Os 10 mellores xogos de XBOX 360

Por: Martes, 19 de Xuño de 2012

A partires de agora realizarei un pequeno ránking sobre os dez mellores xogos das consolas desta xeración. Comezarei mencionando os dez mellores xogos da consola de Microsoft, dez xoias que ninguén debería deixar de xogar na Xbox 360.

Pero antes de comezar a enumerar ningún título debo deixar ben claro que isto é unha opinión totalmente persoal, e que cada xogador ten as súas preferenzas, incluso haberá xente que desfrute dos Dinasty Warriors, porque claro está que ten que haber de todo neste mundo.

Dito isto comezarei coa lista de como mínimo imprescindíbeis na consola de Microsoft.

Nº 10 – Bioshock

Aínda que xa leva os seus anos entre nós, debo deixar unha pegada deste xogo que sorprendeu a todo o mundo, non só por un apartado técnico impresionante cando saíu, se non por unha concepción de xogo entre shooter/horror con tintes cinematográficos e un argumento que xa quixeran ter moitos dos filmes que saen ao mercado.

O desenvolvemento era fantástico (aínda que por veces un tanto lento) pero cunha evolución do personaxe que obrigaba ao xogador a seguir xogando, e seguir xogando, etc.

Mención especial para o deseño da auga, sobre todo nos primeiros minutos de xogo, mentres o cerebro non se acostuma a tal despliegue técnico.

Nº 9 – Bayonetta

A aventura de Platinum Games máis desenfadada e tola que sacaron. Unha especie de Dante (Devil May Cry) pero en versión feminina nun videoxogo que se ri de absolutamente todo (eu creo que até do xogador por momentos) pero na que prima unha cousa ante todo, unha inmellorábel diversión.

Se es dos que desfrutaches con DMC, estás ante un xogo totalmente obrigado xa que o seu desenvolvemento bebe directamente del. Mestura perfecta entre catana e pistolas, entre misións verdadeiramente espectaculares con outras máis serias e cun argumento “demoníaco”.

Como xa dixen, un xogo que se ri de todo. A qué me refiero con isto?. A historia non é que estea ben contada, hai momentos que parecen sacados de mentes “mentalmente” estancadas, transformacións plaxio, etc, etc. Pero xustamente este aspecto é o que ofrece esa carisma ao videoxogo. Diversión en estado puro.

Nº 8 – Resident Evil 5

Non podo deixar de mencionar esta quinta entrega na que volve repetir xogabilidade da cuarta parte que tan bo resultado colleitou. Volvemos controlar ao noso personaxe en terceira persoa e volvemos a superar os maiores e espectaculares retos.

Non comentarei o seu aspecto gráfico, porque de todos é sabido que está a un gran nivel, pero si quero resaltar o seu cooperativo a pantalla partida de toda a aventura que resulta do máis adictivo.

Disparos, infectados, puzles, cooperativo, espectáculo, dificultade perfecta… si, penso que se merece estar neste ránking.

Nº 7 – Fallout 3

Estamos ante a xeración dos shooter, pero tamén sairon bos xogos de rol, e para min, o mellor, Fallout 3, incluso por enriba dos The Elder Scroll (que non aturo a súa xogabilidade).

Desta maneira Fallout sumérxenos nun mundo post apocalíptico que deberemos atravesar até o seu final, ou finais, porque dependendo dos nosos actos obteremos un final diferente, até seis penso recordar.

Resaltar as súas batallas, nas que poderemos seleccionar a parte do corpo que queremos disparar do noso inimigo para conseguir máis tempo, asustalo, deixalo sen armadura, matalo, etc.

Unha inmensa aventura con centos de retos que fará as delicias dos amantes do xénero.

Nº 6 – Portal 2

Cun xogo algo máis actual chegamos á sexta posición, unha continuación do xenial Portal na que nos propoñen unha aventura diferente a todo o visto. Espertamos nunhas instalacións das que deberemos saír coa única axuda da nosa arma, unha arma que nos permite crear portais (normal) a través das paredes.

Disparamos dúas veces, abriranse dous portais, por un entramos e por outro saimos, pronto descubriredes que estades ante algo grande, cunha serie de puzles e retos (algúns dos cales bastante complexos) pero que enganchan de forma enfermiza.

O apartado técnico ofrece un estilo minimalista ao mesmo tempo que sólido que non desempaña este xenial título.

Nº 5 – Guitar Hero 3

Sinto, este é o mellor xogo de música de todos os tempos, e listo.

Sei que os Guitar Hero comezaron a decaer de forma drástica até a súa extinción, pero esta terceira parte é o que todos queriamos ver.
A dificultade perfecta e a selección de cancións é sinxelamente unha xenialidade.

A distribución de notas facíanos sentir verdadeiros guitarristas e como dixen, cunha dificultade non apta para novatos (na súa dificultade maior, claro está).

Un chute de adrenalina en forma de Guitar Hero. Diversión sen complicacións, diversión a esgalla.

Nº 4 – Dead Space

Un survival horror espectacular na que nos poñen na pel dun mecánico que deberá sobrevivir a unha nave espacial chea de necromorfos (monstros, para non complicarnos a vida).

Unha ambientación sen dúbida espectacular, uns gráficos impresionantes e un son que até un simple chispazo nos facía sentir o medo no corpo. Ademáis coa característica que aos necromorfos debemos disparar ás súas extremidades para acabar con eles.

Unha aventura chea de tensión e diversión. Obrigatoria para todos os amantes do medo e dos bos xogos.

Nº 3 – Mass Effect

Outra xoia que sorprendeu a todo o panorama do videoxogo. Bioware brindounos este diamante na que nos sumerxía nun mundo cheo de seres fantásticos, planetas que explorar e historias paralelas para redondear un xogo xa de por si espectacular.

Así, estamos ante un xogo de rol de acción no que deberemos avanzar falando coas persoas que nos darán pistas e misións que resolver.

Momentos verdadeiramente épicos e inolvidábeis.

Como xa é costume, nas conversacións poderemos decidir a nosa resposta o que influirá na nosa aventura e todo isto rodeado por un apartado gráfico que te deixará sen alento.

Só unha palabra: Imprescindíbel.

Nº 2 – CoD: Modern Warfare

Non podía faltar, porque dende este título os Call of Duty non foron os mesmos. Cansos de ver os mesmos métodos en canto a plantexamento, chega Infinity Ward e déixanos a todos boquiabertos e sen saber que facer ante este Modern Warfare.

O primeiro en saber innovar nun xénero xa máis que trillado, o primeiro que se arriscou ante o mundo, o primeiro en crear unha auténtica xoia con todas as letras.

Espectáculo cinematográfico, escenas impresionantes, gráficos de infarto, desenvolvemento frenético, cústame dicir algo malo sobre este título e máis para un amante dos FPS coma min.

Nº 1 – Saga Gears of War

Para terminar vouno facer cos tres títulos de Gears of War (o meu cerebro non se pode centrar nun só). Alá polo 2006 na xoven Xbox 360 aterrou un título que non deixou a ninguén indiferente.

O seu plantexamento escuro,o seu curioso aspecto técnico con personaxes hormonados pero cuns gráficos que ninguén pensou que unha consola os podería mover convirtiu a Gears of War nun auténtico vendeconsolas, e sin esaxerar absolutamente nada.

Dous anos despois aterrou a segunda entrega na que superaba todo o anterior, inimigos máis grandes, misións máis espectaculares, xiros no argumento, sentimentos ocultos, tensión, máis, máis, máis…

Para moitos o mellor da saga e pode que concorde con esta opinión.
Fai nada pecharon a triloxía de Marcus cun xogo á altura da saga, pero que non conseguiu superar a segunda entrega, algo comprensíbel, pero que nun soño ocorría.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

2 Comentarios a “Os 10 mellores xogos de XBOX 360”

  1. Dacordo con algúns, con outros, non tanto. Cada un ten a súa propia lista.

    Na miña opinión, eu incluiría:
    * The darkness: simplemente, xogazo. Moi infravalorado, na miña opinión.
    * Army of Two: certo, moi curto e gráficamente tampouco era o mellor, pero entretidísimo para xogar en cooperativo cun amigo. De feito, é moito mellor xogalo así, porque un só, perde.
    * Brütal Legend: sei que non é o mellor xogo da historia, pero, que queredes que vos diga, eu teñolle un cariño especial, sobre todo pola gran banda sonora que ten… jejeje
    * Saga Assasin’s Creed: moi repetitivo, sobre todo o primeiro, pero cunha gran ambientación e historia moi depurada.
    * Fable 2: non está á altura da primeira parte, pero mesmo así, está moi ben. A terceira parte xa non é o mesmo, e a cuarta non pinta mellor…

    En canto ós que ti pos:
    * Fallout: eu incluiría tamén o New Vegas, que se ben, non é tan bo como o 3 e ten un feixe de bugs, tamén merece a pena xogalo, como a maioría de entregas da saga Fallout.
    * Mass Effect: a segunda entrega tamén. A terceira non podo opinar porque aínda non a xoguei, así que non me digades nada dela!!! xD
    * Gears of War: Para min a mellor entrega foi sen dúbida a primeira, que se ben gráficamente era inferior, o apartado multixogador das seguintes entregas deixa moito que desexar, sobre todo cando xogas con “guiris”.

    Un saúdo. 😉 😉

  2. carlos di:

    mmmmm pra min o mellor xogo da xbox é o bioshock, os gears of war dende logo son grandes xogos pero pra min o bioshock tanto a nivel da historia coma por graficos e xogabilidade pareceme o mellor xogo da consola….

    pd: o halo 3 como diria andres montes é un “jugónnnnnnn” 🙂

Deixar un comentaio a NetOverflow