Análise de Silent Hill: Downpour

Por: Sábado, 7 de Abril de 2012

Non corren bos tempos para a saga de terror psicolóxico máis famosa de todos os tempos, non corren bos tempos para Silent Hill e lonxe quedan aqueles títulos sorprendentes que nos sumerxían de cheo nunha atmosfera perturbadora.

Pero co afán de seguir explotando a saga e a paciencia dos máis incondicionais atopámonos con Downpour un xogo moi frouxiño en todos os seus aspectos.

HISTORIA

O argumento responde ás pautas clásicas da saga, é dicir, un personaxe, neste caso un presidiario acaba por motivos casuais nunha vila coa néboa máis espesa que se recorda, remata en Silent Hill.
Despois duns minutos o noso protagonista percátase que non é unha vila calquera e que acontecen cousas moi extrañas, non só porque está deserta, senón porque escoita berros, movementos inusuais, visións rocambolescas e todo unha serie de situacións paranaromais que rematan na aparición de seres malignos que pretenderán acabar coa nosa vida.

Deste xeito Murphy, que así se chama o protagonista intentará escapar por todos os medios dese pesadelo en forma de vila visitando zonas tan “divertidas” como un antigo cine, túneles subterráneos, un hospital, unha cárcere…

XOGABILIDADE

Pero como se move o protagonista?, que habilidades ten?, pois ben, o control de investigación de escenarios tamén é típico da saga, con paso lento (incluso cando corre) avanzaremos por escuros escenarios recollendo calquera ítem que nos poida axudar no noso propósito, como lanterna, obxectos para defendernos, medicamentos para restablecer parte da nosa saúde, etc, pero o peor de todo é cando nos toca defendernos e atacar aos inimigos que nos xorden ao noso paso.

Os combates son os máis insulsos que poidades imaxinar limitándonos simlemente a premer o botón de ataque varias veces até que o inimigo se cubra e despois realizar a inversa, nós cubrímonos até que o inimigo pare e así son absolutamente todas as loitas de Downpour, sin excepción. Pero non só isto, senón que os inimigos son bastante resistentes aos nosos ataques polo que quedaredes aburridos de facer sempre o mesmo. O mellor? Pois que o número de inimigos é moi limitado e case sempre nos atacarán de forma individual e cando o fagan varios sempre haberá un camino preestablecido para fuxir.

O emprego da luz tampouco axuda, xa que se levamos a lanterna n aman non podemos levar ninguna arma, non podería levar unha cousa en cada man? Pois parece que non, polo tanto se queremos ir armados a lanterna colgará do noso cinto e as veces a luz non apunta precisamente para onde nós queremos.

DESENVOLVEMENTO

Co mencionado anteriormente xa vos podedes facer unha idea básica de como se desenvolve esta nova entrega de Silent Hill. Moverémonos por tétricos escenarios buscando ítems para resolver os SINXELOS puzles que nos encontramos ao noso paso (remarco sinxelos porque é algo que se perdeu nesta saga, o fantástico nivel de dificultade dos seus crebacabezas) e golpeando aos inimigos que nos encontremos ou ben fuxindo (esta última opción será escollida por moitos polo aburridos que resultan os combates). Pero non hai nada diferente ao dito? Si, quédame un detalle do título, xa que de vez en cando adentrarémonos no mundo das tebras ou da escuridade, un mundo paralelo aínda máis terrorífico, pero, sorpresaaa, aquí o único que teremos que facer é escapar dunha especie de buraco negro que nos persigue por escenarios prelimitados. Só escapar.Só correr. Si, moi divertido (nótese a ironía).

De volta na vila teremos algunha misión secundaria que moitos pasaredes por alto só para non ter que pelexar cos inimigos e investigar o metro que nos axudará a desprazarnos máis rapidamente polo escenario.

Tamén é salientábel que o número de inimigos diferentes é limitadísimo, de feito no 90% do xogo só veredes a dous tipos de monstros diferentes e xa máis cara o final aparecerán un par deles máis, un número que roza a ridiculez e que lle resta emoción a un título que debería estar mellor plantexado.

APARTADO TÉCNICO

Os que sexades seguidores de Silent Hill saberedes que a banda sonora era un factor clave e que nos axudaba a meternos nesta atmosfera tan agobiante, pois ben, nótase que non é o mesmo compositor que os primeiro capítulos porque a calidade sonora mingua a pasos de xigante de feito os únicos momentos que nos poñeremos algo tensos serán nos que a escuridade invada toda a pantalla e o son nos sobresalte, pero é un recurso extremadamente sinxelo de realizar, nada como a tensión continua dos primeiros capítulos que che deixaban un mal corpo até despois de xogar.

Graficamente tampouco está á altura do esperado, nin en efectos de iluminación, nin en texturas, é máis, en partes do xogo existen relantizacións e popping que incomoda bastante a xogabilidade e que demostra que Silent Hill: Downpour debería estar no forno uns mesiños máis para paliar estes erros.

CONCLUSIÓN

As oito horas aproximadamente que dura este novo Silent Hill non consegue trasmitirnos o agobio e a perturbación como era característico nun inicio e a diminución da dificultade dos puzles (cada vez peores) xunto a un apartado técnico que non chega nin a notable fai de Downpour un xogo só apto para os máis acérrimos seguidores da saga. Un xogo aburrido.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    5.7
  • SON:
    5.8
  • XOGABILIDADE:
    6.4
  • DIVERSIÓN:
    5.3
  • DURACION:
    7

  • FINAL:
    6
NOTAS DOS USUARIOS

Ningún usuario opinou aínda sobre este videoxogo.

Podes ser o primeiro en facelo.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario