Os catro xogos máis infravalorados desta xeración

Por: Mércores, 1 de Febreiro de 2012

Diñeiro, o único que interesa e funciona

Estamos nunha época que a telecomunicación aliméntase dunha soa palabra: publicidade, e se nos poñemos a pensar un chisco no relacionado aos videoxogos o tema está igual, é dicir, aquelas compañías que teñen máis cartos e se poden permitir unha publicidade esaxerada é a que conseguirá a mellor nota e as mellores ventas.

Pero non podo mencionar isto sen ver a obviedade máis grande, que as desenvolvedoras que máis cartos teñen non só se limitan a gastar en publicidade senón que na maioría das veces tamén teñen os mellores recursos para que un xogo sexa de mellor calidade, aínda que como todos poderedes saber, non sempre é así.

Deste xeito hai veces que un empresa aprobeitase simplemente do seu nome e crean títulos como Final Fantasy XIII ou Metal Gear Solid 4, xogos que se tivesen outro nome e outras compañías non estarían na portada de moitas revistas.

Pero non estou aquí para falar dos xogos máis sobrevalorados (xa terei tempo), porque como non hai branco sen negro, nin sapo sin sapa, tamén existen unha serie de xogos que por non ter a suficiente publicidade, non chegan ao suficiente público que logren ver a súa calidade, polo tanto déixanse pasar inmerecidamente.

Xusto aquí é onde quero comezar a falar, e pensando un intre teño catro xogos na mente que pasaron ao esquezo e que deberían ter outra oportunidade.

Singularity é o primeiro deles, un FPS divertidísimo no que nos meten no corpo dun home con poderes como retroceder no tempo e reconstrución de obxectos e que nos fará avanzar por uns escenarios moi ben plantexados no que deberemos explotar de verdade os nosos poderes.

Pero non só isto, senón que a súa dificultade está moi axustada, e cando digo axustada, digo que non será tan doado pasalo como acontece con outros do mesmo xénero.

Graficamente, aínda que non está á altura dos grandes como Modern Warfare non desentoa en absoluto nesta xeración o que fai que sexa un xogo máis que recomendado para aqueles amantes dos shooters en primeira persoa.

Chamarédesme parvo, pero sigo vendo un factor moi importante na diversión do xogo, e asegúrovos que Singularity cumpre con este requisito. Xusto aquí é onde se diferenzan os FPS máis divertidos, porque un título como FEAR 3, por poñer un exemplo, acaban aburrindo por ter que facer exactamente o mesmo durante todo o título.

Penso que hai que ofrecer máis, convidar ao xogador a introducirse no videoxogo, facelo partícipe das accións máis inesperadas e sobre todo tentar que se vexa reflexado e que o invite a xogar. Cando isto falla, temos pseudoproductos que non chegan moi lonxe, o único claro, que estea respaldada por unha poderosa compañía que nos “obrigue” a mercalo pola agresiva campaña publicitaria. Queredes exemplos?, véxase a saga Assassin´s Creed, ups, isto vaime supor unha perda de visitas.

O segundo título que non quero deixar de mencionar é a obra creada por Ninja Theory (actuais responsábeis de escarallar a quinta entrega de Devil May Cry, esperemos que non), e non é outro que Enslaved.

Enslaved é unha aventura en terceira persoa na que a cooperación é a clave de todo o xogo e sitúannos nun mundo post apocalíptico, pero lonxe dos ceos escuros e terras desertas, avanzamos por escenarios cheos de vexetación e cun emprego da cor espectacular.

Son consciente dos erros deste xogo como a facilidade coa que se pasa e algúns erros na xogabilidade, pero ten algo que consegue captar ao xogador, é dicir, consigue que este queira seguir xogando invitándote a descubrir novas localidades.

Ademáis conta cun argumento moi digno e unhas escenas que cautivan a calquera. Ninja Theory podería ter aquí o seu verdadeiro futuro, pero non, quixo meterse nun título que conta cunha gran reputación, e non sei eu como irá.

Epic Games tamén realizou un xogo espectacular, un FPS chamado Bulletstorm que non chamou moito a atención, será porque todos pensabamos en Gears of War?, non sei, pero Bulletstorm consegue captar a brutalidade e epicidade de GoW e plasmala noutra perspectiva o que converte este título nun xogo cheo de sorpresas, de cen formas de eliminar a inimigos (dándonos puntuación), de situacións brillantes, de insultos por todos os lados e de disparos sen descanso. Moi apto, só para maiores de 18 anos, como é típico de Epic.

E para rematar vou falar dun xogo de condución arcade, o Split Second, un xogo que imita irremediablemente a Burnout (tanto en desenvolvemento como en apartado gráfico) pero con melloras ao respecto. Só vos direi que pensedes nunha carreira habitual de Burnout,é dicir, velocidade extrema, curvas a trescentos por hora, colisións…pois engadídelle a posibilidade de modificar o noso entorno como tirar unha grúa enriba dos rivais, estoupar camións costerna, derrubar un edificio e até provocar un accidente de avión para que este atravese o circuíto. Tedes isto en mente, pois isto é Split Second, un dos xogos máis espectaculares de condución.

Aínda así, tiña contras moi pronunciadas como o limitado número de circuítos e os excesivos tempos de carga, pero imaxinádevos unha segunda entrega que corrixise isto, sería impecábel. O problema é que a súa desenvolvedora pechou as súas portas pouco despois do seu lanzamento, un exemplo máis de que un xogo non se vende pola súa calidade, senón pola súa publicidade. Estou seguro que se Split Second se chamase Bornout, o conto cambiaría drasticamente. Unha pena que se deixen escapar títulos así, unha pena.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

1 Comentario a “Os catro xogos máis infravalorados desta xeración”

  1. An di:

    Se non chega a ser por latrica costaríame moito seguirche…Estes xogos quedanme moi grandes. Apertas meu

Deixar un comentario