Os 10 mellores xogos da Super Nintendo

Por: Venres, 22 de Xuño de 2012

Seguindo o fío das últimas entradas feitas polo compañeiro Skaltum coas listas dos mellores xogos para PS3 e Xbox 360, hoxe póñome sentimental lembrando a que sería a miña lista persoal cos mellores xogos que pasaron pola miña Super Nintendo e dos que algúns aínda conservo os cartuchos e outros que me prestaron e gustaríame moito chegar a conseguir algún día.

Nº10 – Super Mario All-Stars


Se hai algo mellor que un xogo de Mario é meter 4 xogos nun só cartucho. Dende o primeiro Super Mario, ata o Super Mario 3, pasando polo The Lost Levels, este cartucho reúne os xogos que crearon a lenda da personaxe referencia de Nintendo, o fontaneiro Mario.

Nº9 – F-Zero

Como será a Fórmula 1 no ano 2560? Unha boa resposta sería o F-Zero. Este xogo de carreiras de naves futuristas marcou un importante hito nos gráficos dos videoxogos da Super Nintendo, xa que foi o primeiro en empregar o coñecido como Modo 7 de gráficos que conseguían unha efecto tridimensional.

Nº8 – NBA Jam

2 contra 2 na pista e mates estratosféricos. Ese podería ser o resumo nunha frase deste xogo arcade. Cuns gráficos moi bos, uns efectos de son moi ben conseguidos e unha xogabilidade excepcional, non é de estrañar que este xogo arrasara nas máquinas recreativas.

Nº7 – Killer Instinct

Se ben é certo que non foi o título de loitas 1 vs. 1 máis coñecido, o Killer Instinct foi un xogo que estivo a unha grande altura. 10 personaxes a escoller, cunha infinidade de combos de golpes que facía que tiveras que machacar os botóns do teu mando ata que botaba fume.

Nº6 – Top Gear 2

Secuela do exitoso videoxogo Top Gear, esta segunda entrega ampliaba a experiencia de xogo. Un total de 64 circuitos en 16 países diferentes, unha barra de danos, posibilidade de mellorar os coches con pezas mellores e, sobre todo, 6 “Nitros” cos que poñer a fume de carozo o teu coche. Como se di normalmente: “Fé en Dios e ferro a fondo…”.

Nº5 – Legend of Zelda: A link to de past

Un título que creo que non necesita presentación. Considerado por moitos como un dos mellores títulos de Nintendo, é a terceira entrega da exitosa saga da NES, que, coa mellora do hardware que supoñía a Super Nintendo, permitíulles mellorar moitos aspectos do videoxogo como escenarios máis complexos.

Nº4 – International Superstar Soccer Deluxe

Gráficos excelentes para a época que simulaban un efecto tridimensional, moi boa xogabilidade, 36 equipos diferentes e un dos poucos xogos co podían xogar ata 4 xogadores á vez (sempre que tivesemos o “multitap” para pode conectar os 4 mandos).

Nº3 – Super Mario Kart

Un dos xogos de carreiras máis divertidos que teño probado, sobre todo, no modo de 2 xogadores. Ata 8 personaxes a escoller (cada un coas súas vantaxes e desvantaxes) e gran variedade de escenarios e cunha sensación de velocidade moi lograda, grazas ao Modo 7 de gráficos da Super Nintendo. Se naquela época houbese un modo online para varios xogadores, sería un éxito rotundo.

Nº2 – Super Mario World

Para min, o Mario por excelencia. Un mundo enorme con gran cantidade de niveis que había que xogar varias veces para descubrir todos os seus recunchos. Neste xogo apareceu por primeira vez Yoshi, unha das mellores personaxes da saga.

Nº1 – Terranigma

RPG impresionante creado por Enix (grande experta neste xénero coa famosa “Saga do ceo e a Terra” que forman o “Soul blazer” e “Illusion of Time”, xunto co “Terranigma”). Conta cunha argumento incrible e cunha duración importante, que permite desfrutar de moitas horas de diversión.


Como sempre, esta lista é unha opinión persoal dos xogos que eu probei persoalmente. Non dubidedes en comentar e poñer a vosa propia lista dos xogos que máis vos gustaron. Agardámosvos.

Sobre o autor:

@NetOverflow | Ver as entradas publicadas por NetOverflow »

«A miña primeira consola propia foi unha das míticas compatibles coa NES que traían un feixe de xogos dentro. Máis tarde adquirín unha SNES coa que botei moitas horas diante da televisión, ata que me pasei ó mundo do PC, onde descubrin un mundo novo. Actualmente ando entre os xogos de PC e os de XBOX 360, aínda que de cando en cando, conecto a SNES para volver desfrutar cos seus grandes xogos.»

11 Comentarios a “Os 10 mellores xogos da Super Nintendo”

  1. Skaltum di:

    Personalmente non coñezo este Terranigma, aínda que me metiches a curiosidade no corpo, pero moi bo debe ser para superar ao Zelda: A Link to the Past xD.

    Pero o certo é que o tempo que tiven nas miñas mans esta consolas xoguei case en exclusiva ao todopoderoso Super Mario Kart cuns vicios que non tiña traza.

    E contrariando un chisco as túas palabras, para min este Super Mario World é un xogazo, non cabe dúbida, máis para min o Mario por excelencia segue sendo o Super Mario Bros 3, quizais peco de típico ou de previsíbel, pero houbo un antes e un despois nas plataformas despois deste xogo.

  2. Fer Lee di:

    Non é unha mala escolma, mais a min sóbrame o NBA JAM. Era un xogo bastante reguleiro e mecánico. E ademáis, non salían os xogadores bos e as características dos que salían eran tópicos en plan “negros altos que fan mates e brancos baixos que tiran de 3”. Divertíaste a primeira semana e non o volvías tocar. Se triunfou en recreativas probablemente fose porque xogando contra outro xogador, melloraba moito.

  3. Fer Lee di:

    Eu penso que á altura dos que están ahí tamén estaban o Yosi´s Island e mailo Castelvania IV. O primeiro ofrecíanos un título de Mario cunha xogabilidade distinta e moi coidado na estética. O segundo, simplemente era moi divertido… e ainda é, que xoguei fai uns meses e non envelleceu nada mal.

  4. Tanto o Yoshi’s Island como o Castlevania IV non tiven a oportunidade de probalos no seu momento (non por falta de ganas… ), polo que non podo opinar e por iso non os incluín na lista.

    De todos os xeitos gracias polos comentarios e se queres podes compartir con nós a que sería a túa lista persoal.

    Un saúdo. 😉 😉

  5. Paréceme unha lista moi boa, aínda que persoalmente o Top Gear non rematou de convencerme.

    Dos ausentes boto en falta especialmente a Secret of Mana e Super Metroid, pero iso xa é cuestión de gustos. Terranigma é unha gozada, dende logo.

  6. Nero di:

    Eu incluiría o Chrono Trigger, hoxe en día segue sendo uns dos principais referentes dentro do panorama dos J-Rpgs.

Deixar un comentaio a Amorin Uzuki