Falling Skywards (ThreeOhFour, 2012)

Por: Sábado, 11 de Febreiro de 2012

Falling Skywards é un dos catorce xogos que compoñen o AGS Bake Sale, un pack que está á venda por unha doazón mínima de pouco máis dun euro. Os cartos recadados van integramente á organización caritativa Child’s Play, dedicada a levar videoxogos e xoguetes aos nenos hospitalizados de todo o mundo. Os catorce teñen en común o motor no que foron programados, o AGS, que xa nomeei anteriormente nalgún outro artigo, sendo por exemplo a ferramenta na que Akkad Estudios programa os seus xogos. O motor creado por Chris Jones en 1997 (que á fin é de código aberto dende o pasado ano), se ben está pensado para a programación de aventuras, os usuarios levan moitos anos a amosar a súa versatilidade, así neste Bake Sale podemos atopar, ademais de aventuras gráficas, outros xogos encadrados en diferentes xéneros, como plataformas, shoot ‘em up e simulación social (mais con pantasmas).

Este Falling Skywards é unha aventura ambientada nun contorno distópico marcado polo devastador impacto dun asteroide. Unha morea de anacos da superficie do planeta foi arrincada e lanzada polos aires, algúns deses retrincos saíron despedidos coa velocidade e dirección axeitada para quedaren atrapados no ceo, orbitando o planeta por sempre, pendurando sobre as cabezas dos habitantes da superficie como un vestixio arqueolóxico dun tempo pretérito onde a vida era máis plácida. Agás unha elite que acapara os poucos recursos sobreviventes ao cataclismo, os habitantes da superficie teñen unha vida chea de penurias, facendo o que sexa preciso para poder levar algo á boca. Como cazatesouros esculcando nos restos de barcos soterrados en peláxicas paraxes, existe unha caste de buscavidas que percorren as ruínas colgantes da civilización anterior na procura de calquera cousa de valor que vender á aristocracia, os chamados scavengers. O de scavenger é un oficio moi perigoso, se ben a gravidade a esas alturas é moito máis feble facilitando o salto entre fragmentos do vello mundo, un paso en falso pode ser o derradeiro, o aire non é denso abondo para ser respirado e a temperatura mantense moi baixa. Os scavengers dependen do seu escafandro e a súa reserva de osíxeno, amais do seu compañeiro ao outro lado da radio, esperando nun avión co combustíbel xusto para un rápida procura, coa ilusión de atopar obxectos valiosos abondo para mercar algo de comida e gasolina para seguir tirando. Roger é un deles, un mozo que leva toda unha vida, dende que comezou de cativo xunto a seu pai, dezaoito anos xa, saltando de casas ruinosas a rúas incompletas. Mais esta vez será diferente, o rapaz, nada máis comezar unha fugaz expedición, dá con algo que xamais vira en todo este tempo, unha árbore… viva! Este é o argumento de Falling Skywards, interesante, non si?

Ben Chandler é o creador desta aventura, fíxose un nome nos foros do AGS polos seus marabillosos fondos a baixa resolución e a súa inventiva para crear universos, Falling Skywards é unha mostra máis da súa capacidade. Acertado coma sempre na escolla de paleta, é capaz de darlle forma con mestría a ese particular hábitat en caída perpetua so as estrelas. O minucioso traballo no sombreado dos fondos non atopa continuación no sprite do protagonista; alleo aos cambios de luz, preséntasenos menos integrado nos escenarios do que cómpre nun traballo desta calidade gráfica (a falla de reescalado ao se mover pola pantalla tampouco axuda).

Por máis que o aspecto visual sexa o forte de Chandler, Falling Skywards é unha obra por riba de todo literaria. Os monólogos do protagonista supoñen a principal fonte de información do xogador, afórrase ao non amosar certas situacións aínda que ten notábeis animacións suplementarias. Os crebacabezas son pouco máis ca unha trécola para que esteamos a falar dunha aventura, exiguos e pouco imaxinativos.

A interface segue esa austeridade interactiva, reducida a un sistema de dous clics, interacción e observación. A resolución está orientada por completo ao uso de obxectos nos escasos puntos quentes. Se ben a narración de Falling Skywards non aproveita as singularidades da aventura, este pequeno xogo, que remataremos dunha asentada, resulta interesante en tanto que nos conta unha historia orixinal e ben ambientada. Ao traballo gráfico úneselle unha desacougante banda sonora na que uns borboriños, que todo scavenger escoita mais raramente menciona, acompáñannos durante toda a aventura como ecos do pasado atrapados nos muros dun mundo que se esvaeu nun instante.

Sobre o autor:

@Miguel R. Fervenza | Ver as entradas publicadas por Miguel R. Fervenza »

«Os oitenta transformábanse devagar no ubérrimo esterco do que se nutrirían as aventuras gráficas namentres un verde fulgor actuando tal que bioluminiscente reclamo sexual de vella das papas fixaba a miña atención na monocroma xanela trala que se erguía un universo enigmático. Dende entón, varredores cósmicos, motoserras desprovistas de combustible, inchables bonecas escorregadizas e monos tricéfalos aprópianse das miñas noites.»

Deixar un comentario