“Agora definiremos o que é a boa ciencia ficción. A desfiguración conceptual (a idea nova, en outras palabras) debe ser autenticamente nova, ou unha nova variación sobre outra anterior, e ten que estimular o intelecto do lector; ten que invadir a súa mente e abrila á posibilidade de algo que até entón non imaxinara”
Philip K Dick

Boa ciencia ficción; que difícil de definir!. Até o mestre Philip K Dick expresouno en verbas ambiguas e pouco concretas.

Non existe, é certo, un esquema métrico para valorar a calidade das cosmoloxías que nos chegaron a través de diferentes medios (cine ou literatura, fundamentalmente) durante as últimas décadas –ou séculos-; aínda por mais que os vacilantes canons culturais de cada momento intentasen poñelas sobre unha gráfica cualitativa inmutábel que obviamente non fixo outra cousa que moverse.

Non podemos, e para min é obvio, definir grados cualitativos globais e universalmente aceptados da calidade de cada unha destas obras, pero si podemos, coma ben sinalaba o señor Dick, recoñecer a existencia de algo como é “a boa ciencia ficción”. Mais en que se concreta iso?.

Permitídeme que tome ar para lanzarme ás carreiras…

Para min sería (por exemplo) unha historia co epicismo e dimensións de Star Wars pero incorporando a coherencia científica da que a fantasía de George Lucas prescinde por completo (caendo mais na fantasía que na CF) e que de paso teña un toque ao “The War of the Worlds” (porque si, porque me gusta); unha historia que nos achegue á inmensidade e diversidade do espazo a través de centenares de planetas cunha descrición física consistente baseada na súa posición nos sistemas solares, a súa masa ou a súa composición química, na que se explicase porque algúns son inhabitábeis e no caso dos habitados a súa historia e socioloxía; unha historia na que se tivese en conta tanto a improbabilidade da vida intelixente como o xeito en que a posibilita a estatística nas dimensións galácticas; unha historia que describa unha complexa e riquísima cosmoloxía que tomase coma referencia un futuro posíbel na que o encontro con outras formas de vida estivese baseado en todo o que puido acontecer na galaxia antes de que os mamíferos deran os seus primeiros pasos na terra.

Unha historia (dicía) na que non so o espazo, senón o tempo, fora un factor impactante; unha historia na que fósemos ameazados pola sobrecolledora creación de algunha especie orgánica extinguida moitos millóns de anos atrás e da que nunca poderemos escoitar un motivo, unha razón; unha historia na que a posibilidade das viaxes interestelares tivese unha explicación mais satisfactoria que as velocidades MRL (superiores á luz) por si solas; unha historia na que puidese ser unha muller a grande heroína central e a que desenrolase o papel de líder; unha historia na que as relacións emocionais e sexuais entre sexos e especies formase parte natural do universo descrito; unha historia con personaxes e lugares tan carismáticos que aínda que nos poña ante acontecementos épicos e dramáticos nos apeteza perdernos no seu costumismo e rutinas; unha historia na que os diferentes protagonistas nos transmitan unha historia, personalidade e sentimentos propios que nos faga odialos ou aprecialos; unha historia na que ademais non nos limitemos a ser espectadores, senón que podamos modelala coas nosas decisións e determinar consciente ou inconscientemente o destino dos seus protagonistas e do universo no que se desenvolven…

Para min esa historia xa existe; orixinal, inédita, vangardista. Pero cóntasenos nun medio aínda non aceptado completamente polo canon do noso tempo (o videoxogo), como noutro tempo outro canon non aceptou o seu xénero (a ciencia-ficción).

Para aqueles e aquelas que concedemos ao videoxogo a mesma ou maior transcendencia que a calquera outro medio para contar historias, o pracer da boa ciencia ficción coma non poderá ser vivida a través de ningunha outra canle agarda nesta mesma folla do almanaque.

Parabéns a aquel@s que saiban desfrutalo.

Sobre o autor:

@Moucho Branco | Ver as entradas publicadas por Moucho Branco »

«Houbo dous comezos entre os videoxogos e mais eu. O primeiro remóntase a mediados-finais dos 80 e a un Amstrad, un monitor monocromo, e unhas cintas que tardaban o tempo xusto en cargar os xogos para facer a modiño un bocadillo de nocilla. Eran os tempos das quests deseperadas por moedas de 5 pesos co fin de rebentar algún arcade. Logo chegou a NES e a primeira era das consolas, que deixaría momentos gloriosos nos 8 e 16 bits. O segundo comezo foi coa era das tres dimensións e a chegada ás casas dos 32 bits. Foi entón cando comprendín que ao madurar non esquecería os videoxogos, senón que terían o bonito detalle de madurar comigo. E até hoxe seguimos madurando xuntos, (van gañando eles).»

2 Comentarios a “Mass Effect como aportación do medio (do videoxogo) ao medio (da ciencia-ficción).”

  1. Skaltum di:

    Non podemos dicir que existan moitos xogos onde recaia tanto o peso do argumento, pero Mass Effect é un claro exemplo disto. Certifico cada unha das túas palabras, porque é difícil explicar o que sentín a primeira vez que xoguei o Mass Effect, á primeira parte, o inicio dunha saga que pasará á historia.

    O enorme número de planetas que podiamos explorar (á marxe da historia principal) contaban coa súa propia historia (lóxica dentro do mundo Mass Effect), coas súas especias esquecidas, as súas rochas características, atmosferas… o cal demostra o cariño e traballo que puxeron Bioware nesta saga.

    E que dicir da historia principal, unha historia impactante, un grupo de personaxes caracterizados polas súas propias ideoloxías, variacións no argumento, sorpresas… e todo isto só referíndome á parte narrativa do xogo.

    Como xa dixen marcará época e como ben dis, xa vai sendo hora de que a sociedade recoñeza os videoxogos como medio para narrar historias.

  2. Moucho Branco di:

    Para min o principal reto evolutivo que afrontaba o videoxogo dende sempre foi o da narrativa. Poñer ao servizo da bendita aportación da interactividade historias verdadeiramente satisfactorias.
    Ese é o terreo onde algúns medraron; outros apostaron… que sei eu, por utilizar de mando un calabacín.
    En todo caso os que tivemos o pracer de desfrutar de ME dende as súas orixes e temos un mínimo coñecemento da ciencia ficción coma xénero, sabemos que cualitativamente sitúase na vangarda da ciencia ficción contemporánea… outra cousa é o do valor que lle de ao medio do videoxogo o canon cultural do noso tempo, pero ao final un canon cultural temporal non é mais que un prexuízo cultural conservador que segue rexeitando aquelo que é novo ou aquelo que non comprende… sobre isto teño por aí un artigo sen finalizar. A ver se nunha destas o remato e o colgo, pode ser un tema interesante.

Deixar un comentario