode chegar en 2015, cando a compañía de Redmond ten pensado que todo o contido sexa ofrecido dende a “nube Xbox”. A xente que posúa a consola, podería acceder sen ningún problema, pero quen non a teña, podería acceder cun dispositivo denominado “micro-consola”, co mínimo necesario para conectarse e recibir os contidos da nube Xbox. Coa estratexia de “todo na nube” pretenderían atallar dous dos grandes “problemas” da industria dos videoxogos: a piratería e o mercado de segunda man.
Dende Microsoft están tratando de evitar a difusión deste documento pola rede, requerindo a diversos sitios a eliminación do mesmo ou o bloqueo da súa descarga. Agora ben, a filtración podería ser máis ben unha estratexia publicitaria. Cada un que pense o que prefira…
Se queredes ler o documento completo podedes descargalo aquí.