Ser uns pequenos estudos polacos nestes tempos nos que as grandes compañías fagocitaron todo o que cheirase a estudo independente conleva os seus problemas.

Comezo con esa reflexión porque en maio do ano pasado xa me preguntara como era posíbel que unha obra de tal calidade non merecese mais atención dos medios especializados, os mesmos que nos bombardean con calquera mediocridade tópica saída das aburridas mentes dos desenroladores apadriñados polos grandes estudos.

Como pasei a miña idade universitaria facendo o indio en lugar de estudar socioloxía non vou buscar os posíbeis motivos do pouco eco que ten a xenial saga do bruxo nas preferencias do público, senón no mais evidente factor do pouco apoio publicitario.

Con isto deixo claro de principio que considero a saga de Geralt de Rivia no seu presente a través do videoxogo coma un dos episodios mais infravalorados da presente xeración.

Pero entremos en materia; para facer unha análise dunha secuela pasa igual que cando espertamos despois dunha boa borracheira; antes de nada necesitamos contexto.

Non hai moito, nos tempos nos que Bioware eran uns estudos independentes que facían os mellores xogos do seu tempo, CDPROJEKT adicábanse a distribuír polos seus eslavos dominios as hoxe míticas obras do estudo canadense. Así foi até que en 2007 desenrolaron o seu primeiro xogo propio co motor gráfico aurora, creado polos seus “socios” de Bioware. O tema escollido foi todo un símbolo nacional polaco, nada menos que o universo literario creado por Andrzej Sapkowski en torno á figura do bruxo Geralt de Rivia, que se concretara en cinco novelas e dous libros de relatos. O xogo orixinal continuaba a historia alí onde o escritor a aparcara, dando vida ao carismático mundo do bruxo mantendo o seu ton escuro e adulto. O seu resultado foi un dos mellores e mais infravalorados xogos de 2007.

Anos mais tarde, con Bioware convertida nunha división de EA e CDPROJEKT satisfeita polo modesto pero considerábel éxito da súa primeira creación, os polacos lanzábanse a unha secuela que remataría superando tódalas expectativas. Cun novo motor gráfico, crearon con “The Witcher 2” para PC un dos xogos mais bonitos e tecnicamente exquisitos do noso tempo.

Á marxe da lenda do modo “hiperrealidade”, (que require un computador capaz de mandar un queixo de Arzúa a orbitar Marte), a configuración básica do xogo ofrece xa un aspecto dunha beleza formidábel; as luces e cores locen en The Witcher 2 dun xeito case inédito, hipnotizando ao espectador mais esixente. Pero foi moito mais o que nos ofreceu CDPROJEKT en maio do pasado ano coa versión orixinal do xogo.

O ton escuro, a ambigüidade moral, os diálogos crus e a grande complexidade da trama coñecían unha nova volta de folla coa segunda aventura de Geralt nos videoxogos… ademais das consabidas escenas de sexo, que si, son as mais explícitas vistas no medio, o cal non quere dicer que se acheguen á pornografía, ou tan sequera á ración de carne que nos ofrecería unha serie da HBO calquera.

Neste tema, aparentemente a medio camiño entre anecdótico e o divertido, hai un factor importante que algúns analistas sinalaron no seu momento con acerto. CDPROJEKT, tratándonos coma adultos tamén neste aspecto, deixa en evidencia o pouco que ten avanzado a industria do videoxogo no que a madurez temática se refire. En contraposición aos importantes avances técnicos, o mundo do videoxogo segue ancorado nun medo ao corpo e á sexualidade digno do Hollywood do technicolor, como segue a considerar “trama adulta” case sinónimo de “baño de sangue”, en lugar de “complexidade narrativa”, por exemplo.

Saltarse estes complexos instaurados na industria, que evidencian lagoas importantes no seu proceso de maduración, son un grande punto a favor para xogos coma The Witcher 2 (ou o brillante “Heavy Rain” de Quantic Dream), que teñen a deferencia de tomar en conta o estar catalogados para maiores de 18 anos, e tratarnos, en consecuencia, coma adultos, (facendo que esas escenas “de sexo” en roupa interior de Bioware se vexan antinaturais e puerís… alguén ten sexo a medio vestir?, ou é que os programadores de Bioware non teñen sexo?…. iso explicaría moitas cousas).

Pero en fin, volvendo a aspectos menos tórridos, todo o mundo pareceu estar de acordo en que The Witcher 2 eran un dos mellores RPG de 2011, e aínda que a publicidade e o eco mediático non acompañasen, as críticas e a acollida do público foron polo xeral mais que boas.

O que hoxe nos chega é unha edición estendida da obra orixinal que constitúe a primeira incursión de CDPROJEKT no mundo das consolas. Una conversión que a moitos parecíanos mais que difícil despois de ver correr o xogo en PC.

Dous aspectos parecían fundamentalmente problemáticos; os gráficos e o control.

O que o hardware de Xbox é capaz de manexar mantense, coma agardábamos, bastante lonxe do visto en PC, tanto que para aqueles que temos o xogo sempre fresco na memoria, a comparación podería equivaler a unha foto en color e unha en branco e negro. A impactante calidade dos gráficos orixinais vese moi afectada pola conversión, o que resta parte desa “vida” que tiñan os bosques e vilas que tanto impactaran aos que tiveran a sorte de probalo. Con isto non debe entenderse que o xogo ten malos gráficos segundo o estándar das consolas de sobremesa; de feito, “The Witcher 2” convértese igualmente nun dos RPG mais fermosos que se podan xogar na máquina de Microsoft, unha máquina cun hardware, recordémolo, cada vez mais distante ao dun PC actualizado.

Pero non imos responsabilizar totalmente a Xbox da perda de calidade; hai que notar que o estudo polaco paga en parte a novatada e non sabe optimizar ao máximo o potencial da consola, deixando ademais no camiño algúns molestos bugs, case inexistentes no xogo orixinal e aquí relativamente frecuentes (que ninguén se alarme, nin de lonxe tanto coma en Skyrim).

O outro aspecto difícil, o complexo control do xogo orixinal, si é resolto case á perfección, conseguindo que o mando de Xbox ofreza a grande cantidade de opcións da versión PC cunha naturalidade e comodidade á que o xogador non tarda en afacerse.

A xogabilidade benefíciase moito, ao punto en que xogalo é mais doado e instintivo que outros títulos de moita menor complexidade en canto a opcións.

Superados con maior ou menor éxito estes problemas, CDPROJEKT achéganos o mesmo título coas mesmas innumerábeis virtudes do orixinal, pero con algunhas horas e contidos extra, novas misións, e mesmo algúns retoques que aumentan a credibilidade e dramatismo de algunhas pasaxes, algo especialmente notábel no terceiro e último escenario.

No que para min se traduce isto é, (e sei que é moito dicer), no xogo con mellor narrativa do noso tempo, estendido e mellorado no que á trama se refire.

Non quero finalizar esta análise sen unha mención ao son, que no orixinal era simplemente perfecto, dun realismo impactante que chegaba até o piar dos paxaros ou o canto dos grilos no bosque ao rumor da vida nas Vilas, apoiando moi solidamente a calidade global. Nesta conversión o son vese algo afectado, vibrando nalgúns momentos, sufrindo pequenos desaxustes, e perdendo parte da súa impresionante definición. Por sorte, segue dando o mesmo pracer escoitar a marabillosa banda sonora, incluída ademais nun CD na coidadísima edición normal do xogo.

En resumo; a pesar de ser técnicamente inferior á versión de PC, benefíciase de novos e interesantes contidos. Meterse na pel de Geralt de Rivia, conducilo por unha complexa trama de rexicidios, tensións políticas, caza de monstros (non necesariamente políticos), amores e paixóns, odios raciais e loitas xustas ou inxustas segundo o noso punto de vista, é un pracer con poucas equivalencias para aqueles que, coma min, amen o RPG occidental de toques mais escuros e adultos.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    9
  • SON:
    9.5
  • XOGABILIDADE:
    9.8
  • DIVERSIÓN:
    10
  • NARRATIVA:
    10

  • FINAL:
    9.7
NOTAS DOS USUARIOS

Ningún usuario opinou aínda sobre este videoxogo.

Podes ser o primeiro en facelo.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Moucho Branco | Ver as entradas publicadas por Moucho Branco »

«Houbo dous comezos entre os videoxogos e mais eu. O primeiro remóntase a mediados-finais dos 80 e a un Amstrad, un monitor monocromo, e unhas cintas que tardaban o tempo xusto en cargar os xogos para facer a modiño un bocadillo de nocilla. Eran os tempos das quests deseperadas por moedas de 5 pesos co fin de rebentar algún arcade. Logo chegou a NES e a primeira era das consolas, que deixaría momentos gloriosos nos 8 e 16 bits. O segundo comezo foi coa era das tres dimensións e a chegada ás casas dos 32 bits. Foi entón cando comprendín que ao madurar non esquecería os videoxogos, senón que terían o bonito detalle de madurar comigo. E até hoxe seguimos madurando xuntos, (van gañando eles).»

Deixar un comentario