Análise Star Wars; The Old Republic

Por: Domingo, 12 de Febreiro de 2012

Co retraso lóxico que esixe a análise dunha obra destas características, achégovos as impresións colectadas ao longo dun alto número de horas de xogo no inmenso mundo virtual que lanzou á rede Bioware. Pero antes de nada metámonos en materia.

No 2003, durante o apoxeo da anterior xeración, lanzouse ao mercado “Knights of the old republic”, un RPG desenrolado por Bioware coa licenza de George Lucas que se convertería nun dos mais xeitosos e exitosos da época. Dous anos mais tarde coñecería unha secuela xa desenrolada por Obsidian ao estar Bioware centrada en proxectos propios coma “Jade Empire”.

A pesar das esperanzas e desexos dos numerosos fans de “Knights of the old republic” nunca chegou a haber unha terceira entrega. Nos albores desta xeración moitos rumores apuntaron a un novo entendemento entre Lucasarts e Bioware, pero xa fose porque Bioware non conseguiu a licenza, ou porque de feito apostaban de antes pola creación dun universo de ciencia ficción propio, no lugar dun KOTOR 3 veríamos nacer a saga Mass Effect, que se convertería á súa vez nun mito do xénero.

O caso é que cando a esperanza dos fans parecía perdida, anunciouse que Bioware si retomaría o universo Star Wars, pero a grande sorpresa foi que non o faría dende a fórmula anterior, senón baixo o formato MMO… de pago, por descontado. Iso lévanos ao momento actual, cando tras unha longa espera o xogo leva semanas fascinando a usuarios de todo o mundo.

“The Old Republic” é, en efecto, un xogo multixogador masivo online, un dos xéneros que pola súa rendibilidade económica está mais saturado polas compañías de desenrolo de xogos. Xa sexa polo sistema de cuotas ou de micropagos, os MMO son unha mina de ouro que poucos queren deixar pasar… e aí está boa parte do problema.

Tanto a saturación do mercado dos MMO como o reiterativo e simple da súa fórmula é o primeiro obstáculo co que calquera novo título se atopa á hora de convencer aos xogadores.

The Old Republic parece nacer cunha vacina contra todos estes problemas; o universo mais reverenciado da ciencia ficción, un estudo que conta coa súa propia lexión de fans, e a promesa de facer o primeiro MMO que mantendo todo canto poidan ofrecer os seus competidores engada algo co que ningún deles conta; verdadeira narrativa.

A pregunta é; conségueo?.

Pois ben, formalmente “TOR” pon ante nós o mapa dunha galaxia moi, moi, lonxana para ser explorada seguindo oito posíbeis historias correspondentes ás oito clases do xogo (catro pola república e catro polo imperio). Todas elas ambiéntanse nun tempo tres milenios anterior ao que vimos nos filmes, un tempo de conflito a escala galáctica entre a luz e as tebras da forza. Pero sobre todo, todas son iso; historias.

A primeira e mais fundamental carta que xoga TOR para se distinguir do resto é o peso fundamental da narrativa. A nosa personaxe ten voz e a usa constantemente ao longo dunha trama na que se distinguen con claridade misións principais e secundarias, pero onde até as mais irrelevantes das segundas van precedidas dunha conversa que as presenta e as xustifica, dándonos a opción de posicionarnos e desenrolar o carácter da nosa personaxe, e tamén incluso de rexeitala se o noso heróe non é demasiado colaborador.

Case cada unha das opcións que tomamos na grande multitude de misións, eleccións e diálogos que abordaremos pola galaxia terá repercusións, especialmente as que os seguidores das referencias offline de Bioware atoparán moi familiares; tanto o medidor de virtude/rebeldía de Mas Effect, coma a valoración dos nosos compañeiros de Dragon Age teñen unha equivalencia en TOR, onde dispoñemos dun equipo e nave propias diferentes en cada unha das posíbeis historias que sigamos… Pero que as ilusións non voen demasiado alto; o formato do xogo e as súas limitacións, deixan a tensión narrativa e o intento de crear sensación cinematográfica moi lonxe do experimentado nos outros RPG da compañía.

Aínda asi, estas innovacións converten a experiencia de xogo en algo moi diferente ao que estamos afeitos a ver nos MMO, aínda que non por elo deixe de selo.

A historia deixaranos tempo mais que suficiente para inverter centos de horas colaborando con outros xogadores reais en todo tipo de misións colectivas. A xogabilidade e o sistema de combate non se afastan do habitual no xénero (por mais que os efectos concedan un plus de espectacularidade), e os gráficos, aínda presentando un aspecto moi digno, están aínda moi lonxe do aspecto que mostran os actuais títulos offline (comezando polos da propia Bioware).

A pantalla de xogo e as funcións básicas seguen fielmente o patrón habitual do xénero, e practicamente todo canto poidades ter atopado noutros MMO atoparédelo tamén aquí a maiores das grandes innovacións; o chat, os gremios, os grupos, as misións de grupo en zonas especiais de grande dificultade con premios sustanciais… a única novidade nisto último é que soen estar conducidas por unha historia salpicada de diálogos e eleccións e prantexadas coma un pequeno capítulo de corte cinematográfico que nos poñen ante retos coma salvar diplomáticos do noso bando ou asaltar naves rivais.

Para conciliar a cooperación dos xogadores coa existente historia persoal, Bioware introduce unha especie de turnos nas conversas que terán lugar cando fagamos equipo con outros xogadores reais. Deste xeito, cada un toma a palabra en certas ocasións segundo a resposta que el deu á pregunta e mantendo sempre a personalidade e intereses da súa personaxe aínda que se atope nunha misión de grupo.

En canto á temática escollida, ou se se prefire a explotación da xugosa licenza, Bioware faino con moita solidez. Planetas emblemáticos coma Hoth ou Tattoine serán perfectamente recoñecíbeis e con incontábeis elementos vencellados a estes entornos na saga cinematográfica. A banda sonora de John Williams esta moi presente e moi habilmente empregada, e en xeral tódolos elementos visuais, dende as roupas e armaduras até os comandos de ataque e defensa en combate reproducen moi fielmente o espírito da coñecida cosmoloxía.

Coma MMO recen saído ao mundo, “The Old Republic” é un xogo aínda en construción, que poderá seguir medrando con novas misións e posibilidades que parecen igualmente innovadoras, coma o sistema de legado, que nos deixará unir ás nosas diferentes persoaxes por unha relación de parentesco que permitirá mediante un apelido computar a nosa valoración total no xogo e reportar beneficios ao conxunto dos nosos diferentes alter egos no universo Star Wars, aínda aos que dan os seus primeiros pasiños no xogo (influencias familiares, toda unha tradición dixitalizada).

En resumo, un MMO diferente a calquera outro que teñades xogado e con méritos mais que suficientes para enganchar a un público non necesariamente afeito aos multixogadores masivos online. Altamente recomendábel para fans de Star Wars e da tradicional narrativa e toques distintivos de Bioware…. Iso si, polo momento só para aqueles que teñan unha base no inglés, porque os servidores en castelán terán que agardar.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    8.5
  • SON:
    9
  • XOGABILIDADE:
    8.5
  • DIVERSIÓN:
    9

  • FINAL:
    8.8
NOTAS DOS USUARIOS

Ningún usuario opinou aínda sobre este videoxogo.

Podes ser o primeiro en facelo.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Moucho Branco | Ver as entradas publicadas por Moucho Branco »

«Houbo dous comezos entre os videoxogos e mais eu. O primeiro remóntase a mediados-finais dos 80 e a un Amstrad, un monitor monocromo, e unhas cintas que tardaban o tempo xusto en cargar os xogos para facer a modiño un bocadillo de nocilla. Eran os tempos das quests deseperadas por moedas de 5 pesos co fin de rebentar algún arcade. Logo chegou a NES e a primeira era das consolas, que deixaría momentos gloriosos nos 8 e 16 bits. O segundo comezo foi coa era das tres dimensións e a chegada ás casas dos 32 bits. Foi entón cando comprendín que ao madurar non esquecería os videoxogos, senón que terían o bonito detalle de madurar comigo. E até hoxe seguimos madurando xuntos, (van gañando eles).»

Deixar un comentario