Análise de Uncharted: O Abismo de Ouro

Por: Martes, 20 de Marzo de 2012

Que xogo podemos estrear coa PS Vita para demostrar ao mundo do que é capaz de mover a nosa máquina? , Si, Uncharted é unha boa opción.
Isto debeu ser o que pensaron os de Sony con moi bo ollo, porque dende logo o resultado supoño que foi o que eles querían dende un momento, manter ao xogador agarrado á PS Vita facéndose a seguinte pregunta unha e outra vez, será posíbel que unha portábel poida mover estes gráficos?

Porque dende logo Uncharted: O abismo do ouro non só nace como unha nova entrega de Uncharted (agora non se pode dicir iso de “entrega menor”) senon que serve como exemplo do que pode ser capaz esta consola, e sen dúbida é un alarde da potencia que ten a nova portábel de Sony.

Pero vaiamos parte por partes.

HISTORIA

Sen dúbida no único que non sorprede ao xogador, porque a estas alturas creo que todos sabemos de maior ou menos medida co que nos imos atopar. Unha vez máis o noso arqueólogo/aventureiro Nathan Drake vese inmerso nunha aventura na que todos queren acabar con el mentres busca a antiga cidade de ouro. Deste xeito o noso protagonista enfrontarase a todo un exército e mercenarios con dedo sensíbel para o disparo que teñen a única misión de acabar con nós, pero como é habitual nas aventuras de Uncharted contaremos coa axuda dunha muller atractiva (que raro verdade?) e incluso de persoaxes coñecidos por os habituais da saga.

Como xa dixen, é o apartado que menos sorprende porque básicamente repite estrutura co resto de títulos anteriores e incluso os pequenos xiros que acontecen no argumento son bastante previsíbeis para o xogador restándolle emoción aos acontecementos.

Por sorte, a propia historia lévanos por bastantes escenarios diferentes (dende enormes paisaxes paradisíacos até as catacumbas máis escuras) o que nos fai gozar dunhas vistas que como xa dixen na introducción, nunca pensastes ver nunha portábel.

XOGABILIDADE

Aquí comezan as innovacións da nova consola, porque por primeira vez, por fin despois de tantas peticións, podemos controlar un título portábel con dous sticks e o resultado é de agradecer. Por fin temos entre os nosos dedos o control dunha consola de sobremesa (sen envexarlle nada) e o movemento da cámara é tan fluído como todos desexabamos o que facilita moitísimo pequenas misións de infiltración, saltos dubidosos,etc. Deste xeito, se xogastes a calquera dos Uncharted da PS3 pódovos asegurar que o movemento é idéntico.

E aquí veñen os peros, xa que como xa dixen penso que Uncharted naceu como exemplo do que pode dar de si a PS Vita e polo tanto quixeron empregar todo o que lles ofrece esta consola de aquí que nos den varias opción de manexo, o de toda a vida (dobre stick) ou o táctil en determinadas zonas. Así, nas escaladas podemos facelo como o fixemos sempre ou ir dándolle co dediño onde queremos que se agarre Drake, o que resulta bastante engorroso e incómodo. Dubido moito que alguén empregase este método.

Pero non se limitaron a isto, senon que tamén teremos que frotar a pantalla para marcar varios documentos, resolver varios puzles movendo as pezas coa pantalla táctil… que a fin e ao cabo son detalles que non ofrecen nada que non tiñamos visto xa na DS.
Outros dos controis que quedan a un segundo plano é a pantalla táctil traseira que empregaremos para voltear obxectos e observalos, mais o certo é que non responde tan ben como debería e pronto nos veremos movendo o dedo sen moito sentido a verdade. O bo é que son minixogos de segundos e non inflúen apenas no desenvolvemento do xogo, pero que deberían ter mellorado ou como mínimo, ser minixogos máis divertidos e non limitarse a darlle voltas a un obxecto.

Pero conforme critico estes aspectos (que por sorte non inflúen nada na xogabilidade xeral), teño que poñerme a favor do uso da cámara, xa que Drake poderá fotografiar calquera detalle que lle guste e nas misión secundarias teremos que sacarlle fotos a unha serie de situación que deberemos buscar por todo o escenario o que lle da unha maior rexogabilidade a unha saga que por moi espectacular que fose, non chamaba para volvelo xogar, polo menos até pasado un bo tempo.

Polo demáis todo sigue igual que os seus irmáns de sobremesa, saltos que se realizan sen maior dificultade, disparos que por fin se fan de maneira doada grazas ao segundo stick e por primeira vez introduciron unha especie de QTE que se realizan desprazando o dedo pola pantalla na dirección que se indique na propia o que resulta unha maneira doada e espectacular de facer diversas acción.

GRÁFICOS

Aquí é onde máis destaca esta nova entrega de Uncharted, porque verdadeiramente entra polos ollos dende o primeiro segundo. Ademáis os seus creadores foron intelixentes e realizaron un videoxogo preciosista, xa que a inmensa maioría do xogo pasámola na selva, con efectos de luz e auga impresionantes, enormes vistas que sorprenden a calquera e todo cun colorido que até que vos acostumedes ao impacto gráfico estaredes un tempo desfrutando de tal espectáculo visual para unha portábel.

A verdadeira pregunta é, está á altura da PS3?, pois honestamente debo dicir que se non chega ao mesmo nivel, acada un nivel moi próximo e o que non teño dúbida ninguna é que este xogo vese moito mellor que moitos dos títulos que sairon para a PS3, porque ese é outro tema, a calidade que lle queiran dar os seus desenvolvedores.
E o certo é que non se me ocorre que dicir máis sobre este apartado, simplemente que é sublime con animacións máis que notables (é certo que en momentos puntuais existen pequenos dentes de serra pero que non influen nada), escenarios cunha recreación excepcional, efectos de luz impactantes, etc, etc.

Xa vos digo eu que sorprende, porque nunca se veu tal nunha portábel.

DURACION

Volvemos ter exactamente o mesmo que os xogos irmáns, é dicir, un título que dura unas sete horas nunha historia que está dividida en trinta e un capítulos pero que desfrutaredes ao máximo.
E para máis, temos misión secundarias como sacar todas as fotos que se nos mandan, recolectar todas as xemas e obxectos perdidos ao longo da historia e por suposto dous niveis máis de dificultade que nos farán andar con moito máis coidado pola selva, porque aos mínimos disparos que recibamos acabaremos no chan mortos.

DIVERSIÓN

Uncharted: O abismo de ouro é tan divertido como os tres títulos anteriores, iso si, nótase que non está da man de Naugthy Dog xa que se reduciron as situación límites que caracterizaron á saga.
De todos os xeitos consegue manternos pegados durante absolutamente toda a aventura agarrado á PS Vita e iso para unha portábel xa é moito, pero como xa dixen, se todos os xogos traen esta calidade temos que deixar de dicir iso de “xogos menores”, porque este novo Uncharted mantén a saga onde se merece, a unha altura moi alta.
Pero como sempre pasa volve a caer nos mesmo erros, como demasiada monotonía nas escaladas e sobre todo unha dificultade moi doada o que fai que se pase o título bastante rápido.

Mais que terán os Uncharted que enganchan desta maneira, que nos fan desfrutar en cada salto, que sabemos que a ponte que estamos a piques de pasar se vai a derrubar e estamos desexando que pase e que unha vez máis teremos que atopar un gran tesouro pasado seguindo pistas que atopamos.

Por suposto todo está nos gustos dos xogadores, pero Uncharted non debería aburrir a ninguén.

CONCLUSIÓN

Quizáis me excedín un chisco nesta análise pero o primeiro xogo que probei da PS Vita quería deixarvos ben claras as miñas ideas ao respecto e non podían ser mellores. Son consciente de que ten erros que debería ter solucionado, para na maioría destes erros tamén foron cometidos pola saga que a precede, mais volvemos a ter un xogo moi divertido que non debedes deixar pasar se tedes esta nova consola de Sony.

Espectáculo visual e diversión garantizada.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    9.6
  • SON:
    8.8
  • XOGABILIDADE:
    8.8
  • DIVERSIÓN:
    9.3
  • DURACION:
    8.5

  • FINAL:
    9
NOTAS DOS USUARIOS

Ningún usuario opinou aínda sobre este videoxogo.

Podes ser o primeiro en facelo.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario